7/2/12

O SERRAPIO: A INACABADA HISTORIA DUN ESPOLIO

.
.
.
.
..

Desafiando o incerto porvir, unha ducia de casas mantéñense hoxe en pé no lugar do Serrapio (Pedre-Cerdedo), a ambos os dous lados da serpeante estrada PO-230 e na ourela dereita do río Lérez. Como é sabido, na década dos setenta, Fenosa, adoecida pola construción do encoro de Dorna (Cotobade), someteu a expropiación a feracísima ribeira do Lérez. A usurpación legal e o anunciado asolagamento motivaron a derruba dunhas vinte e cinco edificacións, venda e dispersión de hórreos, traslado a Codeseda do fermoso muíño da Pontapedre (de catro moas), despoboamento... O macroencoro de Dorna, unha constante ameaza, sumarase, se ninguén o remedia, ás represas xa construídas na maltreita madre do Lérez, pechando un novo e disparatado capítulo da destrución do noso patrimonio.

.

Probabelmente, a inexorábel inundación, que converterá Serrapio noutra das aldeas míticas galegas sepultadas baixo as augas, sexa a causa pola que as autoridades teñen esquecido a restauración da Pontapedre. Xa non porque o desleixo permitise o roubo da cruz que a enfeitaba, senón porque o estado das loadas ponte medieval e calzada romana é ruinoso. Obsérvese, río abaixo, a derruba parcial dun dos estribos ou contrafortes. Repárese no peitoril zafreado. A Pontapedre cae aos cachos. A pedra que poida escusar o “paseo” do eirado da Pena, en Cerdedo, úrxelle á ponte de Pedre. Os veciños do Serrapio séntense abandonados –así mo fixeron saber–, porén, nas webs promocionais do concello, faise gabanza e reclamo turístico da “encantadora atmosfera pantasmagórica” destes predios. Rir por non chorar.


No ano 1937, nunha das lousas do lombo de mula, un tal Manolo C. O. riscou o perfil da ponte e, no gravado, amais dos tres arcos, non esqueceu engadir a cruz. Este é o único testemuño da súa pasada existencia.

.

Serrapio é topónimo espiñento, pois, alén de o considerar un orotopónimo derivado de “serra” –terreo montañoso por oposición ao terreo chan e ao campo aberto–, ou como escribiría Sarmento, “apretura entre dos sierras”, tamén se podería enxergar, segundo Martínez Lema, un hidrotopónimo derivado da raíz prerromana *ser-/*sor- “fluír, manar” –lembremos a proximidade do río–; ou como interpretan Alonso-Lada para o Serrapio do concello asturiano de Ayer, un haxiotopónimo vencellado co deus pagán Serapis, equivalente antropomorfo da vacúa divindade exipcia Apis, o touro que porta entre os seus cornos o disco solar. Finalmente, Serrapio, segundo recolleu C. García González (1985), tamén significaría “pedra con barro”, axeitándose á calidade mineralóxica do lugar: abundancia de pedra de gran groso.

.

Nun promontorio rochoso localizado ao leste da aldea, ergueuse no século XVIII unha capela na honra de san Lourenzo mártir (séc. III) que fora queimado vivo nunha grella. Conta a lenda que, mentres o abrasaban, o santo retranqueiro pronunciou aquilo de: “Dádeme a volta que por este lado xa estou no punto”. En tempos do papa Sixto II e do emperador Decio, época na que os cristiáns padeceron persecución, entre os tesouros eclesiásticos postos ao coidado do diácono Lourenzo, figuraba o Santo Grial. Curiosamente, a igrexa de san Vicente de Serrapio, no amentado concello de Ayer, de evocación templaria, coquetea coa custodia do sagrado cáliz.

.

No Serrapio, o san Lourenzo de inverno festéxase o día de Reis e o de verán, o 10 de agosto. Os fieis sacan o santo en procesión na compaña de santa Lucía: ao saíren, viran á esquerda, arrodean a capela e volven entrar pola dereita. Mediado o mes de agosto, tamén se pode contemplar no ceo da noite o fenómeno astronómico coñecido polas “Bágoas de san Lourenzo”, ou “Perseidas”, unha cativadora chuvia de meteoros. O día 13 de decembro, como é preceuto, os veciños do Serrapio celebran a santa Lucía, patroa dos cegos e tamén dos labregos. En 2009, visitei, na veneciana igrexa de San Geremia, o sartego que contén o corpo incorrupto da mártir (séc. III).

.

A capela do Serrapio foi roubada en cinco ocasións. Nunha delas, os ladróns mesmo tencionaron prender lume no interior. As tallas orixinais: unha Purificación, un san Francisco, un san Fernando... foron substraídas; non así o padroeiro, san Lourenzo, pois, ao parecer, sendo como é unha imaxe de escaiola, non lles encheu o ollo ás rapinas.

.

A peneda, a carón da cal se ergueu a capela, non é cousa de pouco. O terreo adxacente noméase As Torres. Dous cruceiros, unha cruz e un pombal acompañan o acceso ao adro pedrento. En tempos recuados, nunha das penas, labrouse toscamente, a uns dous metros do chan, unha sorte de podio orientado cara ao nordés. No cimo, non faltan as pías, luídas no gran formiguento. Dende alí, cara ao sueste, sobrancea nos agros, a carón do río, o coto das Sínsoas (Insuas).

.

Sáenos ao encontro un aldeán, acompáñanos amabelmente na visita á capela, ábrelle a billa a un chafariz e, mentres escoitamos a auga bater no pío, conta que hai uns días lle entraron na casa; confesa contrariado que lle riparon dúas motoserras, unha do trinque, e algunha máis cousa. Indefensión. Facendo un alto no avío do xantar, outro veciño amosa unha fotografía aérea do Serrapio preexpropiado. Que desfeita! A postergación sine die das obras do pantano animou algúns a tornar á casa que os vira nacer. O gando volve pacer pousón nas veigas. A solleira mañá tráeme á memoria o querido Manuel Monteagudo quen, ao longo de vinte anos, plasmou na prensa a súa oposición á todopoderosa hidroeléctrica: “Ustedes me desarraigan, ustedes rompen mi círculo social, mi comunidad de vida, el paisaje, el aire, aquel camino, aquel recuerdo, mi historia como ser humano y hasta los muertos (Diario de Pontevedra, 22-10-1978)”.

.

Calros Solla
.
.
Ligazón ao artigo do Faro de Vigo (7-2-2012):
.

29/1/12

O ACHADO DAS BANDEIRAS DO REXEMENTO DA UNIÓN EN SANTA CLARA (PONTEVEDRA)

.
.
AMAIS DAS BANDEIRAS DO REXEMENTO DA UNIÓN, A IGREXA DE SANTA CLARA (PONTEVEDRA) GARDABA OUTROS SEGREDOS:
.
.
..
.
.
Sheela na Gig, a deusa Moura do templo de Santa Clara
.
Moitos son os segredos que atesoura a pontevedresa igrexa conventual de Santa Clara (séc. XIV). Amais das xa amentadas bandeiras do glorioso Rexemento da Unión que, ás ordes do coronel Pablo Morillo, liberou a cidade de Vigo e defendeu vitorioso Ponte Sampaio en tempos da decimonónica francesada; amais do retablo barroco que adobía o altar mor, protagonizado pola Ascensión; amais das vidreiras da ousia, ocultas tras o retablo; amais das reliquias de san Vicente mártir (sécs. III-IV), amais da fermosa táboa da Virxe dos Desamparados..., no muro norte do edificio, sumándose á sucesión de canzorriños que sosteñen o beirado da cuberta, e ocupando unha posición central (14º pola esquerda, 16º pola dereita) unha grotesca figura exhibe coa desinhibición propia das deusas a súa hiperbólica vulva. E os ollos arelan devezosos recrearse na súa indecorosa actitude. Velaí a impúdica e desapercibida Sheela na Gig.
.
Sheela na Gig, “Xela a da gran cona”, é a denominación, cecais gaélica, da nosa Moura, a Vella, a Deusa Nai Terra dos primitivos galaicos. O seu anónimo escultor, un canteiro da décimo terceira centuria, inspirándose na tradición celta, común á Europa atlántica, labrou na pedra sustentante a singular iconografía da Moura, deidade primixenia, omnipresente no folclore galego. A exuberante nudez da muller faise acompañar, entre outras figuras (29), dun itífalo. Cremos que esta feitura da Moura é única na cidade de Pontevedra.
.
Segundo os estudos consultados, a talla pétrea de Sheela na Gig amósasenos unhas 146 veces nas Illas Británicas, tamén en Francia, Suíza, Noruega..., adobiando, as máis antigas, a arquitectura medieval. Cómpre, daquela, non esquecer a Moura do santuario galaicorromano de Pena Furada (Coirós-A Coruña), precursora na exaltación da súa feminidade, que viría ratificar o berce galego do celtoatlantismo.
.
A Moura representada na igrexa de Santa Clara, esvaecida a súa identificación coa prehistórica Deusa Nai Terra, o nume da fertilidade, a divindade que todo o prové, foi asumindo co paso do tempo funcións apotropaicas, amuleto protector contra o mal, encarnado na figura do demo. Outros, na liña do bispo de Córdoba, verían nela unha alegoría da luxuria, incitándonos, paradoxalmente, a “fuxir da fornicación”.
.
Calros Solla
.
.
Léase a reportaxe de Fernando Salgado no Diario de Pontevedra (29-1-2012).
.
.
.