10/2/12

O XACENTE DO COTO DAS INSUAS: A PEDRA ANTROPOMORFA ATOPADA NA ALDEA DO SERRAPIO (PEDRE-CERDEDO)

.
.
..
.

.

Hai uns días, empreguei as páxinas deste xornal para facelos partícipes do limbo no que esmorece a aldea do Serrapio (Pedre-Cerdedo). O máis da aldea fora expropiado pola eléctrica Fenosa alá pola década dos setenta, por mor do proxectado pantano de Dorna que, polo momento e para o noso gozo, non se consumou.

Escribín verbo da baldía destrución do poboado, verbo da indefensión dos veciños –algúns tornaron ás súas antigas vivendas, como en Chernóbil–, verbo do estado ruinoso da ponte de Pedre, verbo do esparexemento do seu patrimonio arquitectónico, verbo do conxunto do San Lourenzo (peneda, capela, cruceiros e pombal)..., e tamén lles falei do coto das Insuas.

Con estes antecedentes e advertido polo amigo xornalista de Faro de Vigo, Manuel Blanco Rivas, natural de Presqueiras (Forcarei), dexerguei Serrapio e o coto das Insuas dende a altura coa axuda do Google Maps e, seguindo as súas indicacións, fixei a vista no devandito outeiro (lat. 42º 32’ 4,50’’ N - lonx. 8º 26’ 28,40’’ W). O coto das Insuas é un outarelo pedrallento duns 100 m de diámetro e uns 8.000 m2 de superficie. Elévase uns 328 metros sobre o nivel do mar e sobrancea na pradería circunda.

.A vista de paxaro, a forma circular do coto das Insuas fíxonos pensar na existencia dun xacigo castrexo, malia que a toponimia, nesta ocasión, non o corroborase. Así e todo, o seu singular feitío, a súa selleira localización na verdecente chaira, á beira do relanzo fluvial formado pola xunción do río de Quireza e o río Lérez, empurrounos a pór o pé sobre o terreo. Na súa foz, os ríos serpean entre insuas, illotes fluviais, xustificando o topónimo.

.A primeira visita cadrou no sábado 21 de xaneiro. Percorremos o seu perímetro, ascendemos, sen moita dificultade, ao cimo; dexergamos dende alí a peneda onde se construíra, no século XVIII, a capela de San Lourenzo, a uns douscentos metros de distancia, e o coto de Antas, linde con Campo Lameiro, a uns setencentos metros cara ao noroeste; comprobamos o dano inflixido polo lume á, noutrora, mesta carballeira; fixemos punto nos valos que, aínda en pé ou convertidos en croieiras, arrodeaban o coto nas zonas de doado acceso e, así mesmo, reparamos na ausencia dos mesmos, alí onde a natureza, de seu, impedía o avance. O lugar posuía moitas das características que, ás veces, non son facilmente observábeis nos depósitos xa confirmados. Botamos toda a mañá subindo e baixando o outeiro, barallando hipóteses, establecendo comparanzas. Cansos, demos por concluída a xornada arqueolóxica, facendo promesa de investir no lugar outro quiñón do noso lecer.

.Que segredo agochaba o pedroso coto das Insuas? Que se ocultaba no seo da minguada carballeira? Cómpre lembrar que o coto das Insuas é, hoxe, como todo o terreo adxacente, propiedade da multinacional Gas Natural Fenosa, con domicilio social en Barcelona. “A nosa Terra non é nosa”.

.Din os que me coñecen que posúo un sexto sentido para atopar cousas de mérito. Co descuberto, días despois, no coto das Insuas, debo comezar a tomalo en consideración. Cóntolles.

.Transcorridas dúas semanas e, aproveitando unha viaxe ás Raposeiras, parei de novo no Serrapio. Tiña unha horiña en por min, polo que determinei repetir a ascensión á lomba. Achegueime a Pontapedre e virei á esquerda na dirección do montiño (uns cento cincuenta metros), volvín percorrer o perímetro do valado, retrocedín, accedín ao cume pola rampla sueste –como de adoito, non afastei a vista do chan, tripándoo coa axuda dun pau do que me provera.

.Nalgún momento, decidín tomar a dirección nordés, achegándome a un afloramento rochoso que xa chamara a nosa atención durante a primeira visita. Fixen un alto no sitio, decidín sentar un chisco no laxedo, á raxeira, e, mentres axeitaba o sentadoiro, ao remexer a follaxe, os meus ollos fitaron un risco cruciforme.

