5/4/15

CAPITÁN GOSENDE DESCOBRE SEIS CASTROS EN CERDEDO (e II)

.
.
.
.
A beleza agochada do castro das Cercas, entre os ríos Lérez e Freixeira (Parada).
.
.
.
Óvalo da Roda da Ameixoada (Figueiroa). Á dereita, o río Lérez e a central hidroeléctrica.
.
.
.
No centro da imaxe, albíscase o óvalo do castro de San Bernabé e mais a capela. Á esquerda (inf.), a aldea.
.
.
.


Dende a ponte Parada, sobre o Lérez, catalogada por Patrimonio como medieval (arco de medio punto), cómpre avanzar cara ao norte e vadear o río da Freixeira polos pasais. Deixaremos á esquerda a insuíña que forma o Freixeira na súa embocadura. Alí onde amece no Lérez, áchase o rochedo coñecido por Cortello das Cabras, adobiado coa lenda da Moura. Relanzo de muíños.
Xa na outra beira, seguiremos o camiño que ascende pola lomba oeste do outeiro até albiscar, á dereita, o planalto no que se estende a croa do castro. O valo defensivo da croa das Cercas debuxa un cuarto minguante de lúa (superficie semielíptica). O lado recto acada unha lonxitude de 190 m. O largo máximo (raio) é de 115 m. A área resultante é duns 17.000 m2. Tomando o camiño como estrema, unhas corenta parceliñas dividen a croa e o terreo adxacente.
A poñente, as lombas do outeiro das Cercas descenden até o leito do río Lérez. Cara ao sur, abéiranse ás cinco reconcas do río da Freixeira. Ao nacente, en acusadísima pendente (que acada porcentaxes de verticalidade), baixan até o Freixeira (castro en interfluvio). A distancia horizontal entre a croa e a madre do Freixeira é de 50 m. O desnivel, duns 25 m. As ilustracións permítennos comprobar como, por mor da inexpugnábel orografía, aqueles canteiros bimilenarios aforraron a construción da muralla de cara ao nacente. O castro das Cercas figura no catálogo de Patrimonio e no PXOM de Cerdedo (2014). O lugar adobíase coas lendas da Cova dos Mouros (arca de ouro, de prata e de millo miúdo) e do Forno de san Martiño (abrigadoiros rupestres).
A silueta do castro das Cercas lémbranos a feitura de Dún Aonghasa, a coñecida fortificación irlandesa da Idade do Ferro, localizada en Inishmore (Aran Islands). O castro das Cercas ábrese cara ao cavorco do río da Freixeira, Dún Aengus cara ao cantil do Atlántico. O castro irlandés recibe a visita de milleiros de turistas ao ano. En Cerdedo, o castro das Cercas non está nin sinalizado. Vergoñento.
A maiores, o colectivo Capitán Gosende informa a autoridade da existencia doutros cinco depósitos castrexos (non catalogados por patrimonio nin consignados no PXOM). Tres deles, na parroquia de Cerdedo; un, na de Figueiroa e outro, na de Quireza. Tomen nota: castro de Cernados, Castro dos Aghorvellos e Castro de San Bernabé, en Cerdedo; Roda da Ameixoada, en Figueiroa e O Castriño, en Quireza.
A Roda da Ameixoada e O Castriño xa se recollían na Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo (2009). O Castriño localízase á beira do camiño que une os lugares de Mamoalba e Fondós. Nas proximidades do Castriño, acháronse dous fragmentos dun muíño navicular (Faro de Vigo, 22-4-2012). Bótanse en falla no PXOM e seguen sen figurar no catálogo de Patrimonio.
Ao sueste da parroquia e lugar de Figueiroa, na estrema coa de Cerdedo, localízase a devandita Roda da Ameixoada, un recinto murado oval de 165 m x 70 m (superficie: uns 9.000 m2). O coto da Ameixoada atópase a 418 m de altitude. Cara ao nacente, discorre o río Lérez (60 m de desnivel). En Faro de Vigo (2-12-2012), barallabamos a posibilidade de que se tratase dun curro prehistórico. Así mesmo, en Faro de Vigo (23-9-2012), adiantabamos a existencia do Coto da Roda, no linde interparroquial Parada-Castrelo. O depósito arqueolóxico do Coto da Roda deulle nome á parroquia de Castrelo que integrou o concello de Cerdedo e, hoxe, pertence a Forcarei. Acháronse en superficie escouras de fundición. O sitio do Coto da Roda figura na listaxe patrimonial do PXOM de Cededo (2014).
Consonte o material ortofotográfico que manexamos, sinalamos como máis ca probábeis o castro de San Bernabé, o castro dos Aghorvellos e o castro de Cernados. Nunha visita recente (Faro de Vigo, 14-9-2014) á aldea de San Bernabé, identificáronse en superficie, nos arredores da ermida, os restos doutro muíño barquiforme.
Finalmente, fronte á Roda da Ameixoada (cara ao sur), na outra banda do Lérez, localízase o castro dos Aghorvellos (tense noticia do achado dun muíño circular, depositado xacando no Museo de Pontevedra). Fronte ao castro de Arén (cara ao norte), na outra banda do río do Castro, atópase o castro de Cernados. O río do Castro, afluente do Lérez en Cerdedo, malia discorrer entre castros, escolleu o de Montes (san Miguel de Presqueiras-Forcarei) para identificarse. Sobre o depósito arqueolóxico do castro de Montes, a mitra compostelá ergueu, en época medieval, unha fortaleza que foi residencia dos xuíces meiriños e centro administrativo da bisbarra. Derrubada cando a revolta irmandiña (séc. XV), encol dos seus vestixios construíuse, no século XVII, unha capela baixo a advocación da Nosa Señora do Castro.  
Con esta media ducia de descubertas, o número de xacementos castrexos existentes en Cerdedo acada a cifra de dezanove. Eis a relación por parroquias: Castro: Castrodiz. Cerdedo: castro de Arén, Castro Segón, castro de Cernados, castro dos Aghorvellos, castro de San Bernabé e Castro Grande. Figueiroa: castro de Vilar e Roda da Ameixoada. Parada: Coto da Roda, castro das Cercas, castro da Mouteira e castro do Pego. Quireza: Roda do Castro, castro de Abaixo, O Castriño e Os Castrelos. Tomonde: castro de San Cibrán e Coto do Castro.
Campo Lameiro e Cotobade beneficiaranse dos 6’5 millóns de euros de diñeiro público que Fomento e a Deputación van investir na recuperación e mantemento de 23 castros da provincia. Cerdedo a velas vir.
Descoñécese canto nos custou aos contribuíntes sufragar a elaboración do capítulo arqueolóxico do PXOM. O colectivo Capitán Gosende fixo este traballo de balde. 
.
.
.

No hay comentarios: