.
.
.
.
.
.
31/8/15
27/8/15
"OS DOCE TRABALLOS DE CAPITÁN GOSENDE" - Faro de Vigo (26-8-2015)
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
A Pedra do Talle, A Cabeza do Mouro, A Cadeira do Rei e o petróglifo do Outeiro do Mestre.
. .
.
Difundida
a través da libérrima internet, o colectivo Capitán Gosende enxeñou este verán a
campaña “Cerdedo. Descúbreo por ti mesmo”. O lema, concibido para revitalizar o
turismo cultural en Cerdedo, insiste na necesidade de ofrecer unha imaxe
dinámica e positiva do noso concello. A maiores, co gallo da campaña, a
asociación, sen esquecer os seus roteiros xa consolidados (Padre Sarmento, Montaña
Máxica, Pedre milenario, A Pantalla...), presentálles arestora unha nova actividade
de lecer: “Os doce traballos de Capitán Gosende”.
O enredo está pensado para persoas dotadas
de espírito aventureiro, capacidade de superación e ansia de coñecemento. Inspirados
nos doce traballos de Hércules, heroe da mitoloxía clásica, ou nas doce probas
de Astérix, heroe do cómic contemporáneo, os de Capitán Gosende formulámoslles unha
ducia de encomendas que se realizarán empregando a xeografía de Cerdedo e do
monte do Seixo como taboleiro de xogo.
A “penitencia” non contempla matar e esfolar
leóns, capturar cervos ou xabarís, nin roubar gando nin froita (aínda que a
froita roubada é a que mellor sabe). A única pretensión é que, en calquera
estación do ano, os nosos visitantes gocen dunha estadía enriquecedora en contacto
coa natureza.
Queremos compartir con vostedes a nosa
angueira, a nosa paisaxe e o noso tesouro patrimonial, sabendo que, cando o
descubran, hanse converter en activos defensores da súa singularidade. Boa
falta nos fai. Non somos unha axencia de turismo, porén, animámolos, xa de
paso, a facer gasto nos establecementos hostaleiros da zona. En resumo, Capitán
Gosende, en ausencia doutras iniciativas, postula Cerdedo como alternativa de
ocio.
Recomendámoslles aos intrépidos que non
emprendan esta apaixonante experiencia sometidos á ditadura do cronómetro. O
concurso semella unha xincana, mais, non é unha contrarreloxo. Tómeno, xa que
logo, con calma.
O reto consiste en atopar doce fitos
patrimoniais e fotografarse ao seu carón para verificar a exitosa descuberta.
Daquela, se a aventura se vive en solitario, non lles viría mal proverse dun
“pau selfie” ou calquera dos sucedáneos artesanais. Se a aventura se desenvolve
en grupo, algún dos participantes (ou o grupo) debe figurar en cada unha das doce
fotos.
Superados os doce encargos, contacten co
colectivo Capitán Gosende a través do seu perfil público en Facebook. Feita a
comprobación, amais de recibir os nosos parabéns, farémoslles entrega do
correspondente diploma acreditativo, “O salvoconduto do capitán Gosende”, carta
probatoria do ousado periplo, credencial do venturoso camiñante por Cerdedo.
Completar con éxito os doce traballos non se
premia con bens materiais, xa que, como di un vello proverbio chinés, a viaxe
(a sabedoría) é a verdadeira recompensa.
Co aquel de facilitarlles un chisco a tarefa, anotámoslles
as coordenadas aproximadas (visor SixPac) dalgunha das estacións máis
arrecunchadas. O emprego de mapas ou do GPS é opcional, pois, preguntando
chégase lonxe. Organicen as expedicións baixo a súa responsabilidade e con
total liberdade.
No monte do Seixo, os participantes deben
localizar e fotografarse xunta os seguintes obxectivos: O Outeiro do Coto,
Portalén, A Cadeira do Rei e A Pedra do Talle.
Situado a 1.014 m de altitude, O Outeiro
do Coto é o cume do monte do Seixo e unha das cotas máis elevadas da
provincia de Pontevedra. A cimeira sitúase a uns 30 km en liña recta do litoral,
polo que, con día claro, ollar o horizonte marítimo acada a condición de
privilexio. Se a atmosfera o permitir, cara ao
noroeste, a uns 45 km rectos, pódense albiscar as torres da catedral de Santiago.
Encadren na fotografía, por exemplo, a antiga caseta da Forestal. No penedo que
lle serve de alicerce, a rente do miradoiro, labrouse un petróglifo (4.000 anos
de antigüidade), composto por un arco de tres coviñas disimilares.
A rechamante peneda coñecida por Portalén (coordenadas.- X: 550. 702; Y:
4.702.497) é, consonte a tradición, a soleira do Outro Mundo (Monte do Seixo. O santuario perdido dos
celtas, 2008). Durante o mes de Santos, o magosto celta, o van de Portalén
“actívase” e serve de pasadeiro ao Máis Alá (accédese na dirección
nordés-sudoeste). Segundo a lenda, nada do visto ou do oído no alenmundo debe
ser revelado, a risco de perder a voz.
A 90 m cara o sudoeste, verán a pedrafita do
Marco do Vento, un monumento megalítico de 6 m de altura.
O sentadoiro pétreo nomeado Cadeira do Rei áchase no Coto da Santa
Mariña (994 m, vértice xeodésico), nas inmediacións doutra antiga caseta da
Forestal. O trono (coordenadas:.- X: 549.964; Y: 4.701.389) é un miradoiro avantaxado
das tres rías: Arousa, Pontevedra e Vigo. Coróense reis por un día. Na
fondeira, cara ao norte (a uns 650 m de distancia), dexérgase a ermida da Santa
Mariña.
