1/2/07

Presentación en Pontevedra da VII FESTA DA VINCHA, Cerdedo 2007

.
.
.
.
Prométolles ser respectuosamente breve, pois son sabedor, nunca mellor dito, da áurea e perecedoira presenza da Súa Maxestade a Vincha, e onde a Vincha reina, non hai xaxún, nin precepto, nin rato morto de fame na casa. Unha pequena dose desta prodixiosa menciña, aínda que presentada en redoma humilde, agarimada paseniño no padal e, a seco ou a mollado, enviada ao bandullo, doentes do mundo!, reconforta o ánimo esvaecido, volve os azos, tira o amarguexo das retesías cotiás. Quen non sanda coa proba, quen non sucumbe ao seu engado, quen non repite, escusa acudir con présa ao santo André de Teixido, pois xa está morto. Estou certo que Eva, nosa nai primeira, non engaiolou a Adán, seu compañeiro, con mazá verdeal, repinaldo ou tresencunca, senón coa tentación da Vincha. Perdeuse o paraíso, mais gañouse o dereito de comela até rebentar, pois non hai demo que se resista. Pode considerarse a nosa Vincha, entón, coma o sexto The Rolling Stones, unha outra satánica maxestade.

Galiza, Cerdedo nunca foron os mesmos despois do ano 36. A fadítica data, adro da represión, da censura, do ultracatolicismo e do asfixiante centralismo homoxeneizador mudaron o ánimo, castraron o espírito subversivo, trocáronnos mansos. O alborecer do século XX situounos perante a soleira dunha nova Idade de Ouro nos eidos cultural, político e social. Renaciamos galegos, aspirabamos a ser donos do noso destino, lexítimos detentores do noso feito diferencial. A inveterada nación galega acordaba dun sono de séculos, os tempos eran chegados… Despois, outra volta, a longa noite de pedra, a negra sombra…

Galiza, Cerdedo nunca foron os mesmos despois do ano 36. O saudábel costume de “correr o entroido”: ser quen non es, botar do peito catro verdades, transgredir, conculcar, infrinxir, ouvear coma lobo, arreporse á autoridade, aldraxar o sagrado…, malia que efémera actitude, demorou décadas en agromar vizosa na horta do consetudinario. Na Galiza dos cartóns de racionamento e do “prato único” non se permitiu carauta, carantoña ou anteface até a década dos cincuenta. Aqueles tiñan armas e moi pouca fe na Santa Risa.

A Festa da Vincha, miñas donas e meus señores, non é unha festa gastronómica calquera. O pobo libre de Cerdedo non venera a Vincha como manxar e gárdase moito de exaltala como prato típico –para eso ya tenemos el puerco-bravo de las dehesas de Castilla–; á Vincha réndeselle culto. Cómpre acometer a súa deglución contritos, limpos de todo mal, coma ela, mexados, coma ela, inchados, coma ela, cheos de fume, coma ela, mais con fame. A Deus o que é de Deus e aos de Cerdedo o que é de Cerdedo.

O pobo galego, cativo na diáspora da negación, do autoodio, precisa coma o comer o advento dun asoballador Big Monday, galgante tsunami que irrompa terra dentro, máis aló dos cincocentos metros, apague o lume forestal, esparexe salmoira nos eucaliptares e semente mesto o percebe nos eidos de Don Florentino Pérez, que así se chama mi amo. Aqueles que ceiban visóns, mellor farían ceibando rodaballo. Oh gran vaga!, acude lixeira, redímenos, tira de nós o asombramento, esconxura este ollomao paralizante cuxos síntomas raian coa anorexia e coa bulimia. O pobo galego ten fame, o pobo galego está esfameado e a ONU non o sabe: un home, un voto, unha ración de empanada. A Festa da Vincha, miñas donas e meus señores, non é vulgar paparota, é liturxia dunha relixión libertadora.

Convócanme para que lles fale da vexiga dos ouriños do porco feita laguchada e mais da súa efeméride, noméanme voceiro desta beatífica transmutación, convídanme para que os ilustre sobre a orixinalidade do entroido de Cerdedo, cando, meus amigos, o verdadeiramente relevante é que no vasto ermo de Montes floreceu mesta e amarela, ao ventimperio da coxuntura política, a chorima da Asociación de Mulleres Rurais Espadela. Contra xistra e neboeiro, as protagonistas do rexurdir cultural de Cerdedo, afánanse un ano máis, e van sete, no heroico cometido de achegarlles a todos vostedes, a todos nós, o prezado tesouro da tradición feito cousa que levar á boca, mais cunha sutil diferenza, elas non lles van pedir o voto. As de Espadela non son un cento, mais as que son teiman na defensa meduliana da súa independencia. Válense soas, malia o esforzo esgotador, e non toleran inxerencias tutelantes se iso supón vulnerar a súa dignidade de buxo. Baten en ferro frío os que degoran inmiscirse xa que, segundo o seu credo, a verdade só ten un camiño, do porco só se perde o chío e coas cousas de comer non se xoga. Se consideran esaxeradas as miñas palabras, propóñolles o enredo de fitar para a mesa e procurar onde se acocha Wally, é dicir, o concelleiro de cultura cerdedense.

