17/5/02

ROTEIRO SARMIENTO (Cerdedo)

.
. .
.
.
O ROTEIRO SARMENTO EN CERDEDO. Tras os pasos do frade.

O día 4 de maio de 2002, sábado, deuse por inaugurado o Roteiro Sarmento en Cerdedo. Convocados pola inqueda asociación cultural e ecoloxista de Terra de Montes "Verbo Xido", un nutrido grupo de entusiastas da cultura démonos cita no adro da igrexa parroquial ás catro e media dunha tarde poallenta mais apracíbel para a camiñada. Tiñan os actos desenvolvidos por obxectivo, salientar o vencello familiar e sentimental de frei Martiño Sarmento con Cerdedo e en particular co poboado das Raposeiras de Meilide, casa natal de seu pai e dos seus devanceiros. Acordamos, co aquel de tirar partido do ricaz patrimonio artístico e natural da freguesía, conxugar os dous itinerarios descritos polo ilustrado, cando de camiño a Madrid fixo parada nas Raposeiras.
.
O día 3 de maio de 1710, Sarmento, mozo de quince anos, emprende viaxe cara ao convento de San Martín para ingresar na orde bieita: Cando pasei a tomar o hábito, non fun de Pedre a Cerdedo nin pasei a súa ponte. Andei dereito a Limeres, a súa aldea [de Cerdedo], despois pasei a outra súa aldea Cavenca; logo vadeei o río do Seixo, que non ten ponte, e logo metinme na casa do lugar das Raposeiras.

Frei Martiño voltará a terras galegas no 1725, cando contaba trinta anos de idade. Tras unha longa ausencia de vinte anos, en 1745, Sarmento, home cincuentenario, aproveitando o capítulo xeral que a súa orde celebrara en Valladolid, achégase de novo a Galiza. Permanece no país oito meses. O 29 de novembro e dende Pontevedra, vila da súa nenez, Sarmento inicia unha vagarosa viaxe de retorno a Madrid. Non desaproveita o noso frade a ocasión de encamiñar os seus pasos de novo cara ás Raposeiras: Desde Pedre, seguindo Lérez arriba, a unha legua está a freguesía de San Xoán de Cerdedo. O río, só neste espacio, vai plano por pradellas. A media legua río arriba éntralle á dereita o río das Cervas, que pasei. A pouco arriba, sobre o río grande, está a capela de Santo Antonio. Logo fai ángulo e confluencia o río Lérez, que baixa cara ao norte, con outros dous ríos, nun xa, que vén de Cerdedo. Despois está a ponte de Cerdedo de pedra boa, pola cal pasan unidos os dous referidos ríos antes de unirse ao río Lérez. Pasei por Cerdedo; logo pasei o río e ponte Piñoa e cheguei á aldea das Raposeiras e hai unha legua de Pedre [...] Nesta viaxe de agora rodeei a ponte Piñoa, porque non se podía vadear o río do Seixo.

Deixando ás nosas costas o conxunto arquitectónico disposto en torno á igrexa parroquial de San Xoán Bautista e mais á casa rectoral, e tendo por guía o plano bosquexado por Sarmento no seu diario de viaxe, emprendemos camiño cara á ponte de Santo Antonio desandando só neste treito a rota trazada polo relixioso na súa viaxe de 1745. A parroquial de Cerdedo é edificio de planta de cruz latina dos séculos XVI e XVIII. A fasquía actual do templo, froito das obras de ampliación e mellora acometidas no XVIII baixo o rectorado de Román Vicente Moas, é testemuño da habelencia do mestre arquitecto Xosé Neto. Da mesma época data a adquisición da imaxe do Ecce Homo, talla de cru realismo da autoría de Xosé Gambino, peza sobranceira da que foi sobrecolledora Semana Santa cerdedense. A portada, orientada cara ao sudoeste, ten por remate dúas torres, cada unha delas ergue un maxestoso campanario. Entre unha torre e a xemelga loce unha fita de balaústres. Encol do balaustrado érguese, en pedra, a imaxe de san Xoán portando férreo caxato crucífero e añolo:
.
Cerdediño, Cerdediño,
Cerdediño para os amores;
a fonte ao pé da estrada
e san Xoán no medio das torres.


A Torrente, chamadeiro da Verea Vella á súa entrada en Cerdedo, é camiño medieval e vestixio de romanidade. Gallo da Vía XIX, un dos tres itinerarios romanos que cruzan o país galego. A Vía XIX parte de Braga (Bracara Augusta) deica Astorga (Asturica Augusta) entrando por Tui (Tude) e comunicando Redondela (Rotundella), Pontevedra (Turoqua), Caldas de Reis (Aquis Celenis) e Iria Flavia. Dende Iria até Lugo (Lucus Augusti) e dende a cidade das murallas até a devandita localidade leonesa. No seu treito primeiro, a Torrente, chan enlousado, déixase acompañar polas edificacións que conforman, na freguesía, un dos núcleos primixenios de poboamento.
.
A ponte de Santo Antonio, pasadeiro do río do Castro, afluente do Lérez, de alicerces romanos, experimentou ao longo da súa historia numerosas remodelacións. No século XVII, Pedro Fortes Porto, mestre de arquitectura e ponteiro, xunto con Xoán de Gosende, canteiro, acometen a reconstrución da mesma. Ponte de perfil triangular, un ollo (bóveda de canón lixeiramente apuntada), un aliviadoiro (bóveda de canón) e peitoril. Un dos valos laterais amosa fachendoso un pequeno cruceiro. Recanto máxico. Antigas prácticas de bautismo anticipado -bautismo prenatal- tiveron o devandito lugar como escenario. Nós, dacabalo da ponte, esconxuramos o aire ensalmando corpo e alma:
.
Pasando a ponte de Santo Antón
bendecín a pezoña co pezoñón:
da culebra e do culebrón,
do lagarto e do lagartón,
da pinta e do pintón,
da rata e do ratón,
do sapo e do sapón,
da toupa e do toupón,
da araña e do arañón,
e do becho de toda nación.
Pola graza de Deus
e da Virxe María,
un Nosopai
e unha Ave María.


A ponte de Santo Antonio pousa a Verea Vella ás portas dunha ermida adicada ao santiño portugués. Edificio de planta rectangular do século XVIII. A porta, de arco alintelado, precedida dun pequeno adro, oriéntase cara ao norte.

Encamiñamos, neste punto, os nosos pasos cara ao lugar da Revolta, retomando a rota trazada por Sarmento na viaxe de 1710. O topónimo Revolta certifica o arrodeo que o viaxeiro debe enfrontar se quixer atinxir o veciño rueiro de Cavenca, non sen antes ficar abraiado un intre perante o maxestoso carballón que reina a carón do camiño vello.

Xa en Cavenca, recíbenos a que fora casa-pazo dos Gosende, construída a finais do século XVI por mandado de Xoán de Gosende, descendente dos Gosende das Raposeiras, que casara con María Bermúdez de Castro, natural de Santiago, ascendencia da inmortal Rosalía de Castro, razón esta pola que a inefábel poeta é protagonista de excepción da historia e da lenda do poboado.

O pazo de Cavenca (patamal, cornixa moldurada ao longo da parede oeste e recanto da parede sur), para o pobo, casa natal de Rosalía, ten por edificio adxacente a capela de San Salvador, vencellada en orixe ao pazo. Pequeno templo de planta rectangular dos séculos XVI e XVIII. O San Salvador, unha das capelas máis antigas da Terra de Montes, viuse reformada a comezos do século XVIII como reza a inscrición da parede de levante. Nun van cegado da parede de poñente agocha unha outra inscrición, esta, romana, de natureza votiva: NOS V S (Nos votum solvit). A porta (lumieira de arco de medio punto) oriéntase cara ao sudoeste. Consérvase un fragmento da antiga pía de batear, monolítica, de aspecto prerrománico –a xuízo de Bouza Brey que visitou o lugar en 1931–. Custódiase asemade no poboado unha campaíña de man, contemporánea da fundación do templo, na que se le a inscrición: ME FECIT IOHANNES A FINE Aº 1554 (Fíxome Xoán cara á fin do ano 1554).

