.
.
.
.
.
.
2/11/15
1/11/15
22/10/15
21/10/15
14/9/15
NA XXXVIII ROMAXE DE IRIMIA (PENAS DE RODAS-OUTEIRO DE REI) - Reportaxe: XOÁN SOTO
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
Máis fotos en Facebook/Capitán Gosende:
..
.
13/9/15
OS DRAGÓNS DA TERRA DO MEDIO - Faro de Vigo (13-9-2015)
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
Os dragóns de Cerdedo (ilustración de Nan Vaz).
..
.
Moito
antes de que os nenos de cidade descubrisen a existencia dos dragóns nos libros
de Tolkien (1892-1973), os nenos de Cerdedo xa sabían que, nunha agochada
peneda do monte do Sangal, nomeada O Embigo do Becho, vivía prisioneiro un
fabuloso dragón –o Becho– que, até a súa reclusión, sementara o pavor pola
comarca.
A bisbarra de Montes coñecíase no
antigo co nome latino de montes Metae
(“os montes da Meta”), sendo “Meta” a denominación dunha montaña cónica e
preeminente que, canda o río Lérez, establecía a fronteira entre a Galiza
(Keltia) do norte e do sur.
A Meta, a dita montaña rechamante, identifícase
co monte do Seixo, contraforte setentrional da serra do Cando que, en lingua
celta (*cand-/*cant-), redunda na súa
orografía sobranceira. Na penechaira, os seis metros de altura da pedrafita do
Marco do Vento, ergueita na encrucillada da Feira Vella (oenach), sinalou o límite das xurisdicións célticas da Artabria e
da Grovia e, após, deslindou os conventus
romanos de Lucus e Bracara. Salientando a súa consideración de limes, contan que, no Marco do Seixo,
todos os ventos dan a volta. Nas feraces valiñas da Meta, a Terra do Medio,
esparexíanse os castros das tribos metacias, os celtas da marca.
O Becho do monte de Cerdedo é un
dragón e, como todos os dragóns, unha criatura arrepiante. Non debemos
confundir o Becho coa Bichoca ou co Cancodrilo (deles xa nos ocupamos noutrora
nesta mesma cabeceira). A confusión é doada, pois, todos tres son seres
estarrecedores, voraces e desapiadados que, procurando non cruzarse no camiño,
cohabitan (ou cohabitaban) na conca do Lérez.
O dragón do Sangal bota a durmir boa
parte do ano, aletargando a súa escamenta anatomía no máis fondo dunha lóbrega
toqueira. Eis o Embigo do Becho. Mentres o sol de forza espreguiza e non os
seus membros, na durmideira, o comellón maxina gorentosos rabaños, carne fresca
coa que aledar o bandullo. Acirrado pola canícula, o monstro acorda do seu
sopor e teima en estricar a cabeza fóra do tobo.
Antano, non se aviña a couto ningún
e, abandonando o buraco, despregaba a súas enormes ás morcegueiras e chimpábase
lomba abaixo para remontar o voo e sucar o ceo de Cerdedo coma grácil
tartaraña. A envergadura do dragón do Sangal facía vir as sombras á terra.
Mesmo así, para que nos entendamos, un espécime é o Becho e outro moi distinto,
o paxaro Aighoto, colosal rapina que escolle o poio da Penadaigha, pedrestal do
monte do Seixo, para esculcar e lanzarse ao baleiro.
Con chío estridente, reclamaba o dragón o seu
tributo cadaneiro: unha moza casadeira, un xato de rubia galega, uns roxelos de
leite (outros tesmuños elevan o imposto a trinta animais con cornos ou a trinta
cornos canda os seus respectivos animais).
De non lle cumprir o antollo, o
dragón trousaba unha escaldante labarada que chamizaba a eito quinteiros,
colleitas e arboredos.
Contan que san Xoán, baril cabaleiro
chegado de afastadas terras, ofreceuse para redimir o pobo de Cerdedo da súa
maldición.
