..
.
Isolina Camiña, a Gheiteira, nosa titía avoa, naceu na aldea de Abelaíndo (Cerdedo) o ano de 1909. Velliña solteirona, pregoulle a meu pai que a atendese nos seus últimos anos de vida. O seu esbagoado desvalemento conmoveunos, polo que avimos acollela no piso de Pontevedra, residencia habitual da familia. Alí, entre nós, morreu no outono de 1996, após tres anos de saborosa e esclarecedora convivencia. En paz estea.
.
A Gheiteira deixoulles en herdo a meus pais a chouza onde nacera –a casa da Belrina, sita no Quinteiro de Acolá–, e mais unha restra de leiras que se engadiron á facenda do avó Solla, cando o desatino do parcelamento.
.
A maiores da parte proporcional da casa e das terras, a tía Isolina fíxome detentor de arcanos coñecementos –entre outros, aprendeume a facer trampas no xogo da brisca– e, así mesmo, escolleume beneficiario dunha herdanza, segundo o meu aprecio, máis valiososa ca o seu capital inmobiliario: a artesa para esconxurar o anghinido, o anel da estrela e a cruz de santo André.
.
Na arca de amasar o pan, Isolina a Gheiteira, como fixeran súa nai e a nai de súa nai, arredaba o aire, afección maligna e maléfica que asoballa os nenos acabados de nacer e aínda as persoas maiores. O mal do aire, como xa expuxen nalgures, aniña na bafeira ou na exsudación de certos animais (aire de cobra, aire de gato axaneirado, aire de lagarto, aire de pinta, aire de pito cairo –ou tiña–, aire de raposa, aire de sapo, aire de toupa…), no influxo daniño de persoas vivas (aire de home tras a foda, aire de muller preñada, aire de muller menstruando…), de persoas mortas (aire de defunto, aire de estadea…), no influxo dos astros (aire soán, aire lunar…), ou no pernicioso de determinados lugares (aire de camposanto, aire de encrucillada…). A especialidade taumatúrxica de nosa titía era afastar a aireada de defunto, ou sexa, a influenza irradiada polo falecido ou por aquel que asistise ao seu velorio.
.
Mentres a fontela ou moleira non se lles solda, o mal pode achar acubillo na feble anatomia dos pequechos, corpos abertos, e inzar neles. A sintomatoloxía é ben rechamante: o neno estoxa a mamadura, abrancuxa, chora sen consolo, escumalla, entrenza as perniñas, mirra e, se non se lle acode en tempo, chega por morrer.
.
Escoiteilles dicir a uns aldeáns dignos de creto que non só as crianzas son corpos abertos, tamén as súas nais, cando o libramento, e mesmo calquera de nós, home ou muller, así que amosemos susceptibilidade por mor de fraqueza física ou psíquica.
.
No lugar de Deán, freguesía de Castro, habitou xacando unha muller singular, a señora Carolina, alcumada a Meigha de Deán, un outro exemplo de corpo aberto. A diferenza dos anteriores, a señora Carolina tiraba proveito da capacidade de invocar e asumir os espíritos dos ausentes. Hospedados nas súas entrañas, mortos ou desaparecidos satisfacían a curiosidade dos vivos, falando por boca da meiga. Polos seus requiridos servizos, a señora Carolina só cobraba, fose en cartos ou en especie, a vontade.
.
Nosa titía, no transo do exorcismo, cinguía o dourado anel da estrela no dedo acaído, pousaba o doente no interior da maseira, aplicabálle unhas fregas á sinistra e acompañaba o ritual co seguinte rezo:
.
Antes que este mal fose visto, naceu Cristo; morra o mal e viva Cristo, pola ghraza de Deus e da Virxe María, un Noso Pai e unha Avemaría.
.
Deus que te deu e te criou que che quite este mal. Se cho deron pola mañá, que cho quite san Xoán. Se cho deron ao mediodía, que cho quite a Virxe María. Se cho deron pola noite, que cho quite Noso Señor co seu divino rostro. Pola ghraza de Deus e da Virxe María, un Noso Pai e unha Avemaría.
.
Isolina, unxida dunha solemnidade druídica, repetía esta ladaíña tres veces e por tres veces escorría as mans sandadoras fóra da artesa. Tras o ensalmo, a entrega menciñeira aconchegaba a tampa do caixón e deixaba durmir o neno, xa acalmado, até que acordaba. O rapaz zafábase.
.
A tía Isolina tamén amosaba a súa prodixiosa habelencia no diagnóstico e tratamento da escordadura, caída, da espiñela e da paletilla, no corte da decipela e no emprego de sambesugas para sumir negróns e mazaduras.
.
Como dixen, amais da artesa e do anel, a vella legoume a cruz de santo André, seixo grisallo, enfeitado polo dereito e polo revés cun risco branco a xeito de cruz ou aspa. As cruces de santo André non se someten ao arbitrio do artesán, tenas que ofrecer de seu a natureza.
.
A pedriña, poderoso amuleto, é basilarmente un salvoconduto. Explícome. Segundo me relatou Isolina, seu pai levouna sempre no peto do pantalón: no pantalón de diario, no pantalón de vestir e no pantalón co que o amortallaron. A cruz de santo André, de aí o seu nome, derroga a obriga de viaxar en morte até o santuario de Teixido, se alí non se acudiu en vida. Coa cruz no peto un seica vai directamente ao ceo, ou ao inferno, aforrando a delongada, ás veces eterna, peregrinaxe deica aos confíns da serra da Capelada, ora transmutado nun lagarto, ora nunha formiga, ora nun coio...
.
Miña titía, sabedora do valor da xoga, recuperou o prezado talismán cando se varreron para a oseira as cinzas de seu pai.
.
Isolina non tiña medo á fúnebre viaxe a Teixido de Cedeira, pois xa alá estivera, aproveitando unha excursión da terceira idade organizada polo concello. Tal permitiu que hoxe sexa eu custodio do máxico obxecto, que saiba das súas selleiras calidades, que estea revelándollelas arestora a vostedes e que, malia ter cumprido co precepto de ir visitar o santo de lonxe, leve sempre a pedra no peto do pantalón, non vaia ser o demo.
.
.
.
Tamén se pode ler en Galicia Encantada:
.
.
2 comentarios:
Como me lembra a túa tía Isolina á miña tía Lucinda "do Coto",vella e solteirona tía de meu pai e á que tamén acollimos na casa cando a idade e as doenzas propias fixeron mella nela.
Lucinda, ou Lusinda como a chamaban os veciños, era un pozo de sabedoría. Foi gran inventora de coplas, contos e, sen dúbida, dos chistes máis verdes que escoitei na miña mocidade. Grazas por traerma de novo á memoria.
Lucinda Ana Ramilo Toucedo (1896-1988)
Agarimosa lembranza para Lusinda Ramilo. "Dioladescanse".
Publicar un comentario