Abandonamos Cavenca e descendemos polo camiño do Rapenlo, un outro chamadeiro do camiño medieval, estreita corredoira enlousada que nos conduce á ponte dos Portamuíños, pasadeiro do río do Seixo, afluente do Castro; atrás deixamos o muíño de Cavenca, o muíño das Raposeiras, o muíño do Rapenlo, os vestixios do muíño de Bernaldo e o muíño de Flora. A ponte dos Portamuíños, pontella de pedra de tres vans, construída arredor do ano 1935, substituíu uns antigos peares. Gárdana dúas carballas colosais. Alancamos a seguir polas ramplas do camiño dos Portamuíños e case sen sentir chegamos ao poboado das Raposeiras, lugar de Meilide: Esta aldea de Cerdedo, Raposeiras, está perto da confluencia dos dous ríos que pasan pola ponte Cerdedo. Un, que vén de Seixo e de Caroi, non ten ponte, o outro é o da ponte Piñoa.
.
Nas Raposeiras admiramos o Cristo, conxunto escultórico que enfeita o portal da casa das Marcas, obra de Xesús Márquez Sueiro, labrado na década dos vinte do século pasado; e percorremos engorde todos os recunchos do conxunto pacego, poboado orixinal, cuxas edificacións datan dos séculos XVI e XVII: A casa da aldea das Raposeiras componse de tres, e vellas, unha grande no medio e outras dúas casas colaterais. A do medio ten unha xanela na sala, que mira dereita á igrexa de Cerdedo, case ao rumbo de noroeste [...] A tal casa grande ten un curral cun gran arco de pedra sillería e na clave este escudo antigo. A pedra brasonada foi recollida pola Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra a finais da decada dos vinte do século pasado e hoxe pódese admirar na sección lapidar do Museo de Pontevedra, abeirada nas Ruínas de San Domingos da cidade do Lérez.

O pazo das Raposeiras é berce da liñaxe gosendina, nobre ascendencia de frei Martiño Sarmento, e berce xa que logo de seu pai, Alonso García de Ceraxe: Este capitán Gosende, é Alonso de Gosende, capitán das milicias de Montes, o que as conduciu á Coruña, cando veu sobre ela o Dracke [...] Este capitán Gosende e a súa muller María Quinteiro, que outorgou o seu testamento en 1620, foran pais do meu bisavó Alonso Gosende e os meus terceiros avós.

Tras a obrigada visita ás Raposeiras, ascendemos pola costa do Ladrillo deica á capela do Loreto: O día 5 de decembro, domingo pola tarde, despois de determe o venres e sábado en Raposeiras, lugar de Cerdedo, e de oír misa na nova ermida da Nosa Señora de Loreto, que está no mesmo lugar de Raposeiras ou Meillide, saín só para Soutelo de Montes [...] De Raposeiras a Meillide. Ermida de Loreto. Vive o clérigo don Pedro Lorenzo que a fixo, e dotou, estando 22 anos en Roma; e por devoción a Loreto.

A capela da Virxe do Loreto é un edificio de planta rectangular do século XVIII. A porta (lumieira de arco rebaixado), precedida de seis banzos de escaleira, oriéntase cara ó nordés. Nos muros de poñente mal lese unha inscrición referente á data e motivos da súa construcción.

Dende o Loreto principiamos a ascensión do último treito da primeira etapa do roteiro. A húmida xornada sabatina puxo couto á nosa andaina alí onde comeza a costa do monte de Meilide, mais foron firmes as promesas de darlle remate cando os días atemperasen.

