.
Meu dito, meu feito. Irrompe inexorábel o inverno e a mingua dos días virá de ganchete co agoiro do tren-alustro. A enchente de ferralla e formigón alagará o val de Cerdedo e, mentres en pé se teña, a mole cincenta asombrará a conca do Lérez, a aldea de Folghoso, a ermida do Pegho, o coto de Mámoas, a Torre dos Mouros, a Veigha dos Muíños... Xa nada volverá ser coma antes.
A terra das cerdeiras ou dos carballos –pois Cerdedo é un lugar complexo mesmo na súa toponimia– leva meses ocupando a primeira plana dos rotativos: que se é o lugar idóneo para relocalizar unha pasteira, que se a vaga de lumes, que se decidiron a sorte da Deputación, que se outro atentado contra o monumento aos mártires de Pedre, que se o lobo comellón..., e o AVE. Xamais nunca se lle emprestara tanta atención a este relanzo da montaña pontevedresa.
Cerdedo, a valgada dos ríos Castro e Seixo, alí onde o Lérez se fai xente, malia os desatinos ambientais cometidos, segue sendo un paraíso. Cando menos, a alguén aínda llo parece. Decimado pola emigración de sempre e o imposibilismo de hogano, o vello “Ceresetum” ou “Cercetum”, á raxeira dunha decadencia subvencionada, disfrázase de vila, agachando tras os prefabricados e os farois “isabelinos” a súa esencia aldeá, a súa verdade.
Xestionando asisadamente o patrimonio material e inmaterial, a harmónica herdanza dos nosos devanceiros, pódense abofé resucitar lugares deprimidos. Son abondosos os exemplos –e non vou empregar o do concello ourensán que todos coñecemos–. Pregúntome cal será o engado que empregan os propietarios das casas de turismo rural da zona para atraer os seus clientes: monotonía forestal?, parcelamentos tarde, mal e porcamente?, parques eólicos?, hidroeléctricas?, vereas intransitábeis?, “feísmo” en xeral?..., e o AVE.
A “alta velocidade” non é “unha Nosa Señora de ferro”, a bela metáfora do ferrocarril loado por Curros no seu Aires da miña terra do ano 1880. O AVE non fecundará os terreos de Cerdedo, nin espertará os homes –agás cando faga soar a bucina–, nin vai facer “frolecer” os eidos. O AVE non achegará á aldea nin a fartura, nin a luz, nin o progreso. O viaduto, o tunel e a entulleira, que serán os cachos de torta de “progreso” que coma Cerdedo, suporán renunciar definitivamente á posta en valor da súa singularidade como estratexia de supervivencia. E non che é mala estratexia, mentres agardamos por un mesías que lle dea outra oportunidade á agricultura ou que teza de vez o encaixe industrial.
Cerdedo en troco do ben común, en troco do interese xeral, escoitarase con vehemencia. Mais non tal. O AVE é un capricho de novos ricos. Si, nós, a unha xeración da miseria, ataviados de “Armani” e co cu rachado. Todos laian polo tren de primeira e para os de primeira (aqueles que mercadorean en Madrid), mentres o ferrobús de terceira, que é no que viaxa e viaxará o común, cómpre empurralo nas costas, asoballa xente nos pasos a nivel e para usalo é indispensábel posuír o título de cosmonauta polo demorado das viaxes.
É comprensíbel que os da capital de España queiran ter a beatífica paisaxe galega no cabo da escaleira. É coñecido o interese das construtoras (ou destrutoras) para que así sexa. O artigo “Contra o despotismo da velocidade”, extraído da Encyclopédie des Nuisances, é certeiro cando afirma que o pulo da viaxe nace moitas veces no desexo de ir buscar noutra parte xa non o novo, senón o vello, é dicir aquilo que un viu destruír alí onde vive. Mais nós, os outros galegos, os afastados do apeadoiro, tamén temos dereito a vindicar o noso pan de mañá e a chegar a Lugo con día.
Antes de que os bulldozers e as padexadoras braden famentos na valiña, antes de que lles deixemos levar devesas, poulas e estivadas a prezo de saldo; antes de que dende os rueiros despoboados nos sorprendamos ollando babiolos o galgar do convoi –Cerdedo xa sempre por debaixo–, salientaremos unha vez máis cal é o verdadeiro ouro negro da aldea e do que aínda hai xenerosas anque limitadas reservas: a beleza e o silencio. Ollo ao tren!
.
Faro de Vigo, 28-10-2007
.
Faro de Vigo, 28-10-2007
.
>>>
Fotografía: Pintada contra o AVE.
.
.
Léase a crónica da 5ª edición da xornada cultural TERRA DE TODOS, organizada por Verbo Xido arredor da problemática do AVE e celebrada en Cerdedo:
.
.
..
No hay comentarios:
Publicar un comentario