8/8/15

ESTRAGOS NA CARBALLEIRA DE MEILIDE (CERDEDO)

.
.
.
.
A congostra dos Barreiros hai uns anos.
.
.
.
A congostra dos Barreiros hai uns días.
.
.
.
Capitán Gosende denuncia a destrución da corredoira dos Barreiros

O día 22 de xullo, membros do colectivo Capitán Gosende inspeccionaron as obras da chamada traída de augas de Cerdedo. Derivando a auga do río do Seixo no seu curso alto, a canalización ten por obxectivo fornecer o lugar de Cerdedo e só a Cerdedo.
O río do Seixo é afluente do río do Castro (ou do Pegho) e este, tributario do Lérez. Dos ríos que sucan a parroquia de Cerdedo, o Seixo era o único que se mantiña incólume, pois tanto o Castro coma o Lérez ven pexados os seus leitos con senllos encoros, destinados á produción de enerxía eléctrica.
Capitán Gosende mostrou dende o comezo a súa frontal oposición á execución do proxecto de captación de auga no Seixo (uns 4 km de canalización) por entender que, amais de afectar unha zona de alto valor ecolóxico (Rede Natura 2000 e Rede Galega de Espazos Protexidos), o investimento económico (máis dun millón de euros) apenas beneficiaría os trescentos habitantes da capital, en detrimento, por exemplo, dos malfadados veciños de Meilide, por cuxos predios atravesa a tubaxe. O vello dito “Cerdedo non é nada sen a súa parroquia” volve confirmarse.  
A maiores, como se comproba nas fotografías do antes e do agora, o emprego dos camiños públicos para o soterramento do entubado está provocando unha severa alteración do patrimonio e da paisaxe. O colectivo Capitán Gosende sospeita que, amais da destrución do antigo enlousado de pedra, os operarios da empresa adxudicataria abandonarán a carballeira de Meilide sen recompoñer ningún dos valados tradicionais de cachote (hoxe, cascalleira) que derregaban a fermosa corredoira dos Barreiros. En Faro de Vigo (28-10-14), a autoridade cualificaba o proxecto de “absolutamente respetuoso”; respectuoso, claro está, cos seus intereses.  
Os de Meilide, amais de padecer en silencio os atrancos e desfeitas, veranse  privados do seu histórico dereito sobre a auga do río do Seixo. Para entendérmonos, só o despoboamento, o absentismo e a conseguinte inacción dos lugares de Meilide e Cavenca permiten que tal actuación se leve a termo. Se nas agras de Meilide e Cavenca verdease o millo, non habería quen se atrevese a ordenar tal despropósito.  
Non hai tanto, Meilide e Cavenca servíanse da auga do Seixo, conducida dende tempo inmemorial a través de dúas levadas: a presa Grande e a presa de Cavenca, respectivamente. No lugar de Pedraboa pódese observar a tal “pedra boa”, a marca de nivel que repartía unha parte do caudal do río para beneficio de ambas as dúas aldeas. Os usos e costumes de Meilide e Cavenca vense daquela conculcados coa captación de auga alén do pozo Sangoento. A presa de Cavenca aínda cumpre a a súa función, pola contra, a presa Grande de Meilide precisa dunha reparación integral para que volva ser o que foi.
Se en Meilide e Cavenca houbese regantes, se houbese terra de labor que fertilizar, se houbese veciños dedicados á agricultura, isto non pasaría. O cancro deste territorio é o despoboamento, porque a ausencia de presión veciñal propicia os desmandos dunha autoridade desnortada.
Non hai volta atrás. Con esta decisión dificultarase que, en Meilide e Cavenca, propietarios e arrendatarios poidan, se for o seu desexo, pór de novo a terra a producir, xa que non chove como chovía e a cunca do Seixo experimenta un declive hídrico notábel nas épocas de escaseza de chuvias. Se no futuro alguén decide labrar no terrón, verase obrigado a loitar de novo polos consuetudinarios dereitos de rega. Os comuneiros de Meilide (presentes e futuros) cangan dende agora coa servidume da traída de augas de Cerdedo en troco de contrapartida ningunha.   
Moito nos tememos que no verán, coa seca pertinaz e coa traída de Cerdedo en funcionamento, non se respectará, cando menos, o caudal ecolóxico do río do Seixo. A trampa que permitiu a captación de auga baséase en que este río non é afluente directo do Lérez, ocultando que o Seixo verte no Castro apenas a 500 m da desembocadura do Castro no Lérez. As leis para quen as entenda.
Primeiro ceibamos alevíns no Seixo para saír na foto e despois, sen fotógrafos, deixamos que as troitas morran nun leito seco. Gabámonos pola proeza de limpar o camiño de Cavenca á Cavadosa, mentres, sen rubor, escachizamos sen remedio a outra beira. Dado que os labores de desbroce e as obras da traída se anunciaron a un tempo, é evidente que o acondicionamento da senda ribeirá cumpría unha función de cortina de fume. Constante actitude bipolar.        
O Concello ben podía seguir subministrándolles auga aos veciños do lugar de Cerdedo a través da captación existente no río Lérez. Este recurso, coas melloras necesarias, debera ser abondo, posto que os valores demográficos son, por desgraza, recesivos. Mais, a triste realidade é que o caudal do Lérez está supeditado á peaxe imposta por unha central hidroeléctrica cuxa instalación gozou, no pasado, do visto e prace dos gobernantes locais. A ausencia dun proxecto de futuro sumiu Cerdedo nunha decadencia insoportábel.  
No devandito artigo de Faro de Vigo (28-10-14), a autoridade recoñecía que: en estos momentos el núcleo cerdedense se abastece por gravedad del canal de derivación de un aprovechamiento hidroeléctrico existente en el curso del río Lérez. El agua de este canal está sujeta a los regímenes de turbinas de la central. Así e todo, lembremos que o artigo 60 da Ley de Aguas (BOE, 24-7-2001) prioriza o abastecemento das poboacións, os regadíos e os usos agrarios fronte aos usos industriais para a produción de enerxía eléctrica.  
Hipotecados os ríos Lérez e Castro, a submisión aos intereses das hidroléctricas empurraron a autoridade a escarallar agora o río do Seixo. Desbarate de cartos públicos e política de terra queimada.

.
.
.

2/8/15

Presentación en Cerdedo de "EL HUMO DEL DIABLO" de FERNANDO SALGADO (1-8-2015)

.
.
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
.
.
.

UN OTERO ESPASANDÍN DE VINTE ANOS ( I ) - Faro de Vigo (2-8-2015)

.
.
.
.
Retrato de Otero Espasandín da autoría de Ana Santiso
.
.
.

Xosé Roxelio Otero Espasandín, mestre e poeta, fillo de labregos, naceu na parroquia cerdedense de Santa Baia de Castro, lugar de Castro do Medio, en novembro de 1900. Amén da súa obra poética e xornalística en galego, é autor, en castelán, de máis dunha trintena de libros de divulgación histórica e científica, elaborados, boa parte, durante a súa estadía bonaerense. O pintor e escritor Luís Seoane, camarada na diáspora, exclamaría: realizó en seis o siete años una labor enciclopédica sin igual.
Intelectual comprometido coa educación, a liberdade e a democracia, viuse obrigado a fuxir dunha España esgazada polas poutas do fascismo. Padeceu a condición de refuxiado no campo francés de Saint-Cyprien (1939) e o posterior exilio en Inglaterra (1939-41), Arxentina (1941-47) e Estados Unidos. Otero Espasandín, que non voltaría a Galiza, faleceu en Washington o 15 de outubro de 1987, após unha vida entregada ao estudo e á docencia. Vállanos de laudatio esta colección de retallos de prensa (1921-1929) cos que rememoramos apenas os seus anos mozos, os seus “enrabechados”, vertixinosos, esperanzados e “felices” anos vinte.
No xornal santiagués El Compostelano do 13 de abril de 1921 (páx. 3), baixo o titular “Maestros y estudiantes normalistas”, atopamos a Otero Espasandín, estudante de Maxisterio, asumindo o cargo de vicepresidente da xunta directiva da Asociación de Maestros y Estudiantes Normalistas.
            O 19 de abril de 1921, a mesma cabeceira (en portada) e baixo o titular “En la Normal”, informa: La última conferencia de Ciencias en la Escuela Normal de esta ciudad, estuvo a cargo del alumno de cuarto curso don José Rogelio Otero Espasandín, disertando sobre el tema “Estudio físico-químico del aire”. Expuso, acertadamente, los cuerpos que forman dicha mezcla, los procedimientos que en el laboratorio se emplean para separarlos y la acción que cada uno de ellos ejerce en la materia, y especialmente sobre los seres vivos. Hizo un detenido estudio físico del aire explicando la causa de la presión, meteoros aéreos y fenómenos ópticos que se producen en la atmósfera.
            A súa disertación deu pé a un debate entre o alumnado asistente que dirimiron os profesores Tello e Sáenz Morilla, titulares de Química e Matemáticas, respectivamente.
            El Compostelano do 17 de maio de 1921 (páx. 2), baixo o titular “En la Normal. Una gran fiesta literario-musical”, ofrece a crónica do acto que a Asociación de Maestros e Normalistas celebrou co gallo do remate do curso académico. Tras o discurso inicial, a cargo do presidente da entidade, sucédense lecturas de textos literarios, actuacións musicais e outras intervencións. O profesor de Matemáticas, Sáenz Morilla, aconseja a todos que estudien con afán, pero sin dedicarse a especialidades, porque cree que el maestro debe ser una enciclopedia, para lo que tendrá que saber de todo. Otero Espasandín aproveita a súa quenda para ler os versos doutro insigne mestre e poeta, José Mª Gabriel y Galán (1870-1905), en concreto, o poema titulado “El ama”: Yo aprendí en el hogar en qué se funda la dicha más perfecta, y para hacerla mía quise yo ser como mi padre era y busqué una mujer como mi madre entre las hijas de mi hidalga tierra...
            En El Compostelano do 1 de xuño de 1921 (en portada), baixo o titular “De Instrucción pública”, consta que José Otero Espasandín vén de finalizar os seus estudos na Escola Normal de Mestres de Santiago.
Ao pouco, ingresa no exército para cumprir o servizo militar (3 anos). Integrando o Batallón Expedicionario do Rexemento “Zaragoza”, é destinado ao norte de África. María Cuquejo Enríquez (Xosé Otero Espasandín. Obra galega, 2006), engade: por mor da desfeita de Annual (xullo de 1921), é mobilizado a Melilla, neste mesmo ano [...] En terras africanas coincide con Rafael Dieste, Amado Villar e mais Brea Segade e xuntos faranlle fronte a un destino duro tanto pola guerra como polos rigores do deserto.
            El Compostelano do 16 de xuño de 1922 reproduce, en portada, un artigo de Otero Espasandín titulado “Bar Cosmopolita. Escenas de campaña”, asinado en Ras Medua o 5 de xuño. A desfeita de Annual acontece un ano antes, nas fatídicas xornadas do 22 e 23 de xullo de 1921. Os poboados de Ras Medua reconquistaríanse o 21 de novembro, catro meses despois.
            No sobredito artigo, o de Cerdedo comparte a súa experiencia forzosa no conflito colonial español: Diré que el Bar Cosmopolita es, en síntesis, una especie de chabola en mucho inferior a una tienda de pulpo en una feria de cabeza de partido. Atendiendo al material de construcción, podemos dividirlo en dos partes. Forman la primera unos cuantos pedazos de puertas viejas colocados de punta y, asegurándolos, otros colocados horizontalmente sobre ellos y que, sumados a unas planchas alabeadas de zinc, forman el techo. Unos cuantos sacos deshechos, a los que sirven de soporte unos palos de pita, componen la segunda parte, más pintoresca, porque desde ella podemos contemplar una puesta de sol o el parpadeo de las estrellas...
Malia o contexto, na baiuca “Cosmopolita”, os recrutas galegos armaban animada e señardosa tertulia literaria. Naquel ermo, Otero Espasandín e Dieste, cerdedense e rianxeiro, fan agromar unha longa e incondicional amizade: Llegan juntos Cambeiro y Dieste. Éste hace unos símiles sutilísimos en el curso de su amena charla. Es el poeta aticista; siéntase a mi lado y hablamos extensamente de Valle Inclán, Oscar Wilde, Maeterlinck, Bernard Shaw, Unamuno, Carrere [...] Otros muchos entran y salen a menudo hasta que, recia y clara, una corneta nos anuncia un plato de rancho [...] A eso de las diez, un toque prolongado acallará las algazaras de los que en el campamento bailan muiñeiras al son de una gaita meiga y nostálgica...
No ano 23, Otero Espasandín, Dieste, Amado Villar e Brea Segade tornan ilesos do Rif. O xornal coruñés El Ideal Gallego do 20 de novembro de 1923 (páx. 3), na sección “Ecos compostelanos”, informa: En la “Casa de las Crechas” anoche, convocados por el director de la “Hoja Literaria” de Faro de Vigo, señor Posada Curros, se han reunido los colaboradores de ella, señores Cotarelo, Remiñán, Fuentes Jorge, Maside, Amado Villar, Otero Espasandín, Barrón y los cofrades de “La Buena Armonía”, señores Lema (don Manuel J.), López (don Antonio), Asorey, Fernández González, Rey Alvite y el dramaturgo San Luis, para festejar con una cena íntima el primer mes de la publicación de dicha Hoja.
O poeta Amado Villar (Villavril) dirixirá as páxinas literarias do Faro, arrequecidas coas colaboracións, entre outros, de Otero Espasandín.
            O xornal vigués El Pueblo Gallego do 29 de xaneiro de 1924 (páx. 6), na sección “Ecos compostelanos”, publica: A partir del día 1 de febrero comenzará a prestar sus servicios, en el acreditado Colegio del Ave María de Santa Eugenia de Riveira, nuestro especial amigo el joven escritor y maestro nacional D. José Otero Espasandín que desde esta misma fecha será también colaborador de “El Pueblo Gallego” en aquella localidad. Plácenos mucho que Otero Espasandín, muchacho de vasta cultura y espíritu agudo, vaya ocupar un puesto tan importante como el que se le ofrece en Riveira...
Otero Espasandín, canda Dieste, porá escola no Pósito de Pescadores de Ribeira. Xosé Mª Brea Segade fará o propio no de Rianxo. Segundo anota Dionísio Pereira (Paisaxe vital de X. Otero Espasandín con Castro ao lonxe, 2012), o de Cerdedo compaxinará as tarefas docentes no pósito coas de mestre de Matemáticas no colexio privado “Ave María”.          
O xornal El Compostelano do 21 de febreiro de 1924 (páx. 3) saúda a presenza de Otero Espasandín en Santiago.
            O xornal vigués Galicia do 22 de febreiro de 1924 (páx. 2), na sección “Santiago” (notas culturais), farase eco da presenza de Otero Espasandín nesta cidade.
            Continuará...

Faro de Vigo-Terra de Montes (2-8-2015).
.
.
.

CAPITÁN GOSENDE DESCOBRE UN PETRÓGLIFO EN FIGUEIROA (CERDEDO)

.
.
.
.
.
.
.
.

25/7/15

Presentación en Pontevedra do libro "A CONXURA DOS GOSENDE" (Ed. Morgante) - Galería Sargadelos, 24-7-2015

.
.
.
.
.
 
.
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
.
.
.
.
 .
.
.
.
 .
.
 .
.
.
.
 .
.
 .
.
.

21/7/15

OFRENDA Á RAÍÑA LUPA (Pico Sacro, 18 de xullo de 2015)

.
.
.
.
Ilustración de Ana Santiso 
.
.
.
.


Benvida ao acto de lectura pública do Alba de Gloria de Castelao (Pico Sacro, 18 de xullo de 2015)

Calros Solla

Unha aguia de sol pousa na espadana do Ilicino. A branca torre de seixo brandea esguío o seu pendón de abrotia e o sinal convindo reprodúcese coma eco, cimbra a cimbra, cume a cume, atinxindo as catro derregas do país.

Con solemne e compasado chío, a carruaxe real, turrada por unha manda de aluados lubicáns, fondea nunha aberta do ceo. Os outeiros lañados traban a deriva do rizón. Lustres de arrepío e rouco torbón anuncian a chegada da raíña, deusa entronizada na Pedra do Destino.

Un morno refoleo esvae o nubeiro, lingua loumiñeira que lambe a faciana do pobo aterecido, reunido en arelante procesión ao pé da montaña.

Grilos e carricantas redobran o chifre e, na ardencia, tanxen vellos himnos marciais. Un refacho de estorniños suca o horizonte da Ulla e o seu rebumbio abelloado arremeda o redobre dun tamboril.

De súpeto, a natureza enmudece. Abátense da carroza os ladrais e unha camba de sete cores e chanzos relanzados acada a cimeira do monte. O arrecedendo dos chuchameles condénsase en cada meixela esbagoada. Amortecido o latexo, contido o alento, o mundo arróubase para mellor comungar dos prodixios.  

Distinguidos fillos de Ith, netos de Breogán, bisnetos de Brath, tataranetos de Mil; feroces nautas do mar céltico fronte aos cantís de Carnota, seareiros devotos do hospedeiro Berobreo, nas fisterras de Donón; alfandegueiros eternos dos milladoiros da Capelada; vixías alerta nas expostas costoias do Tegra e do Aloia; vedoiros corvos druídas, estandartes do nemetón Pico Sacro, aquí e agora; poldros bravíos da grea de Epona, ceibos coma o vento que rincha no alto Seixo. Confrades das sete montañas sagradas:

Velaí!, velaí, nosa senhor fremosa coroada co diadema de xesta e fiúncho, distinguida co cetro de pau-teixo e o anel de betilo. Velaí, a raíña Loba, altísima Lupa, relocente Deusa Nai, señora do castro Lupario.

Un feixe de estrelas fatuas rabuña o firmamento. A belísima dama do Monte apea do estribo e vai descendo, paseniño, polo arco de esqueira, arrastrando un longo veo de néboa coma abalo da marea. Co pé en terra, percorre con mirar gaioleiro a concorrencia, acende un sorriso, abaixa lenemente a cabeza en sinal de reverencia, arrecompón a aba do saiote, arregaza a estola, encrespa un guecho e pousa a súa melindrosa dignidade nunhas xamúas. 

E dende o inxel podio de privilexio, con verba afagadora así lles fala aos presentes:

Benia a vós, xentes da Galiza, roseiras brancas, belidos caraveis. Benia a vós, galegos e galegas, nados nos 3.792 confíns do país do sol poñente. Benia a vós, que oístes a chamada de cornos e buxeiros. Benia a vós, que erguestes a mirada, pousastes a canga e aviastes o fardel, para vir tomar beizón nesta aperta asemblearia.

Mírovos en fite para os ollos e albisco neles a xinea ardente que vos devancea, a avantaxada estirpe que vos escolleu entre os escolleitos. Os vosos corazóns arborados burbullan seiva de heroes e de mártires e nos aneis das vosas pólas magoadas enxergo a cerna nobre na que estades labrados.

Podo, sen dificultade, nomear, un a un, os chegados das terras quentes, curtidos polo esgrevio vendaval, e, entre eles, os nuncios dos calaicos, dos brácaros, dos nemetates, querquenos, límicos, elenos, ártodos e tamacanos.

Podo, sen abafo, identificar, unha a unha, as tribos do abrente, ameladas coa primeira luz do día, e, na turma, os mensaxeiros dos tríboros, dos guigurros, dos lanquiatos, lugóns, orniacos, ámmacos, bésicos e betonios.  

Podo, sen atranco, recoñecer, un a un, os heraldos do Ártabro, luídos a contrafío polo océano primordial, e, entre eles, os embaixadores dos quelenos, dos lemavos, dos albións, brigantios, namarinos, nerios, barbantes e os metacios, os montañeses da marca, gardiáns da soleira de Portalén.

Miñas donas ardidas, meus señores afoutos, bícarvos hei as feridas gañadas nesta longa loita sen tregua. Recibide o conforto da saudosa raíña que vive recluída no celme dos vosos corazóns bos e xenerosos, malia padecer a aldraxe dos que a fan sentir allea, vivindo en terra propia.

Sabedes coma min, meus lobos de raza, que os tempos de gloria, entoados polos bardos e proclamados polos profetas, non dan chegado. Sabedes coma min que lonxe da redención, os voitres da podremia seguen velando a nosa agonía, pois, coma larvas da morte son, cebadas co noso decaemento, lardeiras da nosa parálise.

A nosa terra, outrora proa e rompente, vémola hoxe mirrada e fusca por mor dunha doenza estraña, podente feitizaría que verteu tangaraño no noso sangue arroiado.

E por designio ruín, acometeunos un ramo de loucura. Desbaldimos a habenza común. Batuxamos na esterqueira colonizada. Trocamos a humildosa liberdade polo ouro das alxemas; o destino, lampo e espido, polo engado da camisa de forza. O arguto chalán cinguiulle a cadea á nosa vaca nutricia e nós, e entre nós, releamos pola chave do ferrollo.

Dígovos, si, que o mal que nos devasta se afortala na intransixente incomprensión dos de fóra, mais, se orixina na falta de entendemento dos de dentro.    

Pico Sagro, Pico Sagro, sándame este mal que eu traio.

Reaxide miñas fideis amazonas, meus leais cabaleiros; reaxide e facede reaxir os que refugaron a congostra pedrallenta, escollendo a verea da mansedume. Apartade o grau da palla. Peneirade a fariña. Sinalade os comenenciudos que se venden ao inimigo polo caldiño da va ostentación.

Afiade os coitelos da intelixencia, brunide os escudos da fortaleza, untade as vosas coirazas co sebo da honestidade, para que as nosas armas incruentas volvan rebrillar e o seu refolguexo espellado esconxure de vez a mala fada.

Irmáns e irmás na fala e no sentimento; quixera eu agasallarvos neste día feliz, nesta hora ditosa, con colares de arrecendo e grilandas rechoridas, quixera eu unxirvos cos óleos da vitoria longamente perseguida; quixera eu rechouchiar con voz de xílgaro os resaibos da nosa gloria pasada...

Mais, non estou aquí para aledarvos os ouvidos, non acudín para endozarvos o padal. Antes ben, transmitirvos o oráculo murmurado polas pedras canda o fatídico Medulio; recrutarvos novamente, para que tornedes con azos confiantes ao combate dos días.

Non ousedes fraquear, meus galegos e galegas; non desistades. A insania adoecida apéstanos as agras, vérganos as selvas, sécanos os ríos, envelénanos o mar, fura e trípanos os montes, desterra a mocidade, imponlles duros acentos ás crianzas e fai escarnio e mofa das reliquias. Eis as razóns certas da anemia que nos balda.

Pregoade con voz de trono que vós sodes os donos desta terra, os seus lexítimos vinculeiros. Abride os camiños empecidos, marcade os carballos da casa, botade as redes nas pesqueiras, alindade o gando nos seidoiros e apercibide as camadas novas, pois son herdeiras dun carísimo tesouro. Un torque-xugo de ouro que enfeita os pescozos dos que puxan con dignidade da honrosa carga da tradición, porque imos estando por aquí, levamos séculos aquí, neste sen norte.

Ouveade agudo e sostido. Non hai imperio que abata os nosos marcos, non hai lei inxusta que enmudeza os nosos presos nos cárceres de lonxe, non hai dogma que nos impida contar a nosa historia ao noso xeito; non hai bastarda autoridade que impida os nosos fillos aprenderen na nosa lingua para expresar os misterios do universo; non existen grillóns para quen devece a liberdade.  

Xamais nunca adormecerán as sentinelas e sempre, sempre haberá quen manteña outo e aceso o facho incandescente da galeguidade. Mentres haxa pobo, eu, raíña Lupa, doncela eterna do Montesagro, permanecerei ao voso carón, ensoñada, revivida, anovada, pois é a vosa fe a que alimenta a miña esperanza.

Viva Galiza ceibe!!
.
.
.