10/8/08

SOS TERRA DE MONTES


En setembro de 1968, vai para corenta anos, Manuel Monteagudo, natural de Castro (Cerdedo), deitaba para a prensa o artigo intitulado “Os problemas da emigración campesiña”. O admirado Manuel Monteagudo, prolífico escritor e xornalista comprometido coa verdade, é outro insigne terramontano que, coma o finado Virxilio Viéitez, nunca será profeta no seu chan por non ter lixos na lingua. A súa homenaxe, condecoración incluída, fica daquela á espera doutros ventos.

O escrito de Monteagudo volvía proxectar luz encol da dramática situación da bisbarra provocada pola sangría migratoria. Sete anos antes, no desaparecido xornal El Pueblo Gallego, xa se puidera ler: A emigración caeu sobre Cerdedo como un mal epidémico e o seu resultado vese nas ruínas de moitas casas campesiñas sobre as que a hedra, o brión e a terra reinan, cantando o seu necrolóxico himno á incuria e ao desapego.

No artigo que vai de recadén, un lúcido Monteagudo esculcaba con destreza de cirurxián os engumiños do enfermo e achegaba unha restra de remedios para a aínda atallábel hemorraxia poboacional: Crear fontes de traballo, empeñarse nunha reforma a fondo da nosa agricultura, industrializar o campo empregando todo o noso potencial humano; desta maneira, nivelaríase a balanza comercial e poderiamos mirar con optimismo cara a un seguro porvir. As solucións, como ven, xa se formularan hai unha corentena.

A seguir, o ilustre veciño de Castro vaticinaba: No noso concello de Cerdedo, tiñamos no ano 1920 uns 7.500 habitantes, mentres que na actualidade (ano 1968) seremos uns 5.000, aproximadamente. Por esta regra de tres, para o ano 2000, non se chegará aos 2.500. As súas predicións, en por si desacougantes, pecaron de optimistas.

Monteagudo enfeitaría a súa columna cunha cita de Castelao: A maior dita do home é nacer, vivir e morrer na súa terra, e daríalle remate, xa da súa colleita, deste xeito: Os que sufrimos en carne propia as vexacións do noso éxodo somos os primeiros en recoñecer o acerto da frase. Poderíase ter dito máis alto pero non máis claro.

En 2002, no meu Cerdedo. Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo, fíxenme eco de ambas as dúas reflexións (páx. 31) e recunquei, escudándome na retranca, co Cerdedo in the Voyager I, publicado dous anos despois. Segundo o antropólogo Mandianes Castro, a estética da retranca –sublimada por Castelao– é unha conceptualización do humor popular que ofrece unha visión dorida da inxustiza a través da risa. (Léase: O río do esquecemento).

Práceme que, malia corenta anos despois, os Amigos de Terra de Montes volvan facer fincapé no problema crucial da demografía, aínda sen resolver. Práceme, así mesmo, que os membros da dita asociación salienten os valores naturais da bisbarra como alicerces do degoirado desenvolvemento: riqueza que, objetivamente, tiene Terra de Montes y que se asienta en los pilares de la naturaleza-ecología…. E láiome, unha vez máis, da desfeita eólica –arqueolóxica e ambiental– consumada nas serras do Cando (máxico monte do Seixo) e do Candán, incluídas –tamaña hipocrisía– na chamada Rede Natura 2000; láiome da teima por travestir a fisionomía das aldeas (véxase Pedre); láiome da endémica chambonada forestal e láiome polo inmobilismo fronte á calada ameaza que nos asexa, travesa a travesa, tras o túnel de San Marcos. Levamos décadas cuspindo no prato no que pretendemos comer.

Permítanme vostedes que me pregunte a esta altura da película –a cal ten un final triste– que foi o que se fixo co cartolo que con tanta avidez se chuchou do ubre de Europa. A todas luces se deduce que non foi investido consonte as necesidades dunha comarca suxeita durante décadas a unha xestión ineficaz dos seus recursos. Cada pau que terme da súa vela.

Este vaise i aquel vaise, e todos, todos se van…, escribiu a gran Rosalía, mais a este paso, segundo me comentaba antonte o dono dunha casa de turismo rural da zona, a cuestión radica xa non tanto nos que se van, senón nos que non queren vir.

Faro de Vigo, 10-8-2008
.
>>>
Fotografía: Manuel Monteagudo, xornalista e escritor cerdedense.
.
.