A segunda etapa, xa por encostas montesías, comeza en Porterra e vai ascendendo paseniño por entre carballeiras novas e vagas de chorima. O camiño costento atangue de primeiras a Mesa das Mazás, onde apartaba a rolda de Meilide; a seguir, a Ghalghareta, regueiro de Bazocos, Volta da Amarghura, intersección coa pista forestal, e des alí até a fonte de Sanabarrighas, manancial salutífero, na chaira de Rebordelo. Remata acó, en Sanabarrighas, o ladrillado da costa. Dende Rebordelo até o Outeiro do Castro rubindo polas Laceiras de Riba, Coios Brancos, o Fental e Castro Pequeno. O Castro Ghrande, o seu irmán maior, é máxica peneda: cova da moura de loiros cabelos e peite precioso, poleiro da galiña dos pitos de ouro, tobo do rato rabisaco... Dende o Castro, atravesando as brañas de Xestido, até o Outeiro do Coto, unha carreira de can: Dista Soutelo unha legua de Raposeiras pero eu andei dúas leguas, rodeando e subindo ao monte do Seixo, de camiño, co gallo de rexistrar do máis alto as rías de Pontevedra, Vigo, Padrón, Noia, etc., se o permitira o sol. Non o permitiu a causa de néboas e borrascas alternadas. O camiño, que fixen é o seguinte: [...] Principio da subida ao Seixo. Porto de Cobaladrós, regato. Portela da Moreira. Pena Cavaleirada, unha sobre outra. Porto da Mo. E á esquerda A Gaiosa, Rebordelo. Outeiro Branco. {Tamén hai no Seixo o Outeiro Salumbreiro}. As Laceiras. A Laxe Longa. Porto Xestido Pequeno. Campo dos Teixugos. Couto do Toucedo. Outeiro da Cama. A Laxe do Mosqueiro. {É moi alto, xúntase o gando cara ao poñente a recibir o aire do mar}. Outeiro Salumbreiro. O Chao do Tendal.
Á dereita fican: As Pozas do Xestido Grande, onde nace o río do Seixo, que baixa a Raposeiras. A aba do Outeiro do Couto, que é o máis alto.


Apoliñados no curuto do monte (1.015 m de altitude), dexergaremos por fin, se o permitir o sol, o inmenso océano, as rías, os arquipélagos..., e encheremos a caixa do peito co fresquío do vento mareiro. Inzará en nós o espírito do miñato, mais, bestas da chaira, tornaremos vagarosos ao acubillo do val.

Foi abofé, para todos nós, unha xornada inesquecíbel. Na comuñón da trafega, do tránsito, revelámonos coma dignos herdeiros do patrimonio cerdedense e do patrimonio sarmentino. O frade bieito, se vivir, tería encabezado, sen dubidalo, esta nosa primeira marcha, glosando a andaina coa súa sabedoría, pois o teimoso estudo e a atenta observación rexeron a súa existencia. Malia que ausente, o espírito humanista de Sarmento, o home que subiu ao coto dun monte para poder contemplar des o alto a creación, apegouse agarimosamente á nosa pel e ás nosas roupaxes molladas, e redimidos na humildade do peregrino, atinximos que o agasallo entesourado non se agocha no destino da viaxe, senón na viaxe mesma.
.
Roteiro Sarmento. Sinopse:
1ª etapa.- Rota dos poboados: Cerdedo (igrexa parroquial>ponte de Santo Antonio>ermida de Santo Antonio) > A Revolta > Cavenca (casa-pazo de Cavenca-capela de San Salvador) > Meilide (pazo das Raposeiras-capela do Loreto). Distancia: 2 km aprox.

2ª etapa.- Rota montesía: Porterra (Meilide) > Outeiro do Castro (monte do Seixo) > Outeiro do Coto (monte do Seixo). Distancia: 8 km aprox.

Roteiro Sarmento. Distancia total: 10 km aprox.
.
Diario de Pontevedra, 17-5-2002
.
>>>
Ilustración: Gravado de Fr. Martiño Sarmento.
Fotografía: No rueiro das Raposeiras (Meilide), a Asociación Verbo Xido dispuxo inscrición conmemorativa en homenaxe a Sarmento, fillo ilustre de Cerdedo.
.
.
Véxase o tríptico-guía en Galicia Encantada:
.
.
.
.

No hay comentarios: