5/12/14

DE RODRÍGUEZ FRAIZ A GARCÍA LEIRO (Faro de Vigo, 5-12-2014)

.
.
.
.
O cura Fernando García Leiro
.
.

O artigo publicado a semana pasada valeu para restituír a memoria de Antonio Rodríguez Fraiz. Metidos os cans na bouza, decidín deixarme levar polas corredoiras xa transitadas da súa ampla bibliografía.
            Andado un anaco do camiño, fixen un pouso na vida e milagres doutro crego cerdedense, Fernando García Leiro (1866-1936), laudatio redactada por Fraiz, o seu paisano de Tomonde e avantaxado alumno, co gallo da serodia homenaxe que, fregueses e discípulos, lle dispensaron en 1972, cadrando cos cento seis anos do seu nacemento, os cincuenta e un da súa toma de posesión do curato de Cerdedo e os trinta e seis do seu falecemento.
            A través da lembranza emocionada de Rodríguez Fraiz, achegueime a García Leiro e, asemade, recunquei nas atinadísimas reflexións que o cura de Campañó, no principiar dos 70, ofrece deste malfadado territorio. As pasaxes entrecomiñadas extraínas, daquela, do seu libro “Dr. D. Fernando García Leiro, obrero, sacerdote y maestro” (1972).   
Fernando García Leiro, don Fernando, naceu en Cerdedo nunha casiña sita á beira da estrada de Ourense, “frente a la que tiene en su fachada una imagen de san Pedro”. Leiro veu ao mundo no seo dunha familia humildosa. A súa irmá, Filomena, casará con Francisco Cerdeira Xil, célebre compositor cerdedense, director dunha das bandas de música da localidade.
O neno Fernando acudiu á escola da aldea, onde cursou con brillantez os estudos primarios. Aos nove anos, a precaria economia familiar obrigouno a compaxinar a formación autodidacta co oficio de zapateiro. Non refugou o exercicio musical (intérprete de bombardino), guiándose, abofé, polo exemplo do seu virtuoso cuñado. Desenvolveu estas ocupacións dende 1876 deica 1891, data na que, contando 25 anos de idade, ingresa no Seminario de Santiago. Parafraseando o refrán, Leiro foi zoqueiro antes ca cura. En Compostela (1891-1908), acada o doutorado dándolle lectura á súa tese de Teoloxía, versada na omnisapiencia divina: “Deus distincte cognoscit omnia preterita, praesentia et futura libera”.
En 1905, ocupa a vacante de cura ecónomo na parroquia de San Martiño do Grove. No Concurso Xeral a Parroquias de 1907, obtén a praza na de Santa Xusta de Moraña. Fai efectivo o seu traslado en febreiro de 1909, tras rematar o doutoramento.
García Leiro botou doce anos en Moraña “feligresía de gran laboriosidad y buenas costumbres, aunque un tanto adulteradas por la superstición que alrededor de la santa titular y cultos lustrales, todavía presentes en nuestras gentes campesinas y sencillas que ven en cada fuente, regato o río algo que puede devolver la tranquilidad, la salud y la paz al cuerpo y al espíritu”.
Porfiou o crego García Leiro en combater a zuna dos “heréticos” morañeses. Labor en van, posto que, dende o albear da memoria, aquel pobo albisca na auga da fonte de Santa Xusta o prodixio da curación. Con certeza, o culto á santa é posterior ao culto á fonte cuxa devoción, acomodada aos intereses do credo cristián, exemplifica á perfección o sincretismo relixioso da galeguidade e, asemade, a estratexia do “quita ti, que me poño eu”, tan do gusto da Igrexa católica.
Nun folleto turístico editado polo Concello de Moraña, lemos: “Esta fonte pertence á tipoloxía das “fontes de cano” e, dentro delas, identifícase como “fonte de cabaliño”. Está constituída por un muro de cachotaría de granito que pecha o manancial, no que vai embutido un cano de pedra semicircular [...] O cano (hoxe, entubado) adiántase sobre unha mesa de pedra que serve de pousadoiro. Consta dunha inscrición que di: “Esta fuente se hizo a costa de santa Xusta V. y M. Año 1501”. A súa auga acadou moita sona, atribuíndoselle calidades curativas (disque se chegou a comercializar). Moita xente acudía para sandar doenzas, tanto físicas como espirituais. Isto escenifícase na Romaría dos Esconxuros (invocacións para espantar os demos e malos espíritos) que cadra o día da festa da patroa (o 19 de xullo). Crese que, para que obre a maxia, hai que seguir un ritual: facer un nó con follas de millo, empregando a man esquerda; asistir a unha misa e beber a auga da fonte”.
Din en Moraña que a fonte foi redescuberta a comezos dos anos trinta, despois de permanecer oculta durante moito tempo. O crego García Leiro foi o artífice da súa ocultación. Rodríguez Fraiz é explícito: “El nuevo pastor de Santa Xusta, respetuoso con las personas, pero intransigente ante la ignorancia y la superstición, uno de los primeros actos a realizar en la feligresía fue cegar el objeto del culto popular, la célebre “fonte de Santa Xusta”, visitada y venerada sobre todo en el solsticio de verano y en el otoño”.
Na web do concello de Moraña, engádese: “Parece que foi descuberta [...] despois de estar soterrada moitos anos, froito da revelación dunha muller que se lle apareceu en soños ao párroco. A sona das súas augas curativas, pois tiñan propiedades milagreiras para as feridas e outros males, estendeuse por toda a xeografía galega e atraía unha multitude de persoas, ansiosas por saborear a auga que sandaba todos os males. Mesmo se chegou a comercializar como xabón dentro e fóra da Galiza. Esta atracción durou algúns anos, ao longo da década dos trinta, e supuxo un importante movemento económico para a zona. Non obstante, as autoridades provinciais da época consideraban perigosa a auga da fonte e ordenaron que se cortara a subministración dun manancial que, segundo o seu criterio, proviña de debaixo do cemiterio”.
En Moraña, a Meca dos milagres, a Igrexa ben sabe o que é pactar co inmigo en prol da rendibilidade. Ao pouco de abandonaren García Leiro e a súa ortodoxia aquela parroquia, a fonte volveu deitar auga a chorro, para gozo dos devotos e alivio dos endemoñados e, de tanto meigallo e enmeigotado, os reitores da Santa Xusta adeprenderon a exorcistas e conciliaron o catecismo coa taumaturxia do allo que, naquel santuario, é apoteose. Tamén en Moraña, na parroquia de Amil, a comezos do mes de setembro, os fieis pasean en andas unha Virxe empapelada con moeda de curso legal. Os acólitos que arman a escolta, abríndose paso entre a multitude, berran compasados: “¡No se acerquen a la Santa!”. Moraña segue sendo tarefa pendente para os evanxelizadores.
O 9 de febreiro de 1921, Fernando García Leiro foi nomeado reitor de San Xoán de Cerdedo. O 20 de abril, a pé dende Moraña, fai a súa entrada triunfal en Cerdedo a toque de campá e comitiva musical.
Alén dos oficios relixiosos, investiu García Leiro o seu tempo na docencia e na atención dos enfermos e dos necesitados “a cualquier hora del día o de la noche allá se marchaba solo o acompañado de algún alumno que, a altas horas de la noche, nadie tenía mucho interés en acompañar, puesto que, tanto a la ida como a la vuelta, se ocupaba en preguntar la gramática latina, conjugar, declinar y demás elementos que se pudiesen desarrollar andando por caminos infernales”. O natural ascético e dadivoso do cura exasperaba a súa irmá Balbina que non daba feito a comporlle o atavío, pois, ao parecer, xamais lle preocupou o seu aspecto e sempre compartiu cos pobres a súa pobreza.
“Mahatma” Leiro dotou de electricidade o templo parroquial, favoreceu a construción da estrada de Presqueiras (ano 1924), trasladou a esmorecente feira da carballeira de San Xoán ao igrexario (onde hogano se localiza o cemiterio), non lles negou os sacramentos aos integrantes das sociedades agrarias, deulles tabaco aos fumadores menesterosos, promoveu as corais, integrando nas actividades culturais tanto a represores como a represaliados (o 36 estaba próximo): “¡Cuánto se conmovió su corazón de padre al conocer la trágica muerte de unos, la cárcel y el exilio de otros, la dispersión de los más y la violencia en todos, que todo lo parecía aniquilar y de hecho traumatizó de tal modo las gentes de Terra de Montes que todavía al filo de los ciencuenta años parece que no se han repuesto!”.
A piques de cumprirse os oitenta anos da contenda fratricida, aínda non deron cicatrizado as feridas. Os muros da igrexa seguen homenaxeando o franquismo, para incomodo da maioría e escarnio da legalidade e da xustiza.
.
.
.
.
.

23/11/14

ANTONIO RODRÍGUEZ FRAIZ, O CREGO NACIONALISTA (Faro de Vigo, 23-11-2014)

.
.
.
.
.

Hai unhas semanas, entrevisteime con Augusto Fontam García na súa casa de Lourizán. Fontam é un adaíl do galeguismo, un veterano activista político e cultural curtido en mil batallas e, xa que logo, unha persoa experiente e descrida. Malia os seus moitos anos na trincheira, segue mantendo incólume a súa fe no pobo galego, segundo nos deixou prescrito o irmán Daniel.
Augusto Fontam presidiu a asociación Amigos da Cultura de Pontevedra, unha institución con case cincuenta anos de historia e que, na actualidade, entre outras moitas actividades, organiza, canda o colectivo Capitán Gosende, o Roteiro da Pantalla, que este ano acadou a súa cuarta edición.
            A asociación Amigos da Cultura, constituída en 1967, foi distinguida en 2013 co Premio AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega), no apartado de “Institucións”. Na mesma edición, tamén foi galardoada a nosa ilustre conveciña Manuela Cortizo Medal, no apartado “Mestres da memoria”.
Augusto Fontam ingresou en Amigos da Cultura alá polo ano 1977. Á asociación cumpríalle unha renovación dos cadros directivos e dos obxectivos, reencamiñándoos cara ao enxalce da cultura popular e a reivindicación da esencia da Galiza, asumindo unha liña de actuación combativa e de denuncia.
Fontam aproveitou o coloquio para facer repaso pormenorizado de medio século de compromiso co país e, no seu relato, refolguexaba con luz propia outro egrexio cerdedense, o crego Antonio Rodríguez Fraiz.
Antonio Rodríguez Fraiz naceu na parroquia de Tomonde (Cerdedo) o 30 de novembro de 1912. Ordenado sacerdote en 1937, exerceu a súa vocación, entre outras, na pontevedresa de Campañó (período 1951-1995, ano do seu pasamento), circunstancia que lle valeu o apelativo de “o cura de Campañó”. A faciana “politicamente correcta” que a oficialidade nos pretende vender do personaxe dista moito, segundo o testemuño de Augusto Fontam, da realidade.
A adhesión incondicional e a entusiasta colaboración dispensadas por Fraiz á asociación Amigos da Cultura, propiciou unha estreita relación co noso entrevistado que, con coñecemento de causa, nos achega, arestora, un perfil inédito (ou escamoteado) do cronista de Terra de Montes, cento dous anos despois do seu nacemento en Cerdedo.
A seguir, reproduzo as pasaxes máis salientábeis arredor do asunto que nos ocupa. Cédolle a palabra a Augusto Fontam.

