.
Imaxino o admirado Virxilio Viéitez instalado xa no olimpo dos escribidores da luz. Imaxínomo estreitando respectuosamente as mans dos irmáns Lumière, correspondendo a Daguerre, Talbot, Madox, Eastman… Imaxínomo agarimosamente afagado por Adams, Beaton, Brandt, Cartier Brensson, Capa, Abbott, Man Ray, Brassai… Imaxínomo argallando tertulia galega, trocando impresións e anecdotario cos paisanos Caamaño, Suárez, Pacheco, Ksado…
Imaxínomo, folgos anovados, dacabalo dunha rechamante bicicleta vermella, mellor, dunha estrondosa Lambretta, ou mellor aínda, ao volante dun maxestoso 1.500, percorrendo a insondábel xeografía do paraíso na procura de albos cos que acalmar a fame das súas Kodak Retina, Rollei ou Voigtlander, ávidas de almas. É ben sabido que os fotógrafos de lei desbotan a codia mortal do retratado para libaren alarbes o celme anímico das súas vítimas.
A arte de Virxilio Viéitez aniñou sempre no mesto silveiral do metafísico. No obradoiro dos prodixios, o fotógrafo soutelán, o Perello –un dos moitos nomes cos que canga o demo–, entregábase á arcana alquimia do revelado. Ao abeiro da tebra, coma quen remexe no útero das treboadas, as súas mans habelenciosas muxían o ubre da lanterna máxica. Cousa de encantamento, as almiñas cativadas no ventrullo da máquina sobordaban a xélida aperta do diafragma acadando os cálidos beizos da emulsión.
No ceo dos librepensadores, no selleiro nimbo dos precursores, Virxilio Viéitez achará por fin o recoñecemento dos seus pares. Liberado do ollo choco da aldea, da misérrima humanidade, sublimada a súa esencia de criatura creadora na veiga largacía do universo, o mestre disporá do tendal das constelacións, cósmico sequeiro, para aventar oufano a súa inspiración in aeternum.
Quen, contravindo a inercia, volva a vista cara a aquel tempo de noites infinitas, cara a aquela infausta idade de sotanas e tricornes, achará acougo na taxidermia virxiliana. O remedio para os males da memoria destílase xa que logo do bagaño das Pléiades, se cadra, formol ou salgadura.
Adoito visitador do museo de cera que, na honra do de Soutelo, enxeñaron belamente Sendón e Suárez Canal, libro de ler e desler, xa nada me sorprende e todo inza en min o abraio; parvas portas da percepción.
Soletreei hoxe unha vez máis os seus santos de papel: fauna totémica, minifundio intramuscular, xurásicos haighas, allea tecnoloxía aínda así porfillada, casorios, cregos, picoletos, alcólicos anónimos, nenos bochechudos, nenos exánimes (anxos), mulleres e mulleronas, homes e mais homiños, Commedia dell’arte, defuntos co traxe da festa, vivos en morte, mortos en vida…
Leo e desleo. Non me dou apeado deste enlouquecido carrusel, desta máxica barcarola na que deszo o Paraño cara a Montes e o ocaso. E vou, xa non de espirituoso, até as cachas da EPO indetectábel por ver de atinxir o outeiro dende o que nos segues, Virxilio, retratando branco e negro. Morte ao Photoshop! A verdade non se afai aos colorantes. Ben seguro que os vampiros estoxarán saír na foto.
Lembro a última, que foi a arrincadeira, á roda dunha mesa de café en terra de Soutelo, a carón dos tamén amigos Constantino González e João Bieites, outros excelsos coleccionistas de almas. Escoitando a vosa conversa rotunda, austera, sabia, buliume no maxín aquela de Saint-Exupéry: O que lle confire beleza ao deserto é que nalgures agocha un pozo de auga.
.
Faro de Vigo, 28-7-2008
.
Faro de Vigo, 28-7-2008
.
>>>
Fotografía: Virxilio Viéitez, fotógrafo soutelán.
.
.