.Asolagado por unha primitiva emoción, comecei o labor de desbravamento co caxato, mais, desbotándoo axiña, empreguei as mans para retirar a frouma e despois a terra e o brión que cubrían aquela laxa. Canto máis aparruñaba, máis me decataba de que, outra vez, o destino me guiara ben. Diante de min, prostrado nun sono de séculos, saudaba o meu aglaio o que, despois, dei en chamar “o xacente do coto das Insuas”.

.A tosca e ríspeta figura impresionoume, mesmo infundiu en min un certo temor supersticioso. Identifiquei uns ollos, quizais uns indicios de nariz e boca, trazos dunha cabeza dolicocéfala. Algo semellante a un colar cinguía o seu pescozo. Unha protuberancia, localizada na súa parte inferior, lembroume uns pés. Unha cruz, en posición central, outra baixo a cabeza, e aínda outra a carón dos pés esconxuraban a tesa anatomía. En conxunto, a pedra figurativa do coto das Insuas evocaba a rixidez dun sarcófago exipcio ou a dun sartego mitrado.

.Non tardei en acharlle parecido cun outro pétreo antropomorfo no que pousara a miña atención na primeira visita: un cantacuco (remate do tellado) dunha casa construída ao pé do camiño de acceso á capela do San Lourenzo.

.Devecía por obter respostas. Na primeira casa da aldea, batín con xente. Formulei as preguntas de manual. Un home octoxenario faloume da existencia doutras cruces, acompañando o trazado do antigo camiño dos defuntos. Non podía ser doutro xeito, o vieiro arrodeaba o coto das Insuas en dirección ao camposanto de Pedre. A súa muller, tamén octoxenaria, lembrou a lenda da Pedra Chinada: “Disque, nunha ocasión, un home que viña polo camiño bateu cunha pedra que lle falou deste xeito: Oe, se non me dás a volta, quedas chinado [gafado]! O home ghañou medo, polo que, con moito esforzo, envorcouna. A pedra respondeulle: Xa non quedas chinado, e aghora descanso polo outro lado!”.

.De momento, puxen o achádego en coñecemento da prensa e mais daquelas amizades que lles dan valor a estas cousas e contiven a emoción para redactar este primeiro comunicado. Non tardando, organizaremos una excursión ao lugar. Tereinos informados.

.

Calros Solla

.

.

Ligazón ao artigo do Faro de Vigo (9-2-2012):
.

7/2/12

O SERRAPIO: A INACABADA HISTORIA DUN ESPOLIO

.
.
.
.
..

Desafiando o incerto porvir, unha ducia de casas mantéñense hoxe en pé no lugar do Serrapio (Pedre-Cerdedo), a ambos os dous lados da serpeante estrada PO-230 e na ourela dereita do río Lérez. Como é sabido, na década dos setenta, Fenosa, adoecida pola construción do encoro de Dorna (Cotobade), someteu a expropiación a feracísima ribeira do Lérez. A usurpación legal e o anunciado asolagamento motivaron a derruba dunhas vinte e cinco edificacións, venda e dispersión de hórreos, traslado a Codeseda do fermoso muíño da Pontapedre (de catro moas), despoboamento... O macroencoro de Dorna, unha constante ameaza, sumarase, se ninguén o remedia, ás represas xa construídas na maltreita madre do Lérez, pechando un novo e disparatado capítulo da destrución do noso patrimonio.

.

Probabelmente, a inexorábel inundación, que converterá Serrapio noutra das aldeas míticas galegas sepultadas baixo as augas, sexa a causa pola que as autoridades teñen esquecido a restauración da Pontapedre. Xa non porque o desleixo permitise o roubo da cruz que a enfeitaba, senón porque o estado das loadas ponte medieval e calzada romana é ruinoso. Obsérvese, río abaixo, a derruba parcial dun dos estribos ou contrafortes. Repárese no peitoril zafreado. A Pontapedre cae aos cachos. A pedra que poida escusar o “paseo” do eirado da Pena, en Cerdedo, úrxelle á ponte de Pedre. Os veciños do Serrapio séntense abandonados –así mo fixeron saber–, porén, nas webs promocionais do concello, faise gabanza e reclamo turístico da “encantadora atmosfera pantasmagórica” destes predios. Rir por non chorar.


No ano 1937, nunha das lousas do lombo de mula, un tal Manolo C. O. riscou o perfil da ponte e, no gravado, amais dos tres arcos, non esqueceu engadir a cruz. Este é o único testemuño da súa pasada existencia.

.

Serrapio é topónimo espiñento, pois, alén de o considerar un orotopónimo derivado de “serra” –terreo montañoso por oposición ao terreo chan e ao campo aberto–, ou como escribiría Sarmento, “apretura entre dos sierras”, tamén se podería enxergar, segundo Martínez Lema, un hidrotopónimo derivado da raíz prerromana *ser-/*sor- “fluír, manar” –lembremos a proximidade do río–; ou como interpretan Alonso-Lada para o Serrapio do concello asturiano de Ayer, un haxiotopónimo vencellado co deus pagán Serapis, equivalente antropomorfo da vacúa divindade exipcia Apis, o touro que porta entre os seus cornos o disco solar. Finalmente, Serrapio, segundo recolleu C. García González (1985), tamén significaría “pedra con barro”, axeitándose á calidade mineralóxica do lugar: abundancia de pedra de gran groso.

.

Nun promontorio rochoso localizado ao leste da aldea, ergueuse no século XVIII unha capela na honra de san Lourenzo mártir (séc. III) que fora queimado vivo nunha grella. Conta a lenda que, mentres o abrasaban, o santo retranqueiro pronunciou aquilo de: “Dádeme a volta que por este lado xa estou no punto”. En tempos do papa Sixto II e do emperador Decio, época na que os cristiáns padeceron persecución, entre os tesouros eclesiásticos postos ao coidado do diácono Lourenzo, figuraba o Santo Grial. Curiosamente, a igrexa de san Vicente de Serrapio, no amentado concello de Ayer, de evocación templaria, coquetea coa custodia do sagrado cáliz.

.

No Serrapio, o san Lourenzo de inverno festéxase o día de Reis e o de verán, o 10 de agosto. Os fieis sacan o santo en procesión na compaña de santa Lucía: ao saíren, viran á esquerda, arrodean a capela e volven entrar pola dereita. Mediado o mes de agosto, tamén se pode contemplar no ceo da noite o fenómeno astronómico coñecido polas “Bágoas de san Lourenzo”, ou “Perseidas”, unha cativadora chuvia de meteoros. O día 13 de decembro, como é preceuto, os veciños do Serrapio celebran a santa Lucía, patroa dos cegos e tamén dos labregos. En 2009, visitei, na veneciana igrexa de San Geremia, o sartego que contén o corpo incorrupto da mártir (séc. III).

.

A capela do Serrapio foi roubada en cinco ocasións. Nunha delas, os ladróns mesmo tencionaron prender lume no interior. As tallas orixinais: unha Purificación, un san Francisco, un san Fernando... foron substraídas; non así o padroeiro, san Lourenzo, pois, ao parecer, sendo como é unha imaxe de escaiola, non lles encheu o ollo ás rapinas.

.

A peneda, a carón da cal se ergueu a capela, non é cousa de pouco. O terreo adxacente noméase As Torres. Dous cruceiros, unha cruz e un pombal acompañan o acceso ao adro pedrento. En tempos recuados, nunha das penas, labrouse toscamente, a uns dous metros do chan, unha sorte de podio orientado cara ao nordés. No cimo, non faltan as pías, luídas no gran formiguento. Dende alí, cara ao sueste, sobrancea nos agros, a carón do río, o coto das Sínsoas (Insuas).

.

Sáenos ao encontro un aldeán, acompáñanos amabelmente na visita á capela, ábrelle a billa a un chafariz e, mentres escoitamos a auga bater no pío, conta que hai uns días lle entraron na casa; confesa contrariado que lle riparon dúas motoserras, unha do trinque, e algunha máis cousa. Indefensión. Facendo un alto no avío do xantar, outro veciño amosa unha fotografía aérea do Serrapio preexpropiado. Que desfeita! A postergación sine die das obras do pantano animou algúns a tornar á casa que os vira nacer. O gando volve pacer pousón nas veigas. A solleira mañá tráeme á memoria o querido Manuel Monteagudo quen, ao longo de vinte anos, plasmou na prensa a súa oposición á todopoderosa hidroeléctrica: “Ustedes me desarraigan, ustedes rompen mi círculo social, mi comunidad de vida, el paisaje, el aire, aquel camino, aquel recuerdo, mi historia como ser humano y hasta los muertos (Diario de Pontevedra, 22-10-1978)”.

.

Calros Solla
.
.
Ligazón ao artigo do Faro de Vigo (7-2-2012):
.