Rodríguez Fraiz e Amigos da Cultura de Pontevedra

“Un dos compromisos que adquirimos na asociación foi o de reivindicar unha serie de persoeiros do eido da nosa cultura, cuxa obra fora esquecida ou pouco valorada. Unha destas persoas, entre outras, foi Agostiño Portela Paz, aparellador da Deputación, debuxante, escritor e etnógrafo, represaliado en 1936 por republicano. Agostiño Portela Paz, pai do célebre arquitecto César Portela, era íntimo de Antonio Rodríguez Fraiz.
            Agostiño Portela Paz e Antonio Rodríguez Fraiz, a lombos dunha Lambreta, percorreron Galiza, elaborando fichas de cruceiros, pontes, petróglifos..., seguindo o maxisterio de Castelao, Cuevillas e a órbita de Nós.
            Agostiño Portela Paz, co gallo da súa proxectada homenaxe, entregoulle a Amigos da Cultura o inédito “O Trasno”, a súa derradeira obra, que sairía do prelo, en 1992, co patrocinio da Deputación de Pontevedra. Ao pouco, faleceu Portela Paz, non sen antes solicitar que o seu camarada Rodríguez Fraiz participase nos actos. En palabras de Portela Paz, “o cura de Campañó é unha persoa de confianza, de esquerdas, un cura nacionalista; é un dos nosos”.
            Finalmente, contactei con Rodríguez Fraiz. Eu son anticlerical, tiña as miñas reservas, pero, dende o primeiro momento, descubrín unha persoa aberta, progresista, de xorne comunista. Rodríguez Fraiz, no ano 79, berrou no púlpito de Campañó que se Xesucristo volvese á terra, votaría Bloque. Hogano, non creo que  votase polo ladroízo.
            Rodríguez Fraiz reclamaba para Galiza o seu estatus de nación. Fraiz era xa, naquela altura, membro do Pedrón de Ouro canda Avelino Pousa Antelo. Pousa Antelo e Rodríguez Fraiz encarnaban no Pedrón de Ouro a postura máis contestataria. Rodríguez Fraiz acudía a mítines da esquerda nacionalista, cando o nacionalismo, en Pontevedra, aínda estaba en cueiros.
            Non sen dificultades, celebrouse a homenaxe póstuma a Agostiño Portela. A exposición pictórica ocupou todos os andares do edificio da Deputación. Na escolla e distribución da obra pictórica, na redacción das notas de prensa..., Fraiz participou en todo. No acto, co salón da Deputación cheo, interveu Rodríguez Fraiz. O cura e mais eu xuntarámonos uns días antes en Campañó para preparar as alocucións e acordamos que ambos os dous pediriamos a independencia para Galiza, e así foi.
            A asociación Amigos da Cultura instituíra a finais dos setenta os premios “Moucho de Prata” e “Ponla de toxo”. O “Moucho de Prata”, o galardón positivo, déuselles, entre outros, a Moncho Reboiras (in memoriam) e ao gaiteiro Ricardo Portela; o negativo, entre outros, á Celulosa. O “Moucho de Prata” tamén se lle concedeu a Rodríguez Fraiz. O acto foi en Santa María. Acudiu todo o Pedrón de Ouro e a intelectualidade de Pontevedra; tamén, os seus fregueses de Campañó.
            Cando se dirixiu aos asistentes, Rodríguez Fraiz reclamou a liberdade dos presos políticos: “Pido a liberdade para os nosos irmáns presos nas cadeas españolas”. Fraiz non militou en partido político ningún, pero non comungaba co galeguismo reseso ou romántico; na década dos oitenta, Rodríguez Fraiz defendía as teses do nacionalismo. Rodríguez Fraiz, autor dunha obra inxente, home lido e viaxado, aplicaba no cotián, de xeito consciente e confeso, o que sentía e pensaba. Non só defendía as súas conviccións en privado, senón tamén en público. Fraiz identificouse coa cultura de base. Montou en Campañó a asociación cultural Campaniola que editaba unha publicación periódica. Non era dogmático, era detentor dunha ideoloxía natural. O sentimento manaba del. Cría no que dicía. Foi un idealista; un relixioso intelectual, controvertido a ollos da xerarquía. Rodríguez Fraiz non era un cura “comecocos”. Era ameno, humilde; tiña un falar grave, calmoso, nunca impuña o seu criterio.
En Pontevedra, chovese ou ventase, se ti ías ás oito da mañá á Alameda, topabas cun tipo alto, pantalón branco, guayabera, zapatos de biqueira, chupa de coiro heavy metal, pucha e un cartafol baixo o brazo; paseando só de acá para alá, todos os días. Porén, descoidaba a súa estética relixiosa. Vestía un saiolo branco cheo de lamparóns. Até lle teño visto silvas enganchadas nel.
            O seu despacho en Campañó non era tal, era unha gorida. No corredor da casa reitoral había un banco que tamén era arcón, moi antigo, adobiado con motivos celtas. As galiñas andaban ceibas pola casa adiante, cumpría canear as cagallas. O seu cubículo, mal iluminado, enfeitábase con cerámica, moi antiga, de Sargadelos e de Celta, debuxos de Portela Paz e outras pezas exóticas. Coma todos os estudosos, era un pouco fetichista. Os andeis, cambados polo peso, sostiñan unha chea de libros vedraños. Papeis e documentos por todas partes. Orde caótica. Encol da súa mesa, os lentes, libros de consulta, caneta, bolígrafos “Bic” e os seus escritos, nos que chamaba a atención unha letra coidada. Moblaxe parca. Selecta austeridade.
As nosas conversas vespertinas sempre se acompañaban con viño ou café. “Pola mañá adoramos a Deus, pola tarde adoramos a Baco; agora xa parecemos dous curas”, dicía coa súa voz serea e amábel. Rodríguez Fraiz misaba en galego. Foi o primeiro cura que empregou a lingua galega na liturxia (en 1961, fronte á tumba de Castelao en Bos Aires). E misou en galego no Día da Patria a carón do sartego de Rosalía de Castro, en Bonaval.
Nunha ocasión, pregunteille: “Don Antonio, vostede por que estudou para cura?”. Respondeume: “Mira, eu estudei pra cura porque eramos nove irmáns, pasabamos unha fame neghra e, daquela, os nosos pais mandáronnos ao seminario, porque alí tiñamos a formación e a mantenza aseghurada”.
O cura de Campañó participou decote nos actos de Amigos da Cultura, tomando a palabra en repetidas ocasións e sempre belixerante. Converteuse para nós nunha persoa imprescindíbel. Gardo ouro en pano un exemplar asinado do seu libro “Castelao na alma dos escritores do seu tempo”. A dedicatoria di así: “Para Augusto Fontam, pregándolle ao santo Castelao que alumee a túa vida e a loita polo soerguemento, en todos os eidos, da nazón galega (outono, 1991)”.”

Moitas grazas polo teu esclarecedor testemuño, Fontam. Que pensaría o cura de Tomonde da caste política que hoxe lle anda a brindar homenaxes?
.
.
.
Ligazón ao artigo:
.
.
.
.

21/11/14

Reportaxe fotográfica da presentación do libro "O río da memoria. Cartafol do río dos Gafos" (Galería Sargadelos, 20-11-2014)

.
.
.
 .
.
.
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
.

19/11/14

PASANDO A PONTE DOS PADRIÑOS (Faro de Vigo, 19-11-2014)

.
.
.
.
.

A ponte dos Padriños, sobre o regueiro da Lomba, comunica as aldeas de Vichocuntín e Limeres. Malia carecer de cruz, o nome evoca, ben seguro, o antigo rito higromántico do enxembramento, o bautismo practicado antes da concepción ou durante unha xestación de risco. Este ritual de fertilidade tamén escolle por escenarios a Pontapedre e a ponte de Santo Antonio, en Cerdedo. En maio de 1710, Sarmiento, aspirante a frade, atravesou a ponte dos Padriños, camiño a Madrid, para se despedir dos seus parentes das Raposeiras (Meilide).
No primeiro de Santos, déusenos por pasar aquela humildosa pontella (8 pés de largo) e, no anfraito da carballeira, un conxuro de néboa distraeu os nosos pasos. Viaxamos no tempo, recuamos décadas mal precisadas e acordamos en casa labrega, ao aconchego dunha lareira fumegante. No firmamento da cambota, un refoleo de faíscas verteu no café de pota o solimán dos contos esquecidos. Unha muller idosa e sabia tomou a palabra. Escoitemos.

O Varelo, home santo   

“O Varelo de Limeres era un pobre de solemnidade, un home ghrande e esfarrapado que andaba sempre cun pau polo lughar adiante. Non debía ser moi católico da cabeza, porque, sendo nena, así que facía alghunha trasnada, meu pai berraba: “Ti es coma o Varelo! Ti es tola coma o Varelo!”; porén, din que o Varelo era unha alma boa.
O Vareliño andaba polas portas. Debía ser un pouco aluarado, mais non se metía con ninguén. Acochaba os rapaces entre as pernas e puña a vara por diante pra que ninguén lles peghase. Mediaba polos nenos. Defendía os nenos pra que ninguén lles fixese mal. Naquel tempo, non había dó polas criaturas.
De primeiras, o Varelo viviu nunha casiña vella, aínda deben quedar as paredes. Despois, cando aquel quinteiro quedou sen xente, o pobo fíxolle un cuartiño -uns 5m2-, todo de madeira e cunha ventaíña. El non tiña nada con que se valer e a xente leváballe a comida; leváballe filloas, un chourizo -o que había naquel tempo-, unha cunca de caldo...
Morreu o Varelo só no seu cuartiño. Cando xa non puido ir mendighar, o pobo levoulle de comer. Uns pauciños en cruz pousados ao pé da porta indicaban que che tocaba a ti atendelo.
Eu nacín no 44 e xa non o coñecín. Nós viñamos da escola -el xa non existía- e metiámonos no cuarto do Varelo, porque nos facía ghraza. O cuarto do Varelo hai tempo que se desfixo.
E aghora crese que o lughar de Limeres e mais o seu monte están libres do lume porque é o Varelo quen os ampara. Ao Varelo tamén se lle pide pra que o tempo veña como ten que vir.
Nós vivimos fóra, no estranxeiro. Hai 7 ou 8 anos, cando aquí arderon os montes, a miña casa estaba soa. Nós viamos por televisión como ardía todo, e eu rogheille: “Varelo, que non me arda a casiña, que che hei paghar unha misa!”. Ardeu Pedre, as costas de Pedre, Chamadoira, Caroi...; ardeu todo, pero Limeres librouse.
Cando cheghei, fun onda o cura e ofrecín unha misa polo Varelo. O cura non ma quixo cobrar. Non me quero acordar, o lume estaba na costa de Pedre, na costa dos Padriños, estaba alí por Deán... Ardía todo e nós lonxe, que nada podiamos facer.
A ponte dos Padriños cruza o reghato da Lomba. Pola ponte dos Padriños baixaba a xentiña de Limeres levar o leite a Vichocuntín. Por aquel camiño baixaban os defuntos nunha esqueira. Por alí subiron a meu pai que botara enfermo moito tempo no hospital, en Pontevedra. Trouxémolo en taxi até Vichocuntín. De alí, nunha esqueira deica a nosa casa, que non había outro camiño. Meu pai morreu ao día seghinte. Antes de morrer, as súas últimas palabras foron: “Laika!”; acórdome ben. Meu pai era cazador e tiña unha cadeliña que se chamaba Laika. Papá puxéralle Laika, como a cadela que viaxou ao espazo. Aquela cadeliña era tan bonita que, cando meu pai a trouxo, dixo: “Vaise chamar Laika, como a que foi á Lúa””.

E a nosa faladora, enfiou unha historia con outra.

O astrónomo de Limeres

“Nunha casa do Lagharto, que está no alto do lughar, había un centro de espiritismo. Tamén había outro nunha casa do Meixón, onde vivía unha xente que estivera no Brasil. Todas as semanas ou cada quince días, xuntábanse alí unhas persoas. Tiñan unha mesa redonda, púñanlle un mantel branco. Alí traballaban naquilo, dicían oracións; non sei ben o que facían.
Conviña non te cruzar con eles cando viñan da xuntanza. Nunha ocasión, sobre da noite, alguén bateu no camiño do Portarregheiro cunha destas persoas. O do espiritismo mandouno coa vista prá veigha e non se sabe o tempo que botou durmindo, pois perdera o coñecemento. Esas persoas tiraban a xente do camiño cando pasaban.
O que presidía aquelas sesións érache un home moi intelixente. Seica fora o enxeñeiro das pontes de Burgos. Este home non estivera nas Américas, pero era moi intelixente. Traballaba a terra, tamén era o carpinteiro que facía os carros, era quen compuña os muíños, era o reloxeiro que arranxaba todos os mecanismos de por aquí. Era un home que predicía as eclipses e os cometas. Cando estaban de ver, levábanos prá súa casa, de noite, e mostrábanos todos eses misterios. Viamos cometas, eclipses e unhas estrelas que, no verán, desfilaban polo ceo. Ese home sabía de todo. Con el aprendiamos moitas cousas: “Rapaces, xa veredes como alghún día haberemos voar coma os avións; hannos pór un aparello no peito e voaremos coma os avións”, dicíanos.
Érache moi entendido na aghricultura. Cando tocaba estrar nas veighas, recomendaba: “Mirade, onde estea o pé de diante da vaca, chamades o carro; onde estea o pé da vaca, botades outro monte de esterco; non o botedes todo xunto”. Tamén: “Xa vos direi o día para sementar as coles, que as hai que sementar na lúa vella, senón esghrelan”. E tamén: “Corta os fentos na lúa vella de aghosto, que vas ver que cando os cortes tres veces seghidas, non hai máis fento”. Sabía de todo.
Este home tiña os libros que servían pró espiritismo. Dous libros e mais unha cruz. Tiña os libros pechados nunha pateira. Prohibíralles aos da casa remexer alí. Dicía que, se alguén abría os libros, podían ocorrer cousas moi ghraves. Houbo quen, así e todo, mirou nos libros, e perdeu o sentido. Eses libros non se podían tocar. Despois, aqueles libros ghardáronse nunha arca, nun faiado, e aínda están alí metidos, lonxe da vista da xente. Eran os libros que levaban para traballar toda a noite no espiritismo. Falaban cos defuntos, pero eles eran unhas persoas normais. Os libros non se tiraron, están ghardados. Eran uns libros neghros, bastante ghrandes. A cruz tamén era neghra. Disque, en Chamadoira, nunha parede, esconderon outros dous libros e mais unha pistola.
Érache un home moi apreciado no lughar, porque sabía moitas cousas e era moi bo veciño. El coñecía oito días antes, ou quince, que ía vir unha eclipse. Era un astrónomo.
Aquí hóuboche moitas historias. Eu fun ao San Bernabé baixar o santo ao regheiro. Mollabámoslle os pés ao santo e botabámoslle augha pola cabeza abaixo cun caldeiro, pra que chovese.
Todos os rapaces de Limeres e mais os de Chamadoira levabamos pan rebozado en ovo ao San Bernabé. Iamos na compaña dunhas mulleres. Alí o comiamos, sentados arredor dos carballos, e despois, puñámonos de costas á capela e tirabamos por riba da cabeza o pan que nos sobrara -nunca sobraba moito- e cumpría que caese no tellado. Xa non sei pra que era o ritual. Aquelas mulleres facían a cerimonia canda nós. Eran unhas mulleres moi beatas.
Lembro unha señora do Carballiño que trouxo onda o santo unha neniña que disque era muda, e marchou do San Bernabé falando. Aínda parece que estou vendo a neniña. Levarlle os rapaces ao san Bernabé cando teñen alghunha enfermidade ou alghún problema é costume vello. Din que san Bernabé é o santo dos rapaces...”


Tras a conversa, que deu para máis, tornei a Pontevedra sumido en fondas cavilacións. Ao chegar ao alto da Abeleira, tiven a sensación de que naquel punto quilométrico rexe unha porta dimensional que deslinda o soño da realidade.

.
.
.
.
.