16/1/09

O historiador Manuel Gago reseña no seu blog "Capítulo 0" o libro "Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas"

.
..
.
.
Graciñas, Manuel. Somos perfectamente conscientes das nosas limitacións, mais toda axuda é pouca cando o que está en xogo é a preservación dun xeito de "estar" e de entender o mundo. Que a maxia do monte do Seixo guíe e sortee o teu destino.
..
..
..
Calros Solla envioume o seu último libro, "Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas" (Serpe Bichoca, 2008). Solla é un dos máis activos recuperadores da memoria da Terra de Montes e, con menos de corenta anos, posiblemente un dos grandes sabedores da antropoloxía, da historia e da memoria desta emblemática comarca. Monte do Seixo é unha plasmación dese amor pola súa terra, unha compilación de lendas e lugares míticos do Monte Seixo e da Serra do Cando, no concello de Cerdedo. Devoreino con voracidade lectora en poucas horas, porque este libro é emocionante, fértil e profundo como a terra negra das mellores leiras.
.
O libro é un atlas de xeografía mítica dun territorio de especial significación na comarca da Terra de Montes. Nunha coidada edición que combina ilustración, fotografía, un fermoso deseño, chama a atención o mapa despregable. Sobre a representación orográfica do Cando, Solla debuxou o trazado dos túneles míticos que comunican o Castro Grande co Pozo Sanguento, ou o que leva de Fontefría ao monte de Costoia. Representou as mámoas, a cidade mergullada de Trentinán, as trampas dos lobos, a Cadeira do Rei, a Portalén e o Marco do Vento, ou a casa que na aldea de Guisande un labrego construíu co ouro obtido dos mouros. É un mapa do mundo da imaxinación, das lendas, da capa mítica que existe sobre o noso país, e que pouco a pouco o tempo vai esborrallando, ou vai camuflando de especulativos parques eólicos.
.
E hai historias incríbeis; algunhas deben ser máis vellas que o tempo, porque parecen escritas nun alfabeto oral que lembra imaxes de vellísimos ciclos épicos. A de Pecheche, o boi de tres cornos que pace no Campo do Boi. Pecheche o tricorne, libre nas Serras do Cando, cobre, por veces, os rabaños bravos, e de aí nacen xatos bravos e xovencas leiteiras. Ou a de Bouciga, un anano agoireiro dun único ollo, a quen se convoca na Penarredonda. A Boucigha chámaselle, dáselle unha presada de cigarros polo vaticinio vedoiro. A xente da zona chámalles "ollos de Boucigha" ás fusaiolas, as pedriñas de tear furadas, que os labregos atopaban nos castros. Son amuletos de sabedoría.
.
Todas as comarcas, parroquias, montañas de Galicia mereceran ter un libro así. Libros coma os "Contos do Valadouro" (Xesús Pisón, Manuel Lourenzo e Isaac Ferreira), ou "Loureses" (Manuel Mandianes), ou algúns outros. Libros escritos por autores locais, que son quen de penetrar en lareiras e cadeiras ás que nunca chegamos os foráneos, de recoller as historias e dotalas de sentido. Eu seino cando fixen a compilación lendaria de Palmeira (Ribeira) hai moitos anos. Co alcume de "Carreirán" por diante, as portas abríanse, as historias desvelábanse, a confianza creábase e o mundo volvíase a escribir coa palabra despois de décadas, se cadra coa mesma materia máxica da que xorden as historias.
.
Ao ler o "Monte do Seixo" achegámonos a un tempo no que a terra estaba chea de funcións e significados. Penso en que as orografías abruptas das montañas de Galicia continúan a preservar, no fondo dos vales, aos fuxidos e desterrados polo avance dos tempos no país: as árbores, os réptiles endémicos, os depredadores, e tamén os seres lendarios. Seguen alí, entre os penedos, no último refuxio.
.
Non hei tardar nada en subir a Portalén a escoitar, deixando previamente unha ofrenda nas fendas da pedra, o que me din desde o Outro Mundo. Xa vos contarei.
.
.
>>>
Fotografía: blog.sekano.org
.

No hay comentarios: