.
. .
.
.
.. .
A pouco máis de 30 quilómetros da vila de Pontevedra, érguese a maxestosa feitura do monte do Seixo. Os concellos de Cerdedo, Forcarei, Cotobade, A Lama e Beariz levaron até o alto as marcas das súas estremas. O Outeiro do Coto, cumio da serra do Cando, cos seus 1.015 m de altitude, convértese en privilexiado miradoiro do país.
É mester que o camiñante abandone a aldea de Carballás e prosiga a ascensión deica a Chan de Mamas, cemiterio da humanidade neolítica. Este xacemento arqueolóxico de antigüidade superior aos 5.000 anos foi profanado impunemente polas obras de construción dun parque eólico. A simonía materializouse coa anuencia dos poderes públicos para vergonza e escarnio dos galegos. Na mámoa Ghrande, segundo a tradición, achou acougo perdurábel o Tecelán de Carballás, personaxe do universo máxico cerdedense. O Tecelán, vello visionario, seica prognosticara a vinda inexorábel da fin do mundo. Un dos sinais anunciadores sería a conversión do monte Seixo nun encrucillado de estradas.
As mámoas de Xestido e o illó do regueiro do Areal están perfectamente aliñados. Abofé que os "arghinas" artífices dos megalitos non eran insensíbeis aos vórtices enerxéticos xerados polo discorrer da auga subterránea. Até non hai moito, as fontes do río do Seixo formaban no cimo do monte tres lagoas, as lagoas de Xestido. Nas ditas pozas o deus cristián asolagou a cidade mítica de Trentinán, vencellada coa malfadada santa Mariña, primeira mártir galega, cristianización dunha primitiva deiade das augas. Trentinán pódese derivar de Trento (lat. Tridentum), cecais por mor dos tres outeiros capitáns: o Outeiro do Coto, a Cruz do Seixo e o Outeiro do Castro, ou por mor das tres lagoas. A mediados do século pasado, todas tres lagas foron aterradas co aquel de transformar o ermo nun pasteiro.
Proseguindo a marcha cara ao sur, o viaxeiro atopa ao pé do camiño, á esquerda, un penedo nomeado Almadraque de Pirocha. Encol da pena, adoita aparecer espida a lamia Pirocha que se vale da súa beleza para atraer cabo dela a humana xente. Arremedando a parada nupcial das barbantesas, o incauto amador entrega a súa vida en troco dunha efémera unión sexual. Durante a cópula, a moura separa o corpo e a alma das súas vítimas, devora con ansiedade a carne e cativa no interior da rocha o espírito co que amolenta o seu cabezal. (O nome Pirocha deriva con certeza da voz latina petram "pedra". Pirocha é donicela "damiña" en éuscaro).
Dende o Almadraque, cara ao poñente, sobrancea no horizonte o penedo coñecido por Laxa Mosqueira. O gando, que ceibo pace no Seixo dende o comezo dos tempos, ten por costume ir correr a mosca á súa proximidade. Hai quen di, entre eles Sarmento, que vacas e bestas tamén acoden ao cotarelo para empreñar do vento mareiro.
Retomando o camiñar, achegarémonos ao alto que chaman Cruz do Seixo, ara solis. Dende tempos inmemoriais, no alborexar do 24 de xullo, os veciños de Detrás do Monte celebran no cimo da lomba misas solsticiais nas que se fai beizón das terras, relembrando unha máis antiga ritualidade relacionada co culto á divindade solar, propiciadora da vida no planeta.
Cara ao sudoeste, na diagonal da Cruz do Seixo, ármase o outeiro coñecido por Porta do Alén. Segundo testemuños de creto, no oráculo de Portalén, polo mes de santos, os aldeáns facían achega de pan, viño ou candeas acesas, como tributo aos consellos dos mortos que alí ían demandar. Todo aquel que a ultrapase -sempre de norte a sur-, está obrigado a atravesar a súa soleira en sentido inverso se non quere correr o risco de ficar no Outro Mundo para sempre.
Achegado á Porta do Alén, reina o impoñente Marco do Vento, antigo deslinde dos territorios da bisbarra, pedrafita que os ventos observan como referente para dar a volta.
A unha carreira de can do Marco do Vento, sempre cara ao sudoeste, acha o camiñante a chaela da Santa Mariña, camposa onde se erixiu a capela na honra da santa galega e onde hai anos, o 18 de xullo, se celebraba a chamada "feira da nabiña", o mercado das sementes. Preto da ermida, achouse no ano 2000, nunha entulleira froito dos desmontes provocados pola instalación do enxeño eólico, un fragmento de altar votivo -a Pedra da Serpe- que ben puidera ser testemuño do inveterado culto á serpe, animal totémico da prehistoria galega, ou a Hermes, lar vial, e que tiña o prodixioso lugar como escenario.
Debe o peregrino arestora desandar camiño, pois a seguinte estación mítica do “Roteiro da Montaña Máxica” é o Outeiro do Castro ou Castro Ghrande. Un pasadeiro soterrado pon en comunicación o rueiro asolagado de Trentinán, o Castro Ghrande e o pozo Sangoento, piago do río do Seixo. Ao abeiro da oca peneda, na cova do Castro, gárdanse unha moura de singular fermosura, un rato rebuldeiro e unha galiña choca. A dama encantada custodia migalleira as súas alfaias, mais calquera pode con ela casar e gozar da riqueza se dá a medida na Pedra do Talle. No interior da espenuca tamén se agocha o rato Rabisaco. Nas noites de lúa, o lirio rabilongo chimpa fóra da tobo e relouca polo rotadoiro da pedreira. Ver o rato Rabisaco é sinal de boa sorte. Finalmente, na amañecida de San Xoán, o 24 de xuño, unha galiña cos seus pitos de ouro abandonan o poleiro do Castro e tras peteiraren aquí e acolá tornan aos eidos subterráneos até o ano seguinte. O circo máxico péchao a cimeira do Outeiro do Coto, teito do monte do Seixo que segundo a tradición é corcova ou bandullo dun xigante durmido.
ROTEIRO DA MONTAÑA MÁXICA
Distancia: 14 Km aprox.
Dificultade: baixa.
(Texto do tríptico Roteiro da Montaña Máxica, deseñado por Calros Solla e Davide Solla)

11-12-2005
>>>
Ilustracións 1, 2 e 3: Cartaces de diversas edicións do "Roteiro da Montaña Máxica".
.