San Xoán fíxolle a espera ao saurio
terríbel, atraéndoo co engado dun año acabado de nacer. O Bautista, pé en terra, enfrontouse á besta voadora nun combate
que tivo por escenario as leiras que despois nomearon San Xoán, varcias lerezás
sitas na entrada de Cerdedo segundo se vai de Pontevedra.
O santo, homiño pequecho malia que
destemido, contivo a serpe alífera valéndose dun fachón, mentres no colo
gardaba das enlaricadas fauces a coitada ovelliña, tal e como o canteiro Xosé
Neto o representou entre as dúas torres da igrexa parroquial.
A por de pasar o fachizo unha e
outra vez polos fociños do malvado, foino arrecunchando en recuada até a
boqueira do seu cubil que atoou con grandes pedras. Avíndose á etimoloxía do
seu nome, o paladín non lle deu morte ao Becho, antes ben, deixoulle unha
reganduxa para que puidese respirar.
O pobo fixo punto da estratexia e, ano a ano,
cadrando coa efeméride do San Xoán, os aldeáns prenden innúmeras fogueiras para
conmemorar a fazaña do seu valedor e, asemade, para lembrarlle á fera
encarcerada que non perde ren ficando onde está.
A peneda do Embigo do Becho
localízase na face norte do monte de Cerdedo, polo camiño da Cubeliña adiante;
verea nemorosa de seu que o Concello, tras chantarlle dous bancos e un caldeiro
do lixo, recualificou como “paseo biosaludable” e que o tren de Madrid (un
dragón dos tempos modernos) a fará desaparecer ao seu paso. Maldita
ignorancia.
En setembro de 1985, TVE pretendeu atraer a
atención dun rapaciño de Pontevedra que pasaba os veráns en Cerdedo (coa orella
posta), estreando unha serie de debuxos animados en cuxa cabeceira soaba:
“Dragones y mazmorras, un mundo infernal, se oculta entre las sombras la fuerza
del mal...”. Érache voa!!
O dragón, inquilino forzoso da canfurna do
Embigo do Becho, non gozaba en exclusiva do espazo aéreo de Cerdedo, pois, tamén
é sabido que no lugar de Arén, no alborecer do monoteísmo, o arcanxo san
Miguel, por mandado de Deus, pechou outro dragón no alxube da capeliña do
castro.
O arcanxo, acoirazado guerreiro
dotado de apéndices alares, bateuse nas alturas coa coca septicéfala cospelume,
e a batalla debera figurar nos anais da aviación de combate.
Anxo e dragón, enleados na contenda,
trucáronse até a extenuación, trazando no ar mil e un bucles e cabriolas: o
infante celeste, procurando esquivar o alento pelante do dragón; o soldado do
averno, caneando a fendedora espada de luz do seu opoñente.
A sorte da batalla decantouse do
lado do san Miguel, mais, coma no caso anterior, foi lide sen morte. O dragón
de Arén, indultado, acabou preso no rocho da capela, ao coidado de sete
cadeados (un para cadansúa cabeza). Encol dunha peaña da parede sur do templo
de Arén consérvase, tallado en pedra, un fotograma daquel episodio bélico: o
Arcanxo, apolíneo, impásibel, lanceiro e fiel contraste, tripa e atravesa a diabólica
criatura coa man esquerda, ao tempo que, coa dereita, pesa un lote de almiñas.
O san Miguel, así que lle deu a
derradeira volta á derradeira chave (sete cadeados de sete voltas), pronunciou
ofegante aquilo de “Quis ut Deus?” que, en román paladino, vén significar “Quen
coma Deus?”, e no vervo xido, traduciríase por “Quenvius comius Queico?”. O dragón,
repregándose, seica refungou: “O mundo volverá saber de min”.
O invicto xeneral dos exércitos
anxelicais, receando das artes do demo, ocultou as chaves en sete postorios
diferentes, esparexéndoas pola contorna. E aínda que a operación foi
considerada alto segredo, o paradoiro das chaves, non sabemos como nin por quen,
foi revelado. “Tres poderían gardar un segredo se dous deles morresen” (B.
Franklin).
Segundo M. Azaña, “en España o mellor xeito de
gardar un segredo é escribir un libro” e, xa que logo, preservando o arcano do
gran público, deste xeito precisei a xogada no Almanaque de encantos (2005):
No pío
da fonte do
San Miguel, o
Arcanxo guindou a primeira das sete chaves que fecha o alxube no que recluíu o
dragón das sete cabezas. A segunda chave gardouna baixo unha tella do muíño do
Bico. A terceira, so un dos peares do pasadoiro do Souto, no río do Castro,
aquel sinalado coa marca J F “Xuízo
Final”. A cuarta chave chimpouna ao pozo
da Torre, no mesmo río. A quinta colgouna da carranca do Turco da Pilara, can
fero escorrentador de franceses, e a sexta chave pousouna tras a pedra armeira
dos arencos (escudo da casa de Elsita). Da sétima, deixou dito que se as forzas
do mal a arelaban, terían de saber ler nas inscricións dos muros da capeliña
que abeira a súa imaxe, na aldea de Arén: calvario e minguante.
Así como o dragón do Embigo do Becho
segue amodorrado no Sangal, desconfíase que o dragón de Arén liscou para alén
do Seixo, achando acubillo na provincia de Ourense onde teñen aumentado exponencialmente
as prácticas piromaníacas.
Son acérrimo defensor dos viventes
cos que compartimos o orbe, non tolero can pola cadea, e non nego tampouco o
meu natural falcatrueiro, porén, prométolles que eu non ceibei o dragón de
Arén. Eu non fun.
Honrando estes contiños de dragóns
que arrequeceron o leite co que me fun criando, bauticei o meu blog co nome de
O Embigo do Becho. Revélolles con gusto estoutro segredo porque, sete anos
despois, a miña bitácora persoal na que publico cousiñas de Cerdedo acadou xa
as 100.000 visitas. Moitas grazas pola súa curiosidade.
.
.
.
11/9/15
CAPITÁN GOSENDE DESCOBRE UN PETRÓGLIFO EN VILARCHÁN (QUIREZA)
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
O
domingo 30 de agosto o colectivo Capitán Gosende deu cun novo petróglifo a
medio camiño entre as aldeas de Vilarchán e Fondós (parroquia de Quireza), no
lugar coñecido por As Mámoas.
O gravado rupestre (coordenadas: X: 545.717; Y:
4.711.502) localízase a uns 50 m da estrada PO-7102, dirección Vilarchán,
agochado no seo dun eucaliptar que, canda a matogueira, cobre un outeiriño que
acada os 381 m de altitude. Para a súa descuberta, contamos coa axuda de Carlos
Valiñas, ilustre veciño de Vilarchán, que nos guiou até o cotarelo na procura
de vestixios megalíticos.
O “petróglifo de Vilarchán” ou “petróglifo das
Mámoas” (sobre filloas, mel) áchase a uns 600 m ao sueste do depósito
arqueolóxico do Castriño, en cuxas proximidades se atopou un muíño barquiforme
(léase Faro de Vigo, 22-4-2012); a
uns 900 m ao sueste do gravado rupestre de Fondós (descuberto por Capitán
Gosende hai unhas semanas (léase Faro de
Vigo, 11-8-2015); a 1 km ao nordés do xacigo tumulario de Mamoalba, e a
perto de 2 km ao noroeste da cimeira de Castrodiz (631 m). Ben seguro, dada a
súa orientación, o artista prehistórico tallou a inscultura fitando o pico de
Castrodiz, o horizonte montañoso no que raia o amencer.
A zona denominada As Mámoas é unha pequena
prominencia rochosa cuberta na súa meirande parte pola vexetación: arboredo e
monte baixo. Descoñecemos o paradoiro das medoñas, mais, na lomba de levante,
faise visíbel unha lousada duns 40 m2 de superficie (pedra de gran
groso) que, malia os efectos da erosión e do labor extractivo, aínda conserva
unha mostra da simboloxía ritual dos “cerdedenses” de hai 4.000 anos.
O conxunto componse dunhas 13 coviñas de
tamaños diversos. Contemplando o panel na dirección leste-oeste, apreciamos, no
recanto superior dereito, dous círculos concéntricos con foquiña central e
apéndice. No recanto inferior dereito, observamos outra coviña con apéndice,
contida nun círculo.
Desculpen o meu arrouto de inmodestia, mais,
cómpre facer balance. Na compaña do colectivo Capitán Gosende, quen escribe expresa
o seu orgullo e contentura por descubrir, en Cerdedo, 15 gravados rupestres: o
petróglifo da Cerqueira (Biduído-Cerdedo), os petróglifos do Monte de Baixo IV
e V (Limeres-Cerdedo), o petróglifo da Laxa das Filloeiras (Pedre), o
petróglifo da Laxa do Sangal (Cerdedo), o gravado (histórico) do muíño de
Herdeiros de Baixo (Abelaíndo-Cerdedo), o petróglifo do Outeiro da Bichoca
(Chamadoira-Cerdedo), o petróglifo do Outeiro de Riba (Buduído-Cerdedo), o
petróglifo de Carballás (Cerdedo), o petróglifo do monte de Laxoso (Quireza),
os petróglifos do Outeiro da Corva I e II (Pedre), o petróglifo da Porteliña
(Tomonde), o petróglifo da Lomba de Castrodiz (Deán-Figueiroa) e, agardamos que
non sexa o último, o petróglifo de Vilarchán (Quireza).
Polo que respecta ao concello da Estrada, sumen
os petróglifos do Outeiro da Pena I, II e V (Sabucedo), que fan un total de 18 na
miña conta persoal.
Pola súa banda, o colega Anjo Torres anotou no
seu haber o petróglifo de Fondós (Quireza) e o petróglifo do Outeiro da Pena IV
(Sabucedo) que elevan a 20 os gravados rupestres descubertos por Capitán
Gosende naquel territorio. Como di o compañeiro Xoán Soto: “E coa cana
pescando”.
Faro de Vigo-Terra de
Montes (9-9-2015).
.
.
.
10/9/15
5/9/15
3/9/15
31/8/15
27/8/15
"OS DOCE TRABALLOS DE CAPITÁN GOSENDE" - Faro de Vigo (26-8-2015)
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
A Pedra do Talle, A Cabeza do Mouro, A Cadeira do Rei e o petróglifo do Outeiro do Mestre.
. .
.
Difundida
a través da libérrima internet, o colectivo Capitán Gosende enxeñou este verán a
campaña “Cerdedo. Descúbreo por ti mesmo”. O lema, concibido para revitalizar o
turismo cultural en Cerdedo, insiste na necesidade de ofrecer unha imaxe
dinámica e positiva do noso concello. A maiores, co gallo da campaña, a
asociación, sen esquecer os seus roteiros xa consolidados (Padre Sarmento, Montaña
Máxica, Pedre milenario, A Pantalla...), presentálles arestora unha nova actividade
de lecer: “Os doce traballos de Capitán Gosende”.
O enredo está pensado para persoas dotadas
de espírito aventureiro, capacidade de superación e ansia de coñecemento. Inspirados
nos doce traballos de Hércules, heroe da mitoloxía clásica, ou nas doce probas
de Astérix, heroe do cómic contemporáneo, os de Capitán Gosende formulámoslles unha
ducia de encomendas que se realizarán empregando a xeografía de Cerdedo e do
monte do Seixo como taboleiro de xogo.
A “penitencia” non contempla matar e esfolar
leóns, capturar cervos ou xabarís, nin roubar gando nin froita (aínda que a
froita roubada é a que mellor sabe). A única pretensión é que, en calquera
estación do ano, os nosos visitantes gocen dunha estadía enriquecedora en contacto
coa natureza.
Queremos compartir con vostedes a nosa
angueira, a nosa paisaxe e o noso tesouro patrimonial, sabendo que, cando o
descubran, hanse converter en activos defensores da súa singularidade. Boa
falta nos fai. Non somos unha axencia de turismo, porén, animámolos, xa de
paso, a facer gasto nos establecementos hostaleiros da zona. En resumo, Capitán
Gosende, en ausencia doutras iniciativas, postula Cerdedo como alternativa de
ocio.
Recomendámoslles aos intrépidos que non
emprendan esta apaixonante experiencia sometidos á ditadura do cronómetro. O
concurso semella unha xincana, mais, non é unha contrarreloxo. Tómeno, xa que
logo, con calma.
O reto consiste en atopar doce fitos
patrimoniais e fotografarse ao seu carón para verificar a exitosa descuberta.
Daquela, se a aventura se vive en solitario, non lles viría mal proverse dun
“pau selfie” ou calquera dos sucedáneos artesanais. Se a aventura se desenvolve
en grupo, algún dos participantes (ou o grupo) debe figurar en cada unha das doce
fotos.
Superados os doce encargos, contacten co
colectivo Capitán Gosende a través do seu perfil público en Facebook. Feita a
comprobación, amais de recibir os nosos parabéns, farémoslles entrega do
correspondente diploma acreditativo, “O salvoconduto do capitán Gosende”, carta
probatoria do ousado periplo, credencial do venturoso camiñante por Cerdedo.
Completar con éxito os doce traballos non se
premia con bens materiais, xa que, como di un vello proverbio chinés, a viaxe
(a sabedoría) é a verdadeira recompensa.
Co aquel de facilitarlles un chisco a tarefa, anotámoslles
as coordenadas aproximadas (visor SixPac) dalgunha das estacións máis
arrecunchadas. O emprego de mapas ou do GPS é opcional, pois, preguntando
chégase lonxe. Organicen as expedicións baixo a súa responsabilidade e con
total liberdade.
No monte do Seixo, os participantes deben
localizar e fotografarse xunta os seguintes obxectivos: O Outeiro do Coto,
Portalén, A Cadeira do Rei e A Pedra do Talle.
Situado a 1.014 m de altitude, O Outeiro
do Coto é o cume do monte do Seixo e unha das cotas máis elevadas da
provincia de Pontevedra. A cimeira sitúase a uns 30 km en liña recta do litoral,
polo que, con día claro, ollar o horizonte marítimo acada a condición de
privilexio. Se a atmosfera o permitir, cara ao
noroeste, a uns 45 km rectos, pódense albiscar as torres da catedral de Santiago.
Encadren na fotografía, por exemplo, a antiga caseta da Forestal. No penedo que
lle serve de alicerce, a rente do miradoiro, labrouse un petróglifo (4.000 anos
de antigüidade), composto por un arco de tres coviñas disimilares.
A rechamante peneda coñecida por Portalén (coordenadas.- X: 550. 702; Y:
4.702.497) é, consonte a tradición, a soleira do Outro Mundo (Monte do Seixo. O santuario perdido dos
celtas, 2008). Durante o mes de Santos, o magosto celta, o van de Portalén
“actívase” e serve de pasadeiro ao Máis Alá (accédese na dirección
nordés-sudoeste). Segundo a lenda, nada do visto ou do oído no alenmundo debe
ser revelado, a risco de perder a voz.
A 90 m cara o sudoeste, verán a pedrafita do
Marco do Vento, un monumento megalítico de 6 m de altura.
O sentadoiro pétreo nomeado Cadeira do Rei áchase no Coto da Santa
Mariña (994 m, vértice xeodésico), nas inmediacións doutra antiga caseta da
Forestal. O trono (coordenadas:.- X: 549.964; Y: 4.701.389) é un miradoiro avantaxado
das tres rías: Arousa, Pontevedra e Vigo. Coróense reis por un día. Na
fondeira, cara ao norte (a uns 650 m de distancia), dexérgase a ermida da Santa
Mariña.
A
Pedra do Talle (coordenadas.- X: 550.552; Y: 4.704.417) é un saínte
rochoso que se acha na lomba de poñente do Castro Grande (919 m). Conforme a
lenda, a Moura de loiros cabelos que habita a cova do Castro emprega a Pedra do
Talle para tomarlles a medida aos seus pretendentes. O bico da pedra afástase
do chan 1’85 m. Fotografarse baixo o beirado é inescusábel.
Cos catro albos do Seixo no fardel, afronten a
quenda de traballos sinalados para o concello de Cerdedo. O municipio divídese
en oito parroquias. Prescríbese un fito por cada parroquia.
Na parroquia de Cerdedo, escollan a mellor
perspectiva para retratarse na ponte de
Arén, sobre o río do Castro. Construída durante a República polo músico e
canteiro Xosé Benito García, pon en comunicación as aldeas de Arén e Cernados.
Nunha das pedras do peitoril lese: “La Corporación - 1934”. No lugar de Arén, paga
a pena visitar a capela do San Miguel (século XVII), edificada sobre un castro.
Na parroquia de Pedre, fotografaranse a carón
dun dos cruceiros que coroan o cotarelo do
San Lourenzo (O Serrapio). A capela, baixo o padroado do mártir romano,
data do século XVIII. Á beira da desembocadura do río de Quireza no Lérez,
érguese o Coto das Insuas, lombo no que se descubriu a pedra antropomorfa
denominada O Xacente. Río abaixo, a escasa distancia, érguese a ponte medieval
da Pontapedre. Congostra arriba, na aldea de Pedre, poden admirar o conxunto de
hórreos da Eira Grande e a igrexa parroquial do Santo Estevo (séc. XVII).
Na parroquia de Figueiroa, acadarán o cimo do Outeiro do Mestre (coordenadas.- X:
547.989; Y: 4.710.531; alt. 605 m). Na parte superior do penedo, amais da
panorámica, poden contemplar un fotoxénico gravado rupestre (4.000 anos de antigüidade).
O petróglifo componse dun conxunto de círculos concéntricos. Os elementos
meirandes aparecen fusionados (tipo “castañola”). Por mor da matogueira, esta
excursión reviste certa dificultade.
Dende o Outeiro do Mestre, a 600 m cara ao
noroeste, áchase o coto de Castrodiz (631 m), sito na parroquia de Castro.
Pasado o foxo castrexo que o arrodea, perto da cima, débese identificar unha
rocha que, pola súa morfoloxía, recibe o nome de A Cabeza do Mouro (coordenadas.- X: 547.628; Y: 4.711.027). Disque,
a pedra figurativa é a entrada secreta ás minas de ouro da mourindade. Por mor
da matogueira, esta excursión tampouco a podemos cualificar de doada.
Na parroquia de Folgoso, visitarase o
camposanto da Santa María (igrexa do século XVII). Retrataranse na compaña dun esqueleto, alegoría da morte, que
adobía un suntuoso panteón do escoupro do canteiro Manuel Barros. A unha
carreira de can, á beira da estrada que vai cara a Parada, sitúase a ermida do
Pego mais o cruceiro anexo, esculpido polo canteiro Ignacio Cerviño.
O labor asignado para a parroquia de Parada é a
localización da ponte medieval sobre
o Lérez, rota de arrieiros e camiño de peregrinación a Compostela. Nas
inmediacións, atópanse o castro da Mouteira e o castro das Cercas. De camiño, acharán
a igrexa parroquial (San Pedro) do século XVIII.
No cemiterio da parroquial de Quireza, pousarán
unha flor na sepultura do defunto
anónimo. Na lápida riscouse o signo da interrogación ( ? ). O templo (San
Tomé) data do século XVI. Integrando un viacrucis, cómpre salientar o chamado
cruceiro das Procesións (fuste helicoidal), da autoría do canteiro Xosé
Ferreiro.
Finalmente, se aínda gardan folgos, ascenderán
ao monte da parroquia de Tomonde na procura dos Santos da Porteliña (coordenadas.- X: 549.943; Y: 4.714.263). Ambas
as dúas figuras de cachote (o macho e a femia) empregáronse no antigo para
esconxurar o trebón. Coa súa construción ou derruba, conseguíase mudar a meteoroloxía
en beneficio das colleitas. Cara a poñente, albíscase o templo parroquial (Santa
Mariña) que data do medievo (séc. XII).
Velaquí os doce traballos de Capitán Gosende. Ben
seguro, xa están desexando botarse ao camiño. Ánimo e benvidos a Cerdedo!!
..
.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)