31/7/10

Texto do MANIFESTO ANTITOURADAS (Pontevedra, 31-7-2010)

.
.
Manifesto en prol da abolición das touradas en Pontevedra (31 de xullo de 2010)
.
.
Boas tardes a todas e a todos. En nome dos convocantes doulles as grazas por participaren neste acto cívico que ten por loábel obxectivo a abolición na Galiza, xa que logo en Pontevedra, do espectáculo de tortura e morte dun animal (Bos taurus) a mans doutro animal (Homo sapiens sapiens) –moitos sapiens para pouco homo–, sanguento costume que se remonta ao século XII, é dicir, contemporáneo aos métodos de castigo enxeñados á medida do home como o poldro, o apachocacabezas ou a doncela de ferro. Este horrendo modo de proceder cos touros definíase até hai pouco como “fiesta bárbara” (sinónimo de extremadamente cruel, atroz e salvaxe); hogano, emprégase a denominación eufemística de “fiesta nacional”.
.
Non hai unanimidade neste noso mundo globalizado verbo da erradicación dos tradicionais e modernos métodos de tortura practicados polos humanos sobre os humanos, tampouco a hai respecto da prohibición dos tormentos aplicados polos humanos sobre os animais, especialmente, o metódico sistema argallado para o touro, bendicido polo consuetudinario e fachendosamente exhibido como marca de identidade da cultura española. O suplicio de persoas e animais convértese adoito en espectáculo público para goce da masa afervoada: pan e circo.
.
Permítanme que dirixa a miña voz cara a todos aqueles necios que se dedican a perverter obstinadamente o concepto de “liberdade”. Os defensores das “corridas de toros” ‒intelectualoides que non atendo, políticos populacheiros que non voto, medios de comunicación colaboracionistas e intoxicadores que non sigo‒, véndose incapaces de xustificar esta carniza, veñen apelando aos argumentos do ecoloxismo, da arte, da cultura, da tradición e dos postos de traballo. Mais os seus sofismas non foron quen de nos engaiolar. Os aquí presentes, perante o matadoiro da Moureira só vemos subsistencia condicionada dun espécime animal, morboso artificio, “lástima de bois” –Castelao dixit–, detestábel tradición, desmesura alcólica e unha empresa privada subvencionada con diñeiro público. Desboto por extemporáneo o argumento das connotacións independentistas da nosa protesta porque, alén do dereito inalienábel dos pobos á autodeterminación, a defensa dos valores éticos soborda calquera fronteira. Desprovistos pois de razoamentos convincentes, os frustrados matarifes botaron man, desesperadamente, do argumento da liberdade vulnerada.
.
Para o seu enfastío e para a nosa satisfacción, o Parlament de Catalunya, en representación da soberanía popular catalá, aprobou o pasado mércores, en liberdade e de xeito maioritario, vetar a celebración de touradas con morte no seu territorio, como xa antes, nunha decisión pioneira, mais de escasa cobertura informativa, fixera o pobo canario. Agora tócanos a nós. Os primeiros pasos xa están dados. Sigamos traballando en prol de propagar o exemplo. Pido un caloroso aplauso polo triunfo, malia que restrinxido, da cordura e do sentido común.
.
A liberdade é a facultade pola que unha persoa decide o seu modo de actuar, dentro das normas establecidas. Toda norma razoábel acadará a categoría de lei para garantir o seu cumprimento, mais hai leis que retorcen a norma até convertela nun vurullo paradoxal e incomprensíbel, contravindo o sentido común. Acubíllanse os fanáticos da refundada liberdade nun baleiro legal, mais ben nunha arteira incoherencia. Aprobada polo Parlamento galego o 13 de abril de 1993, a Lei de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, no seu artigo 5º, e en referencia aos espectáculos, di:
.
Aptdo. 1º.- Prohíbese a utilización de animais en espectáculos, pelexas, festas populares e outras actividades se isto pode ocasionarlles danos, sufrimentos ou facelos obxecto de tratamento antinatural.
.
Mais, a continuación e sen rubor, engádese:
.
Aptdo. 2º.- Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta Lei a “festa dos touros”, encerros e demais espectáculos taurinos.
.
É desconcertante a actitude ambigua –e covarde– dalgúns gobernantes que din ter escrúpulos das prohibicións. ¿Aqueles que non están por prohibir as touradas estarían tamén por permitir calquera outro espectáculo de maltrato animal? Xa que hai tanto reparo en prohibir, ¿por que son ilegais, por exemplo, as pelexas de cans? Lexislar, gobernar leva implícito prohibir.
.
Non hai argumentos que xustifiquen a exclusión dos touros do abeiro da lei. Non hai argumentos que xustifiquen a diferenza que se establece entre un touro bravo e, por exemplo, un porco bravo; ou quizais, si: o xabaril non dá xogo, non divirte o público, non sangra ou fai sangrar como é debido, non atura o tormento con elegancia, non tarda en morrer, non mira polo negocio, non xera riqueza. Ao xabaril resérvaselle a escopeta.
.
Coido que queda ben exemplificado o vello dito de “Quen fixo a lei fixo a trampa”, ou aqueloutro de “Van as leis para onde queren os reis”, e nunca mellor dito.
.
O máis insoportábel deste trampitán é descubrir que os hipócritas compoñedores do devandito texto legal gábanse de telo redactado inspirándose nos criterios incluídos na I Declaración dos dereitos do animal, aprobada pola UNESCO e ratificada pola ONU.
.
O máis arrepiante é testemuñar como, acurralados os necrofílicos nas súas contradicións, reméxense con espaventos poñendo mesmo en cuestión que os animais poidan ter dereitos. Se en nome da liberdade, hoxe cuestionamos a vixencia dos dereitos dos animais, en nome desa mesma liberdade, mañá cuestionaremos a vixencia dos dereitos humanos.
.
Permítanme daquela, previo ao manifesto que hoxe nos reúne, dar lectura ao articulado da Declaración universal dos dereitos do animal, feita pública en Londres o 23 de setembro de 1977, aprobada, como se dixo, pola Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO), posteriormente, pola Organización das Nacións Unidas e asumida, dende aquelas, pola humanidade. Valla este preámbulo para atallar, no posíbel, a nosa ignorancia, a nosa desmemoria, a nosa insensibilidade e a nosa incongruencia.
.
Xa lles anticipo que o espéctaculo chamado tauromaquia obvia dez dos catorce artigos nos que se vertebra esta declaración. Son eses dez artigos os que paso a referir:
.
Artigos desoídos da Declaración universal dos dereitos do animal:
.
Artigo 1º.
Todos os animais nacen iguais perante a vida e todos teñen os mesmos dereitos perante a existencia. Non se cumpre.
.
Artigo 2º.
Todo animal ten dereito a ser respectado. NsC
.
O home, xa que especie animal, non pode atribuírse o dereito de explotar ou exterminar os outros animais e ten a obriga de pór os seus coñecementos ao servizo dos animais. NsC
.
Todos os animais teñen dereito á atención, aos coidados e á protección do home. NsC
.
Artigo 3º.
Ningún animal será sometido a malos tratos nin a actos crueis. NsC
.
Se é necesaria a morte dun animal, esta debe ser instantánea, indolora e non xeradora de angustia. NsC
.
Artigo 4º.
Todo animal pertencente a unha especie salvaxe, ten dereito a vivir ceibe no seu propio ambiente –terrestre, aéreo ou acuático– e a reproducirse nel. NsC
.
Toda privación de liberdade, mesmo aquela que teña fins educativos, é contraria a este dereito. NsC
.
Artigo 5º.
Todo animal pertencente a unha especie que viva tradicionalmente na contorna do home, ten dereito a vivir e a medrar ao ritmo e nas condicións de vida e de liberdade que lle sexan propias á súa especie. NsC
.
Toda modificación de dito ritmo ou de ditas condicións que fosen impostas polo home con fins mercantís, é contraria a este dereito. NsC
.
Artigo 9º.
Cando un animal é criado para a alimentación debe ser nutrido, instalado e transportado, así como sacrificado, sen que isto lle provoque dor ou ansiedade. NsC
.
Artigo 10º.
Ningún animal debe ser explotado para entretemento do home. NsC
.
As exhibicións de animais e os espéctaculos que se sirvan de animais son incompatíbeis coa dignidade do animal. NsC
.
Artigo 11º.
