31/8/10

DO CASTRO DE ARÉN AO CASTRO DE ARÁN

.
..
.

Regresei hai uns días de Irlanda tras unhas semanas de afastamento reparador. Teño por san costume investir o lecer e os aforros en pór o pé fóra de Galiza para abesullar como se remexen aqueles cos que partillamos o planeta. Non disimulo a miña satisfacción por atinxir novamente os horizontes cotiás, mais o retorno sempre fai agromar en min a mesma sensación: os galegos somos un pobo indolente, aborrecido e os nosos gobernantes, ademais, un fato de oportunistas que só arelan meter o seu con día.

.

Ao baixar do avión, a primeira na testa: morte de dous brigadistas nun incendio en Fornelos. Todos os veráns o mesmo espanto. Hai xeitos inasumíbeis de perder a vida, morrer sufocando lapas nos eucaliptares –e por catro pesos– é un deles. Os bombeiros falecidos son uns heroes, as distintas administracións que enxeñan a política forestal deste país son as únicas responsábeis. Non haberá remedio para a eiva do lume mentres non se restaure e preserve a paisaxe de noso. Non lexislar en prol do sector agropecuario é unha tolería. Plantar eucaliptos debera ser delito. A tala e reforestación dos eucaliptares é tarefa urxente. O desmantelamento da Celulosa –desbótase a relocalización– non admite demora. Xogar ás agachadas coas cifras de incendios é unha actitude ruín, propia de quen ansía perpetuarse no poder custe o que custe.

.

Engádanlle á situación crítica da nosa biodiversidade o desatino inmobiliario. Canto máis permisivas sexan as autoridades á hora de outorgar licenzas construtivas máis gozarán do favor do público. Aspiramos neste senso a rexernos pola “lei da selva”, se esta se entende por desgoberno. Cómpre recoñecelo, somos un pobo inculto, desleixado e os nosos gobernantes, á altura das circunstancias, unha tropa de mediocres aos que lles vén moi grande o labor de xestión do noso patrimonio.

.

Visitei un país, Éire, acaneado tamén pola crise. Coñecín un pobo, o irlandés, que sabe, malia que ninguén é perfecto, tirarlle proveito ao que a natureza e o devir da súa historia lle teñen outorgado. O turismo é, para esta illa do Atlántico, un gurgullante manancial de riqueza. Irlanda non oferta sol e praia ou requintada gastronomía, Irlanda ofrece unha envexábel paisaxe e unha modélica conservación do seu patrimonio arquitectónico. Verbo da paisaxe, os nosos gobernantes teiman en disfrazar, a golpe de Photoshop, a “rota do somier” para facela “camiño xacobeo”. Verbo da gastronomía, os nosos gobernantes ergueron a degustación do prato típico á categoría de pastranada –“Agora é cando Galicia é como (de comer)”–, pois abondan na nosa terra “festas gastronómicas” que só denigran o produto que pretenden enxalzar. Teñen razón, son un éxito de público. Fame conxénita.

.

Tornando ao rego, Irlanda, mellor dito, os irlandeses séntense orgullosos de ensinarlles ao mundo todo aquilo que souberon conservar e, así mesmo, séntense moi dispostos a cobrarnos por ensinárnolo. Alguén estará pensando que non hai que ir tan lonxe para testemuñar tan sabias maneiras de proceder, pensemos na veciña Asturias ou na achegada Cantabria. Miren, o da incapacidade, impericia ou incompetencia da caste política galega é merecente de estudo. Uns diran “temos o que merecemos”. Eu digo “padecemos todos, algúns máis ca outros, o que a maioría merece”.

.

Instalado nun confortábel “bed & breakfast” da cidade portuaria de Galway (Gaillimh), propúxenme visitar Aran Islands, arquipélago formado por unha tríade de illas nas que se ten a honra falar gaélico e non inglés. Na meirande, nomeada Inis Mór, localízase o castro de Dún Aonghasa, meta do meu periplo celta. Viaxe contratada na oficina de turismo local: autobús até a vila de Ros an Mhíl, ferry até a aldea de Cill Rónáin xa en Inis Mór, e alí, taxi-bus, carro de cabalos, bicicleta ou a pé. O pedregal da illa grande amosou incólume todos os seus encantos a unha marea de xente. Visitei as ruínas de Teaghlach Éinne, capela e cemiterio, e véuseme a cabeza a arruinada ermida do Pego (Cerdedo), visitei as ruínas da fortificación de Dún Eochla e véuseme a cabeza a arruinada insua do castro de Montes (Forcarei), visitei os cantís espidos, como Deus os trouxo ao mundo, e véuseme a cabeza a nosa abafada liña de costa; visitei por fin Dún Aonghasa, o castro de Arán, e viñéronseme a cabeza os milleiros de castros galegos, entre eles o de Arén (Cerdedo), esquecidos no mellor dos casos, derruídos moitos deles, asoballados por galpóns (citania de Las), agardando que se faga a luz na palafurna cranial de alcaldes e conselleiros.

.

Eu, humildemente, sigo apostando polo monte do Seixo e a súa mítica contorna e non lle perdín a fe ao xa divulgado “Proxecto Montaña Máxica”. Porén, chéirame que o encefalograma plano instalado no poder preferirá seguir perseguindo os nosos sinais de identidade –sóalles o galego?–, inaugurando “casas da cultura” ou mesmo “cidades”, para as que non se ten disposto contido ningún e permitindo que a nosa singularidade, alén dos muros dos museos, sucumba a mans do “laissez faire”, da chambonada, do autoodio ou dos incendios forestais. Sempre nos quedará Irlanda.

.

.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Tes toda a razón, compañeiro.