31/12/09

DOMA E CASTRAZÓN (enésima parte)

.
.
.
.

A TRAMPA DA EQUIDISTANCIA E O PLURILINGÜISMO (editorial do "Xornal de Galicia")

.
.
.
.
Léase:
.
http://www.xornal.com/opinions/2009/12/31/Opinion/trampa-da-equidistancia-plurilinguismo/2009123100195600320.html
.
.

CASTELAO: "Alba de Groria"

.
.
.
.
[...]
Cando a Santa Compaña de inmortaes galegos, que acaba de pasar por diante da nosa imaxinación, se perde espesura d-unha foresta lonxana, con esa mesma imaxinación veremos xurdir do Humos da terra-nai, da terra, da nosa terra, saturada de cinzas humáns, unha infinida moitedume de luciñas e vagalumes, que son os seres innominados que ninguén recorda xa, e que todos xuntos forman o substractum insobornabel da patria galega. Esas ánimas sen nome son as que crearon o idioma que en que eu vos estou falando, a nosa cultura, as nosas artes, os nosos usos e costumes, i en fín, o feito diferencial de Galiza. Elas son as que, en longas centurias de traballo, humanizaron o noso territorio patrio, infundíndolle a todal-as cousas que na paisaxe se amostran o seu propio esprito, co que pode dialogar o noso corazón antigo e panteita. Elas son as que gardan e custodian, no seo da terra-nai, os legados múltiples da nosa tradición, os xerms incorruptibeis, da nosa futura hestoria, as fontes enxebres e purísimas do noso xenio racial. Esa moitedume de luciñas representa o pobo, que nunca nos traicionou, a enerxía coleitiva, que nunca perece, i en fín, a espranza celta, que nunca se cansa. Esa infínda moitedume de luciñas e vagalumes representa o que nós fomos, o que nós somos e o que nós seremos sempre, sempre, sempre.

.
Bos Aires, 25 de xullo de 1948
.
.

29/12/09

MITOLOXÍA DO RÍO DOS GAFOS (Pontevedra): O demo asubiador

.
.
.
.

Verdade ou lenda, alí onde nomean río da Estación, acostuma escaravellar un trasno rebuldeiro, o demo asubiador. O tal perello ten por ocupación escoller no ANINOVO o parvo da aldea, un parvo por ano. O demo inviste o seu lecer, que é moito, asubiando no ouvido do escolleito. A vítima pasa o ano escoitando campás e sen saber onde. Cumprido o prazo, o mítico pillabán afánase na elección doutro coitado, e, segundo din, isto leva acontecendo dende que as orellas penduran da cachola.


Andar primeiro de río. Inmateriais do río dos Gafos, 2009.

.


25/12/09

DOS CELTAS ANTIGOS...

.
.
.
.

“Castrodiz, rexo castro de celtas en terras de Cerdedo”, escribiría o egrexio Xosé Otero Espasandín, implorándolle á mítica citania, dende o desterro de alenmar, “metro e medio de chan” onde facer a cova. Desexo incumprido, meu home, nin tan sequera o teu nome nunha rúa, co que ir saldando débedas. O espírito da galeguidade resistente encárnase na figura do noso mestre poeta e finca os seus alicerces na prehistoria castrexa.

.

O concello de Cerdedo abrangue oito parroquias: Castro, Cerdedo, Figueiroa, Folgoso, Parada, Pedre, Quireza e Tomonde. A cada unha delas, agás Folgoso e Pedre, vencéllase, cando menos, un antigo poboado castrexo: a cividade de Castrodiz (Castro-Figueiroa), o castro de Arén (Cerdedo), o castro de Vilar (Figueiroa), o castro do Pego e o castro das Cercas (Parada), Os Castros –aínda hai pouco, na prensa–, O Castriño e Os Castrelos (Quireza), e os castros de San Cibrán e Coto do Castro (Tomonde). Aos enumerados deberíanselles engadir o Castro Grande no monte do Seixo (Cerdedo-Forcarei) e o Castro Segón en Chamadoira (Cerdedo). Os vestixios do castro de Arén, do castro de Vilar, da Roda do Castro/castro de Abaixo e do castro de San Cibrán localízanse a carón das aldeas: Arén, Vilar, Os Castros e A Vilalén, respectivamente.

.

Como ben se pode deducir, as actuais parroquias ou freguesías galegas, unidades básicas da división territorial do país, dispóronse arredor dos asentamentos da Idade do Ferro. Non é raro que igrexas e capelas se ergan ao pé ou mesmo na croa dos xacementos castrexos: Arén, O Pego, A Vilalén…

.

Segundo ben demostrou o historiador A. Pena Graña, as tribos celtas poboadoras dos castros organizábanse en entidades superiores denominadas “trebas” (territorios políticos). As “trebas” transcenderán na “Divisio Theodomiri” –ou “Parrochiale suevum”–, ao seren oficializadas no Concilio de Lugo do ano 569, durante o Reino Suevo da Galiza, a primeira monarquía europea. As “trebas” celtas son a orixe das dioceses suevas, a raíz dos arciprestados medievais e das nosas bisbarras históricas, entre elas, a Terra de Montes que abrangue os concellos de Cerdedo e Forcarei (na provincia de Pontevedra) e Beariz (na provincia de Ourense): unha vintena de castros para vinte e catro parroquias.

.

O castro e a ulterior aldea exemplifican o xeito personalísimo de poboarmos a nosa terra, un dos nosos máis xenuínos sinais de identidade. Mentres a aldea é habitada pola humana xente, os abandonados castros foron ocupados pola mítica mourindade.

.

O hábitat atomizado propiciou unha humanización da paisaxe sen parangón, con catastróficas consecuencias en época recente, xa que no eido urbanístico, o acontecido dende a década dos setenta, coa anuencia da autoridade, só se pode cualificar como desfeita. A nova Lei do Solo virá empeorar as cousas.

.

A realidade socio-política do país estrutúrase en 3.781 parroquias (os castros coñecidos son uns 4.000) e unhas 30.000 entidades singulares de poboación. Por mor disto, a nosa toponimia maior representa case a metade da computábel no Estado.

.

Os concellos (315 na actualidade) e as provincias (4 na actualidade, coas súas respectivas deputacións) foron argallados por alleos designios de onte para acá (século XIX). A emigración, o éxodo rural e un crecemento vexetativo en números vermellos veñen provocando un inexorábel despoboamento de moitos destes municipios, incidindo de xeito especial nos do interior. A Terra de Montes non é unha excepción.

.

As frías estatísticas convidan a reflexionar sobre a rendibilidade do sistema. Sen dúbida, reformular o país en base á primixenia comarcalización (53 son as comarcas actuais) suporía, cando menos, aforrar milleiros de euros nos emolumentos dunha pouco eficaz e moi politizada burocracia.

.

Mentres lle pomos data á dedicatoria en Cerdedo dunha rúa en homenaxe ao ilustre veciño Otero Espasandín ou esparexemos as súas cinzas no coto de Castrodiz, como era o seu desexo, matinemos asemade na conveniencia de aplicar de novo o modelo organizativo dos devanceiros celtas e pór couto ao deficitario negocio da municipalidade, regalía, en moitos casos, dun fato de privilexiados.

.

.
(Incluído na Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo, 2009)
.
.
Ilustración: Mapa das bisbarras da Galiza.
.
.

24/12/09

FÓRA OS TRATANTES DE VENTO DO MONTE DO SEIXO!!!

.
.
.
.
Fotografía do amigo Óscar Franco, tirada, estes días de corisco, no monte do Seixo.
.
.

23/12/09

TRIBUTO A "OS RESENTIDOS"

.
.
.
.
Peza escolleita: CUMBIA CHINA (En homenaxe, asemade, á cidade que paga os garavanzos).
.
.
.

ANO NOVO, VELLAS TEIMAS

.
.
.
.
Deseño de Xaquín Marín.
.
.

16/12/09

PORTALÉN: Patrimonio da Humanidade

.
.
.
.
Recibo con ledicia os correos do xornalista Fernando Salgado e mais da escritora Adela Leiro, informándome da presentación dun poemario ("Berros dende o Alén") dun alumno de 2º de Bacharelato (Ramón R. Nogueira) do Instituto Asorey de Cambados.
.
O acto, apadriñado pola Asociación A Candea, terá lugar nesta vila o 18 de decembro (léase a invitación).
.
Vexo con emoción a escolla do motivo que ilustra a portada do libro: PORTALÉN. Abofé que o poeta R. Nogueira principia a súa andaina literaria arroupado polos mellores augurios. Saúde e Terra!
.
.

14/12/09

FREI MARTIÑO SARMENTO NACEU EN CERDEDO

.
.
.
.

Cando a Academia Galega, con bo siso, determinou dedicar o ano 2002 ao encomio de frei Martiño Sarmento, a asociación Verbo Xido de Terra de Montes daba as súas primeiras bocaladas no valemento da causa cultural na bisbarra. O meu ingreso en Verbo Xido cadrou coa publicación –no mesmo 2002, “Ano Sarmento”– do Inventario xeral da freguesía de Cerdedo. Neste traballo, inspirado no labor sarmentino, xa se explicitaba o forte vencello do frade bieito coa aldea.

.

Nun artigo aparecido no nº 5 da revista Cotaredo –Revista cultural e turística do concello de Forcarei–, do dito ano 2002, minimizábase a importancia de Terra de Montes, ergo de Cerdedo, na vida e obra de Sarmento. Acirrados por tales conclusións, Verbo Xido pediume a elaboración dun outro traballo no que se defendese a tese contraria. Nese mesmo ano, saíu do prelo Cerdedo na obra do Padre Sarmento, libro editado por VX coa colaboración do concello. A primera edición esgotouse hai tempo. Trabállase na pronta reedición, corrixida e aumentada, do referido material.

.

Nas páxinas de Cerdedo na obra do Padre Sarmento deixouse escrito o seguinte (páx. 10): Este fillo de Cerdedo, persoeiro insigne da Europa ilustrada, xamais esqueceu de onde era nin de quen viña sendo, xamais esqueceu a súa orixe galega e cerdedense. A seguir, achegábase unha cumprida restra de pasaxes da obra édita de Sarmento, nas cales o relixioso amentaba con oufanía o lar cerdedense. Modestamente, o libriño sobre Sarmento e Cerdedo probaba que a relación entre o beneditino e a terriña non era cousa menor.

.

Naquelas mesmas datas, enxeñei o Roteiro Sarmento –e mais o tríptico informativo–, baseándome nos itinerarios seguidos polo noso frade nas dúas visitas –das que deixou constancia escrita– realizadas ás Raposeiras de Meilide (viaxes de 1710 e 1745), berce da estirpe dos Gosende, os seus devanceiros. A primeira edición do roteiro, inaugurado por Verbo Xido, celebrouse en maio de 2002. Meses despois, o concello de Cerdedo usurpou sen consulta nin gratitude a iniciativa, desvirtuouna, rexistrouna pola calada (PR-G 69) e transcorridos uns anos (2008), perpetrou o seu asfaltado. Se consultaren a Internet, observarán que son incontábeis os comentarios negativos verbo do estado de conservación da rota, e, mire por onde se mire, salvante o Seixo, no eido cultural, Cerdedo pouco máis ten que ofrecer a quen nos visita sen fame.

.

Tamén por aquel tempo, Verbo Xido recibiu a xenerosa oferta de doazón do pazo das Raposeiras –concretamente, a cesión ad perpetuum da casa matriz–. Os herdeiros do pazo, aveciñados en Asturias, puñan nas mans da asociación o futuro do inmóbel, en troco da súa rehabilitación e placa en memoria dos antigos donos –os lembrados Vitorino e Gumersinda–. Escuros procederes, alleos a Verbo Xido, frustraron o proxecto de converter aquelas paredes no “Museo Sarmento”, para esplendor do municipio. Hoxendía, a casa-pazo das Raposeiras esmorece, ameazando con virse abaixo en calquera momento. Mais, non coubo o desánimo. Verbo Xido reorientou o seu esforzo e, en breve, contra vento e marea, un anovado CETMO (Centro etnográfico de Terra de Montes) reabrirá felizmente as súas portas en Soutelo. As autoridades locais, das que só se obtiveron paus nas rodas, prefiren desbaldir os cartos en desaxeitadas urbanizacións ou sangrar a impostos aos veciños.

.

A vida segue, o Roteiro Sarmento chega en 2009 á súa oitava edición, e este ano acompáñase coa nova dun artigo intitulado “Martín Sarmiento, natural de San Juan de Cerdedo” da autoría do profesor José Santos Puerto, aparecido no nº 12 da revista Sarmiento. Anuario Galego de Historia da Educación. No sobredito artigo, Santos Puerto salienta de primeiras a inexistencia de probas que verifiquen o nacemento de Sarmento en Vilafranca do Bierzo, proporcionándonos despois as irrefutábeis referencias documentais da súa orixe cerdedense, conservadas no mosteiro de San Martín de Madrid, onde Pedro García Gosende se recluíu de por vida. Segundo o artigo, nun documento de 1710, no que se rexistra a toma de hábito do relixioso, lese que Sarmento era natural de “San Juan de Zercedo”. Nun outro documento de 1711, no que se rexistra o exame que lle dá paso á profesión, “nuevamente se dice que Sarmiento es natural de San Juan de Zercedo, en Galicia”.

.

Moito aledándome pola descuberta do profesor Santos Puerto, debo engadir que, na miña modesta opinión, un dos datos máis reveladores verbo da súa non nacenza en Vilafranca do Bierzo atópase no diario de viaxe a Galiza de 1745, do puño e letra de Sarmento: Tanto na viaxe de vinda (Madrid-Galiza) coma na viaxe de volta (Galiza-Madrid) pasa por Vilafranca –na viaxe de vinda (maio de 1745) mesmo pernocta na actual vila leonesa unha noite (a do sábado 29)– e nada sae da súa boca sobre o lugar no que supostamente chegou a este mundo, senón simples referencias á paisaxe e á arquitectura. Na viaxe de volta (19 de xaneiro de 1746), tan só o menciona no seo dunha enumeración. Sabedor da meticulosidade do beneditino, resúltame moi estraño que non lle dedicase ao seu berce nin tan sequera unha liña.

.

Con menos evidencias, calquera concelleiro de cultura estaría fretando as mans. Pola contra, en Cerdedo, o Roteiro Sarmento esgarece baixo as silveiras, baixo o piche ou baixo a auga en cachoeira; o pazo das Raposeiras sómese na ruína e, case unha década despois, ninguén tivo a ocorrencia de dedicarlle ao insigne ilustrado unha rúa. Outros infames engaiolaron en Cerdedo o corazón das autoridades.

.

Faro de Vigo, 13-12-2009

. .
Tamén se pode ler en:
.
http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2009/12/13/sarmento-naceu-cerdedo/394838.html
. .

13/12/09

CARTA ARQUEOLÓXICA DO CONCELLO DE CERDEDO

.
..
.
Cadrando coa VIII edición do "Roteiro Sarmento" en Cerdedo, sae á venda o novo número da colección "Cerdedo in the Voyager" (nº 8), publicado por edicións Morgante:
.
.
"CARTA ARQUEOLÓXICA
DO CONCELLO DE CERDEDO"
.
.
Nesta carta arqueolóxica céibanse do esquecemento cento vinte e cinco xacementos prehistóricos localizados no concello de Cerdedo.
Todos os xacementos inventariados foron gravemente alterados ou mesmo destruídos.
A meirande parte dos xacementos foron parcial ou totalmente estragados pola acción do home.
Ningún dos xacementos goza de medidas para favorecer o seu coñecemento ou para garantir a súa preservación.
.
.

12/12/09

Solidariedade con AMINATU HAIDAR

.
.
SOLIDARIEDADE CO SÁHARA
.
.
.
.
SOLIDARIEDADE CON ÁFRICA
.
.
.
.
Ilustración 1: Aminatu Haidar, activista en prol dos dereitos do pobo saharauí.
Ilustración 2: Poema visual extraído do bloc "CONTRADICIÓNS" editado pola Corporación Semiótica Galega, ano 2009.
.
.

5/12/09

VIII edición do ROTEIRO SARMENTO en Cerdedo

.
.
.
.
Saúdos, amig@s. Un ano máis, a Asociación Cultural e Ecoloxista VERBO XIDO de Terra de Montes convídavos a participar no "Roteiro Sarmento de Cerdedo".
.
Na presente edición guiaremos os participantes nunha viaxe á prehistoria da comarca. O roteiro a pé comezará no xacemento denominado Cruceiro de Antas (Calcolítico: +/- 4.000 anos de antigüidade), localizado no linde das freguesías de Figueiroa e Tomonde. Dende alí ascenderemos até o Outeiro dos Corvos/Campo dos Cans (necrópole tumularia. Neolítico: +/- 5.000 anos de antigüidade), xacemento xa consignado no "Glosario de voces galegas" de Martiño Sarmento. Cara ao norte, sobre a estrema dos concellos de Cerdedo e Forcarei, visitaremos a Eira dos Mouros, as mámoas do monte da Vilalén-Tomonde e os nomeados "Santos" da Porteliña (pedrafitas de cachote). O roteiro rematará unha vez cheguemos á aldea de Tomonde.
.
O roteiro celebrarase o vindeiro domingo, día 13 de decembro. Vémonos na praza da igrexa de Cerdedo a iso das 10'00 h da mañá. Alí decidiremos a mellor maneira de organizar o desprazamento en carro até o punto de partida, segundo a dispoñibilidade de cadaquén.
.
.
.