Acerta o Concello de Pontevedra ao se interesar pola Festa da Vincha, acerta, mais sobre todo, obra con xustiza e xenerosidade. Moi por riba das fronteiras provinciais e municipais, fillas da comenencia, o neofeudalismo e o interese de Celulosas, sobrancea o país. O feliz desenvolvemento da Festa da Vincha debe ser preocupación do Concello de Pontevedra, como o feliz desenvolvemento, permítanme o exemplo, da Feira Franca debera ser preocupación do Concello de Cerdedo. Ambos os dous eventos, sabiamente recuperados, enxalzan o noso pasado, a nosa tradición, a nosa pequena historia e enxalzan a quen os organiza e a quen neles participa. Só entendendo o país coma un todo, atinxirase a súa perfecta vertebración. Permíteme, Carme, permítanme todos vostedes, que aproveite a oportunidade que se me brinda para agradecer aos mandatarios da Boa Vila o teren amosado, así mesmo, preocupación pola aldraxe cometida co monte do Seixo, a nosa montaña sagrada, a montaña sagrada de todos os galegos, transformada no ano 2000 nun arrepiante parque eólico mercé á insensibilidade e a ignorancia que outorgaron poder aos que só arelan supeditar o servizo público aos intereses persoais. E o pobo cala, dorme, esperta mexado e… Mira que che choveu este inverno!

Comete felonía quen desoe a chamada das sacerdotisas do novo credo xa que non hai comuñón máis gorentosa, nin eucaristía máis gustante. Ben sei que non son merecedor de tal privilexio, admirada Carme, e aínda así imploro a túa benevolencia para que, cando consideres os meus méritos abondos, fagas revelación dos misterios que obran tal milagre. Estou certo que o voso magnífico receitario, catecismo do larpeiro, conta verdade pero non a conta toda. Lonxe da miña intención querer saber tanto coma vós. Mais, o que non che perdoo, Carme, é que acompañando estas augas e sendo a hora que é, non haxa encol da mesa, preto de min, uns petiscos de Vincha para ir adozando os beizos mentres falo, pois unha trabadela vale máis ca mil imaxes e máis ca dez mil palabras, aínda que se digan coa boca chea.

Deséxovos unha longa e exitosa vida “espadeleiras”, miñas amigas. Descoñezo o que nos deparará o porvir, pois sabemos que ninguén e profeta na súa terra. Aínda así, moitos somos xa coñecedores e beneficiarios do que tendes conseguido, destemidos apóstolos da vosa palabra. O Concello de Cerdedo devecía, mirraba, no barbeito do desánimo e a inacción. O voso empeño desinteresado indicoulles o camiño a quen vos goberna, mágoa que no canto de asfaltarvos a pista, labor no que tanto se prodigan, salfiran o camiño de pedras, enrocados nesa vella estratexia do “divide e vencerás” ou “comigo ou contra min”.

Cerdedo non coñecía precedente no asociacionismo feminino e agora o pobo conta con vós e mais coa contraasociación enxeñada pola autoridade. Cerdedo non tiña festa gastronómica e agora conta coa vosa, coa lexítima, coa que pretendedes revitalizar o entroido e a culinaria tradicional, e mais coa contrafesta gastronómica por eles argallada. Ben sabemos, daquela, cal é o camiño a seguir, xa que segundo o visto, en Cerdedo, a vosa palabra, o voso exemplo son lei. Tendes reeditado, sen dúbida, o matriarcado en Terra de Montes.

Dende aquí anímovos, animámosvos a que prosigades coa vosa impagábel tarefa de culturización e porfiedes, ano tras ano, en ofrecerlle ao mundo un motivo para achegármonos ao lugar de Cerdedo, e dende logo ningun motivo mellor que aquel de acudir devotos á revelación do secreto código da Vincha. Viva Espadela, viva a Festa da Vincha e viva Cerdedo! Moitas grazas.
.
Verbo Xido nº 17, febreiro de 2007
.
>>>
Ilustración: Cartel da VII edición da “Festa da Vincha” deseñado por Calros Solla e Davide Solla.
.
.

No hay comentarios: