.
.
.
.
.
ENTREVISTA (“Pontevedra
4 costados”-Faro de Vigo, 21-4-2015)
1.- Viene de
presentar la segunda edición del libro “O río da memoria. Cartafol do río dos
Gafos”. ¿Sinónimo de que ha tenido una gran aceptación?
Se os amigos de Vaipolorío están satisfeitos, eu estou
satisfeito. Dende logo, non se pretendía escribir un best-seller, malia que o
río dos Gafos teña máis que contar ca moitas novelas supervendas. A acollida do
libro por parte do público e da crítica especializada foi moi agarimosa.
Humildemente, non se pode pedir máis, só expresar o meu agradecemento.
É
unha sorte que se esgotase a primeira edición, pois, posibilitou que Vaipolorío,
entidade promotora, recuperase o investimento e, asemade, consonte a súa liña
de actuación, déuselles a coñecer outra fasquía do río aos pontevedreses. Mel
sobre filloas.
Cómpre
salientarmos o apoio da editorial Morgante e o das librarías Paz e Follas Verdes,
puntos de venda na cidade, que, nun xesto que as honra, reintegran na súa
totalidade o prezo do libro á asociación.
2.- Para el que
todavía no haya podido leer la publicación, ¿qué nos podemos encontrar en este
libro?
“O río da memoria” é unha viaxe de 225 anos
(1745-1970) pola intrahistoria de Pontevedra, un roteiro fascinante no que o Gafos
asume, sen pretendelo, o rol de cicerone, un moi particular narrador
homodiexético. O libro válese, fundamentalmente, das referencias que a prensa
dos séculos XIX e XX fai do río dos Gafos, o río dos leprosos.
Os xornais de
entreséculos, aínda que orfos de ilustracións, achégannos información de
primeira man sobre o río, a súa paisaxe e a súa paisanaxe. En ausencia de
imaxes, botouse man da valiosísima herdanza dos célebres fotógrafos
pontevedreses: Zagala, Novás, Pintos... Esta combinación de ingredientes deu
como resultado un volume sabedeiro para calquera padal, ameno e de doada
consulta. Como ben sinalou a crítica, nesta nosa pequena historia, teñen cabida
os persoeiros e a xente do común, a vida cotiá e os grandes acontecementos, o
anecdótico e o transcendente, os feitos e as desfeitas.
3.- Creo que no
es el primer libro que escribe sobre el Gafos. ¿Tanta historia esconde?
En 2009, co apoio de Vaipolorío e o Concello de
Pontevedra, saíu do prelo “Andar primeiro de río. Inmateriais do río dos
Gafos”. Esta chiscadela a Cunqueiro, amais de abordar o asunto da
microtoponimia ribeirá, fornece os amadores da nosa cultura dun abondoso
material arredor dos ríos e a súa circunstancia: fraseoloxía, cantigueiro,
refraneiro e adiviñanceiro, contos e lendas. Se están interesados, a asociación
aínda conserva algún exemplar.
Di
unha copla que “Mentres avante o río, non serei pedra dormente nin tallamar
abatido...”, é dicir, mentres o río dos Gafos suque os predios da Boa Vila,
seguira sendo escenario do noso acontecer e do traballo edificante dos de
Vaipolorío. O río dos Gafos (ou de Tomeza) é, xaora, eterna e muda testemuña do
evoluír de Pontevedra: primitivo asentamento, castro, aldea, vila, cidade. O
río espella no relanzo das súas augas o bulir da comunidade que, xacando,
escolleu instalarse á súa beira, ao amparo da súa madre nutricia.
É a
nosa obriga devolverlle a dignidade ao río, preservar a súa integridade. Non
hai fin máis meritorio que legarlles aos nosos descendentes un río libre de
todo aquilo que o denigra.
4.-Cuentan que
la historia del río se escribe en mayúsculas cuando se trata de atestiguar la
transformación del municipio.
O río dos Gafos deu conta da chegada do ferrocarril a
Pontevedra e aturou calado o proxecto de levar o tren a Marín por riba do seu
curso baixo. O río tamén se dispuxo a ser sobrevoado polo enlace da autoestrada
que se pretendía conectar coa avenida de Montero Ríos.
O río
dos Gafos viviu (mellor, padeceu) a transformación do litoral pontevedrés: as
manobras de resucitación do peirao da Moureira, os recorrentes aliñamentos da
súa embocadura, o desaforo inmobiliario da beiramar, os reenchidos da ría...; a
maiores, a transgresión das súas servidumes e o seu cubrimento por mor da
desaxeitada urbanización de Campolongo. De obrigada lectura, o proxecto que en
1933, deseñou Bermúdez de Castro para este ensanche da cidade. Mágoa que caese
no esquecemento.
No
positivo, o Gafos e os seus afluentes seguen achegando a súa auga á terra de
labor e seguen propulsando os aparellos de moenda construídos nas súas ourelas,
fariña coa que se elaborou o pan que alimentou a xeracións e xeracións de
pontevedreses. As reconcas verdecentes do Gafos agocharon e agochan a maxia da
tradición, o namoro e a xogueta e, a pesar das moitas ameazas, ofrécennos de
balde o espectáculo da biodiversidade.
O río
dos Gafos deunos de beber e de comer e, agora, ameniza o noso lecer ambulatorio.
A nosa débeda é impagábel.
5.- El mérito de que la villa
-y sus habitantes- tuvieran fama de limpios era del río dos Gafos. ¿Eso es
cierto?
Hai uns meses, respondendo outra
entrevista, fixen fincapé na relevancia social das desaparecidas lavandeiras,
mulleres que durante séculos integraron a paisaxe do Gafos. Estas heroínas
anónimas, arrostrando a friaxe e o cansazo, entregáronse a unha angueira tan
indispensábel coma mal paga, colaborando decisivamente na hixiene de Pontevedra
e dos pontevedreses. Se a cidade e os cidadáns arrecendían a limpo, foi grazas
á auga do Gafos e ás atafegadas lavadoras humanas, axeonlladas día tras día encol
das laxas ou das súas táboas de lavar. Ao parecer, esta idea foi do agrado
dalgunha empresa de ambientadores. Ben está.
Postos a erixir
estatuas, as lavandeiras do Gafos, as encantadas e as de carne e óso, ben
merecen unha homenaxe.
6.- ¿Confía en su
recuperación total?
O saneamento integral do río dos Gafos, de todos os
nosos ríos e rías non é só unha obriga moral e política, é unha necesidade
perentoria. O lixo non se pode ocultar indefinidamente baixo a alfombra das
canalizacións ou dos emisarios submarinos, daquela, urxen medidas eficaces para
tratar de xeito integral o noso refugallo. Reciclar e depurar deben ser
prioritarios, a súa omisión afecta a sáude pública; respectar a natureza
redunda no noso benestar físico e psíquico.
Somos conscientes
de que espelir a inercia da xente é un labor lento e dificultoso, pero, como
aconteceu coa peonalización, as cousas ben feitas ben parecen. A xestión do ben
común debe valerse da pedagoxía. Cómpre seguir avanzando neste modelo de cidade
saudábel. Clausurar Ence, liberar o Gafos do cadaleito de Campolongo e
exoneralo da súa condición de sumidoiro son tarefas pendentes que, antes ou
despois, se levarán a termo. Vaipolorío e os seus activistas axudarán a
acelerar o proceso.
7.- ¿Siguen organizando
rutas para conocer el patrimonio que luce en los alrededores del río?
A responsabilidade de guiado e interpretación da
ribeira do Gafos e do seu tesouro cultural e ambiental compételles, por méritos
propios, aos voluntarios de Vaipolorío. Eu, na medida das miñas posibilidades e
mentres haxa folgos, estarei ao seu dispor para o que necesiten.
.
.
.
No hay comentarios:
Publicar un comentario