Todo acto que implique a morte dun animal sen necesidade é un biocidio, é dicir, un crime contra a vida. NsC
.
Artigo 13º.
Un animal morto debe ser tratado con respecto. NsC
.
As escenas de violencia nas cales os animais son vítimas, deben ser prohibidas no cine e na televisión, agás se teñen como fin amosar os atentados contra os dereitos do animal. NsC
.
Artigo 14º e derradeiro.
Os dereitos do animal deben ser defendidos pola lei, como o son os dereitos do home. NsC
.
.
(Manifesto unitario)
.
A TORTURA NON É ARTE NIN CULTURA. POLA ABOLICIÓN DAS TOURADAS
.
As touradas están baseadas na tortura, a dor e o ensañamento co touro. Transmiten valores negativos, como o uso inxustificado da violencia, o desprezo cara os dereitos dos animais, o goce coa tortura e o maltrato animal. Segundo a Declaración Universal dos Dereitos dos Animais, artigo 11º: "Todo acto que implique a morte dun animal sen necesidade é un biocidio".
.
As tradicións deben funcionar como soporte do que nos define e constrúe, mais tamén do que esperamos no futuro. Aquelas que están sustentadas na violencia e no aniquilamento non fan máis ca perpetuar comportamentos que deben ser rexeitados da sociedade.
.
Ademais, para os galegos e as galegas, as touradas non teñen nada que ver coa nosa historia nin coa nosa cultura, chea de tradicións populares que esmorecen e que si son dignas de recuperación.
.
AS TOURADAS PAGÁMOLAS TODOS/AS: 564 millóns de euros de axudas públicas no 2010
As tempadas taurinas, as escolas e as gandarías son financiadas con diñeiro público que tamén pagamos as galegas e os galegos, que somos os que menos interese temos nas touradas en todo o Estado. Segundo diversas enquisas, o 90% dos galegos consideramos que a tortura dos animais como diversión debe ser suprimida, e a inmensa maioría da poboación nunca asistiu nin asistirá a unha corrida de touros.
.
Por todo isto demandamos:
.
1º. O cese inmediato das axudas encubertas ás touradas por parte de todas as Institucións Publicas, nomeadamente a Deputación de Pontevedra, principal soporte público na nosa cidade.
.
2º. Que o Parlamento de Galiza modifique a "Lei 1/1993 de Protección de Animais Domésticos ou Salvaxes en Catividade" que exclúe no seu artigo 5° as touradas, co fin de prohibir estas actividades.
.
3º. O cese do uso de espazos públicos para a promoción das touradas, así como a súa supresión nos programas de festas editados polo noso Concello.
.
4º. A declaración de Pontevedra como “Cidade Antitouradas e amiga dos Animais”. [Os concellos de Cangas, Vedra, Dodro, Pobra do Brollón e Teo xa teñen aprobado esta declaración]
.
e 5º. A reconversión da Praza de Touros nun coliseu para a celebración de espectáculos culturais incruentos.
.
.
Conclúo. E vouno facer reproducindo tres pasaxes do libro “Ética da razón cordial”, da autoría da filósofa Adela Cortina, cuxos plantexamentos debéranse facer extensivos á convivencia dos seres vivos como lexítimos poboadores do planeta.
.
Primeira pasaxe: “Quen carece de compaixón non pode captar o sufrimento dos outros; quen non ten capacidade de indignación carece do órgano necesario para percibir as inxustizas”.
.
Segunda pasaxe: “¿Ata onde podemos chegar cando a presión social imperante non aboa o máis elemental respecto, senón que premia os torturadores, os asasinos, os desalmados, os que desprezan a dor e o sufrimento dos outros?, ¿ata onde podemos chegar cando a presión social recompensa os que non teñen corazón?”.
.
Terceira pasaxe: “O “analfabetismo emocional” é unha fonte de condutas agresivas, antisociais e antipersoais, que desgrazadamente se multiplican nos distintos países, dende a escola e a familia, á delincuencia común, á destrución graciosa, á violencia gratuíta”.
.
Desconfíen do pobo que non ten capacidade de indignación. Desconfíen dos políticos que non amosan compaixón. Moitas grazas polo seu tempo e pola súa empatía. A TORTURA NON É ARTE NIN CULTURA.
.
.
* * *
.
.

No hay comentarios: