30/9/08

TAN SÓ QUIÑENTOS METROS

.
.
O río dos Gafos ofrece ao pedestre observador a calamitosa imaxe da mutilación ou, se queren, da parca existencia condicionada ao saldo de leoninas hipotecas. Escuso dicir aquilo de “quen te viu e quen te ve”, mais alén da ponte da estrada PO-542, o río atravesa amedrentado o rueiro, sen ousar erguer a vista, demandándolle o perdón a Pontevedra por ter vindo a este mundo.

Que a cidade medrou virándolle as costas á corrente fluvial é evidente. Se entendemos por fachada o “aspecto exterior dun edificio por cada un dos lados que pode ser mirado”, crémonos no dereito de afirmar que a arquitectura contemporánea obviou decote tres dos catro lados, ou no mellor dos casos, un dos dous. As comunidades de propietarios non están libres de pecado. Os ubicuos graffiteiros, mellor borrancheiros, tampouco non.

A senda ribeirá que acompaña o Gafos, dende a ponte da avenida da Estación deica á rúa Alcalde Hevia, é metáfora do ser humano: sómosche, abofé, capaces do mellor e do peor. Pódese empregar o mesmo atributo para a contorna da ponte do Couto e mais para o treito acondicionado tras a ponte da rúa Rosalía de Castro deica ao mar. Entremedias, o río é sumidoiro.

R. L. Stevenson, entregado á edificante disciplina do paseo, acharía no lugar argumentos abondos para reforzar a tese plantexada na súa célebre Doutor Jekyll e Mr. Hyde. Quen fose chosco, lusco ou torto para poder pasear inocente, sen fastío, polo carreiro gañado á xungla de asfalto e formigón.

Os esforzados membros da asociación ecoloxista Vaipolorío, blindados rexamente contra o desalento, amosan agora a súa preocupación polo inexorábel impacto que a construción do tren de alta velocidade provocará no curso alto do Gafos (Figueirido). Cífrase nuns quiñentos metros o segmento de río afectado, cuxo discorrer de seu vai ser, ao parecer, desviado, reconducido, trocado por outros tantos metros de canle artificial. Tal chambonada lémbrame o chope da toupeira que cambiou os ollos polo rabo. Descoñezo se o sapo se meteu a ferroviario ou a ministro de Fomento.

Que son quiñentos metros de río para o país dos dez mil ríos? Apenas nada. Que son quiñentos metros de río para o tren de alta velocidade? Pois, a razón de 300 Km/h, escasamente seis segundos; un pestanexo, un olé, un chisgarabís. Nada.

Conmóvenos a hidrofobia do señor Hyde, mais pouco se pode facer polo enfermo que non abeira esperanzas de curación ou que agocha baixo a lingua as pílulas do desenvolvemento sustentábel.

Canto máis sei verbo da cruzada –contra o mundo– dos de Vaipolorío, máis se me representan como tardas e teimudas vacalouras ás portas da extinción, rechamante anacronía. É o noso deber, cidadáns do terceiro milenio, advertir os heroicos gardarríos das beatíficas alternativas, analxésicas, mesmo psicotrópicas, que ofrece a neotecnoloxía. Antes ou despois, en nome do progreso, alguén albiscará a posibilidade de substituír o maino fluír do río dos Gafos, sempre inoportuno, por unha idílica simulación informática argallada en calquera gabinete de xestión da paisaxe. As asépticas imaxes poderían proxectarse en pantallas xigantes alí onde as esixencias urbanísticas batesen co atranco do río. Non estaría de máis que o Gafos virtual puidese ser descargado tamén nos teléfonos móbiles, por se temos un día parvo e nos acomete a nostalxia. Cantos desgustos aforraremos.

O río dos Gafos é o noso río, menos quiñentos metros máis ou máis quiñentos metros menos.
.
Faro de Vigo, 30-9-2008
.
>>>
Fotografía: Membros da Asociación Ecoloxista Vaipolorio.
.
.

20/9/08

VERBO XIDO. Sete anos facendo país en terra esgrevia

.
.

Na primavera de 2001, do ermo –ou mellor, barbeito– cultural de Terra de Montes, agromou miúda chorima, anque flor vizosa e destemida ao ventimperio. Non foi escolla ao chou a súa denominación, senón, en orixe, toda unha declaración de intencións. O verbo xido, a “lingua fermosa”, o código secreto mariñado polos nosos canteiros de outrora, achegaba o xabre onde volver alicerzar os muros do librepensamento, os tranqueiros da dignidade, as machetas do orgullo e os cargadoiros da connatural creatividade do noso pobo. Soñabamos con ser donos dos nosos soños, donos do noso futuro idealizado.

Nestes sete anos de andaina, as mulleres e os homes de Verbo Xido, socios numerarios, anónimos colaboradores, seareiros e simpatizantes, investiron tempo, tenacidade e esforzo no maxinar dunha alternativa ao desleixo e á resesura populista. Víñase demostrar asemade que o asociacionismo pragmático, do que a Terra de Montes foi alcouve até o advento da negrume franquista, convértese en ocasións no senlleiro contrafío da acción –ou inercia– política.

Malia a campaña de silenciamento maquinada polas autoridades locais, o labor desenvolvido pola Asociación Cultural e Ecoloxista Verbo Xido ao longo deste setenio transcendeu as fronteiras da bisbarra. O tan necesario posicionamento contracultural asumido pola asociación outorgoulle un irrefutábel prestixio, facéndoa acredora, non só de premios e gabanzas, senón tamén do cualificativo de “Concellaría de Cultura virtual”. É amigábel distinción, mais, modestia fóra, lucímola con fachenda no ollal das nosas lapelas.

Verbo Xido, no seu primeiro alento, amosouse radicalmente en contra dos espurios intereses económicos vencellados á explotación das chamadas enerxías renovábeis (hidroeléctricas, eólicas...). A asociación viuse na obriga de erguerse como voceira daquel pobo que na década dos setenta enchía as follas dos xornais denunciando a rapacidade do capitalismo neocolonialista vezado nas ribeiras do Lérez. Non máis encoros! O tempo deunos a razón: Canta aldea abandonada á toa!, canto estrago!... A falla de vontade ou intelixencia política impediron mudar os acontecementos ou tirar xusto proveito da inexorábel desfeita.

As empresas eólicas, que non a enerxía, son un lobo disfrazado de cordeiro, un mal do noso tempo, mais hai quen lle soubo enxergar as orellas á fera. Un bo número de concellos, ao longo e largo do Estado, botan hoxe peito argüíndo electricidade gratuíta, polideportivos, piscinas climatizadas, infraestruturas e outras contrapartidas; froito abofé de arduas mais, dende logo, irrenunciábeis negociacións. Quen defendeu aquí os intereses dos veciños? Por que nos tivemos que contentar con tan pouco?

Recentemente, Verbo Xido vén de escenificar, a carón do celme da consciencia ecoloxista do país, a súa rexa oposición ao modelo ferroviario da alta velocidade. As nosas alegacións ao TAV e ao seu asoballador trazado pola bisbarra foron redactadas e remitidas a instancias gobernativas en representación de quen aínda no lugar abeira no seu interior un gramo de vergonza e sentido común. Desgrazadamente, o tempo volveranos dar a razón.

Á calor de Verbo Xido, a nosa asociación irmá, Espadela, que é exemplo do afouto espírito independente dalgunhas mulleres de Cerdedo, enfornou da nada a exaltación da nosa xenuína larpeirada, a vincha. Hoxe, a festa gastronómica que a enxalza é cita obrigada dos que adoitan cumprirlle antollos ao padal. É ben certo que ninguén é profeta na súa terra cando o propio concello argallou sucedáneos (culinarios e asociativos) no canto de loar a habelencia e o esforzo organizativo destas nosas veciñas, erguéndoas como estandarte de excelencia. Para quen lle sirva de consolo, a desaforada reacción dos rexedores municipais víñanos confirmar que andabamos polo bo camiño.

Verbo Xido alentou en Cerdedo e Terra de Montes as homenaxes a dous dos seus grandes persoeiros: o ilustrado Fr. Martiño Sarmiento, cuxos devanceiros abriron os ollos ao mundo no pazo das Raposeiras de Meilide (freguesía de Cerdedo) e o mestre e poeta Xosé Otero Espasandín, veciño da freguesía de Castro. Amais de apadriñar a edición de dous libros glosando a súa vida e obra –que son espello onde nos reflectimos–, Verbo Xido deseñou un roteiro cultural, o “Roteiro Sarmiento” co que lembrar a estadía e tránsito do frade bieito pola nosa terra. Dende o ano 2002, Ano Sarmiento, polo Nadal, a asociación convoca en Cerdedo, e de balde, a quen entende oportuno combinar a cultura coa actividade física. Ten chegado a nós a nova de que unha empresa de dondo nome e ambiguas intencións está a facer negocio co que vén sendo propiedade intelectual de Verbo Xido. Só nos libros editados pola asociación rezan as razóns polas que obrigamos a Sarmiento e os nosos visitantes a baixar pola Torrente até Santo Antonio. Reservados están os dereitos de copia, polo que, apelando á decencia, animámolos, poucas as grazas, a citar as fontes onde foron beber.

A prolífica aventura editorial da asociación concrétase na publicación de oito libros, unha guía didáctica e o noso boletín periódico, o Verbo Xido, que, contra vento e marea, atinxiu felizmente o número 20. O teimudo obxectivo do material publicado non é outro que a descuberta e posta en valor do noso patrimonio histórico, etnográfico e natural. A salvagarda do CETMO (Centro Etnográfico de Terra de Montes), a denuncia do espolio cometido no monte do Seixo e a recuperación da memoria histórica vertebran hoxe a nosa angueira cotiá.

O grao de compromiso da asociación coa verdade, a xustiza e a liberdade fíxose patente nas causas abertas contra o historiador Dionísio Pereira e o arqueólogo Alfredo González Ruibal, membros de Verbo Xido. Bos e xenerosos, Dionísio e Alfredo, pese a quen lle pese, contribúen e contribuirán co seu traballo calado e minucioso ao esclarecemento do acontecido nas funestas datas sobrevindas tras o golpe de Estado fascista de xullo do 36.

Alén das mostras de adhesión remitidas por numerosos colectivos e institucións, a Xustiza vén de pronunciarse, así mesmo, a prol dos intereses dos enxuizados e da asociación, desestimando as falsas acusacións imputadas ao noso compañeiro Dionísio Pereira, poñendo por fin a cadaquén no seu sitio. Agardamos a mesma sorte para Alfredo González Ruibal, desexando, así mesmo, que senllas sentenzas absolutorias vallan para facer desaparecer de Terra de Montes a pegada ominosa do franquismo e acalen na bisbarra o arrepiante ouvear filofascista.

As cotas anuais dos nosos socios e as anónimas doazóns fan posíbel o esforzo editorial, o mantemento do monumento aos mártires republicanos asasinados na ponte do Barco (Pedre), violentado xa en tres ocasións, e a organización, no mes de agosto, da xornada cultural Terra de Tod@s, que vai pola súa quinta edición. As charlas verbo da singularidade do Seixo e as excursións guiadas, “Roteiro da Montaña Máxica”, descubríronlles a centos de persoas a singularidade paisaxística, arqueolóxica e mítica do noso monte. As visitas guiadas ao CETMO puxeron en coñecemento do gran público a magnífica colección etnográfica que abeira a casa-museo de Soutelo, ignorada a mantenta polas autoridades, e da que a asociación Verbo Xido é única valedora.

Pódese ou non concordar cos nosos feitos ou pareceres, mais, en ausencia de avoas, coñézolles poucas “concellarías” tan eficaces e rendíbeis. O pecado meirande de Verbo Xido é pregoar aos catro ventos a existencia dunha outra Terra de Montes, viva e dinámica, allea á mesquindade e aos intereses particulares. Abofé que mentres haxa saúde e unha migalla de amor propio, non se han escatimar folgos que aviven a nosa cruzada. Grazas polas mostras de apoio recibidas. Mágoa que moitas queiran seguir resgardando a súa identidade polo que poida pasar. Verbo Xido, muria xidavante.
.
Verbo Xido, nº 20, setembro de 2008
.
>>>
Ilustración: Logo da Asociación Cultural e Ecoloxista Verbo Xido de Terra de Montes.
Fotografía: Membros de Verbo Xido participando nunha manifestación contra ENCE polas rúas de Pontevedra.
.
.