A
Pedra do Talle (coordenadas.- X: 550.552; Y: 4.704.417) é un saínte
rochoso que se acha na lomba de poñente do Castro Grande (919 m). Conforme a
lenda, a Moura de loiros cabelos que habita a cova do Castro emprega a Pedra do
Talle para tomarlles a medida aos seus pretendentes. O bico da pedra afástase
do chan 1’85 m. Fotografarse baixo o beirado é inescusábel.
Cos catro albos do Seixo no fardel, afronten a
quenda de traballos sinalados para o concello de Cerdedo. O municipio divídese
en oito parroquias. Prescríbese un fito por cada parroquia.
Na parroquia de Cerdedo, escollan a mellor
perspectiva para retratarse na ponte de
Arén, sobre o río do Castro. Construída durante a República polo músico e
canteiro Xosé Benito García, pon en comunicación as aldeas de Arén e Cernados.
Nunha das pedras do peitoril lese: “La Corporación - 1934”. No lugar de Arén, paga
a pena visitar a capela do San Miguel (século XVII), edificada sobre un castro.
Na parroquia de Pedre, fotografaranse a carón
dun dos cruceiros que coroan o cotarelo do
San Lourenzo (O Serrapio). A capela, baixo o padroado do mártir romano,
data do século XVIII. Á beira da desembocadura do río de Quireza no Lérez,
érguese o Coto das Insuas, lombo no que se descubriu a pedra antropomorfa
denominada O Xacente. Río abaixo, a escasa distancia, érguese a ponte medieval
da Pontapedre. Congostra arriba, na aldea de Pedre, poden admirar o conxunto de
hórreos da Eira Grande e a igrexa parroquial do Santo Estevo (séc. XVII).
Na parroquia de Figueiroa, acadarán o cimo do Outeiro do Mestre (coordenadas.- X:
547.989; Y: 4.710.531; alt. 605 m). Na parte superior do penedo, amais da
panorámica, poden contemplar un fotoxénico gravado rupestre (4.000 anos de antigüidade).
O petróglifo componse dun conxunto de círculos concéntricos. Os elementos
meirandes aparecen fusionados (tipo “castañola”). Por mor da matogueira, esta
excursión reviste certa dificultade.
Dende o Outeiro do Mestre, a 600 m cara ao
noroeste, áchase o coto de Castrodiz (631 m), sito na parroquia de Castro.
Pasado o foxo castrexo que o arrodea, perto da cima, débese identificar unha
rocha que, pola súa morfoloxía, recibe o nome de A Cabeza do Mouro (coordenadas.- X: 547.628; Y: 4.711.027). Disque,
a pedra figurativa é a entrada secreta ás minas de ouro da mourindade. Por mor
da matogueira, esta excursión tampouco a podemos cualificar de doada.
Na parroquia de Folgoso, visitarase o
camposanto da Santa María (igrexa do século XVII). Retrataranse na compaña dun esqueleto, alegoría da morte, que
adobía un suntuoso panteón do escoupro do canteiro Manuel Barros. A unha
carreira de can, á beira da estrada que vai cara a Parada, sitúase a ermida do
Pego mais o cruceiro anexo, esculpido polo canteiro Ignacio Cerviño.
O labor asignado para a parroquia de Parada é a
localización da ponte medieval sobre
o Lérez, rota de arrieiros e camiño de peregrinación a Compostela. Nas
inmediacións, atópanse o castro da Mouteira e o castro das Cercas. De camiño, acharán
a igrexa parroquial (San Pedro) do século XVIII.
No cemiterio da parroquial de Quireza, pousarán
unha flor na sepultura do defunto
anónimo. Na lápida riscouse o signo da interrogación ( ? ). O templo (San
Tomé) data do século XVI. Integrando un viacrucis, cómpre salientar o chamado
cruceiro das Procesións (fuste helicoidal), da autoría do canteiro Xosé
Ferreiro.
Finalmente, se aínda gardan folgos, ascenderán
ao monte da parroquia de Tomonde na procura dos Santos da Porteliña (coordenadas.- X: 549.943; Y: 4.714.263). Ambas
as dúas figuras de cachote (o macho e a femia) empregáronse no antigo para
esconxurar o trebón. Coa súa construción ou derruba, conseguíase mudar a meteoroloxía
en beneficio das colleitas. Cara a poñente, albíscase o templo parroquial (Santa
Mariña) que data do medievo (séc. XII).
Velaquí os doce traballos de Capitán Gosende. Ben
seguro, xa están desexando botarse ao camiño. Ánimo e benvidos a Cerdedo!!
..
.
26/8/15
23/8/15
UN OTERO ESPASANDÍN DE VINTE ANOS ( e IV ) - Faro de Vigo (23-8-2015)
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
"Pídoche, Castrodiz, dende esta terra,
envellecida nova, metro e medio
de chan, pra cando morra..."
..
.
Roldando a trintena, Otero
Espasandín xa é unha figura consagrada no eido do maxisterio, o xornalismo e a
literatura.
No
nº 51 da revista Nós (15 de marzo de
1928, páx. 58), Otero Espasandín publica o artigo titulado “Nova aportación á
lírica galega”, unha gabanza do poeta Emilio Mosteiro.
El
Pueblo Gallego do 28 de marzo de 1928 (en portada), na
sección “Los trabajos y los días”, O aínda galeguista Evaristo Correa Calderón
(1899-1986) publica un artigo titulado “Patria y magisterio”. Extraemos o
seguinte:
Uno de
los problemas básicos, y uno de los más urgentes, en la Galicia actual, es la
escuela [...] Una escuela sin
espíritu, sin carácter, no sería absolutamente eficaz. Es preciso que nuestra
escuela tenga un alma gallega, un sentido proselitista, para que deje huella,
para que alumbre pasión en las nuevas conciencias pueriles [...] “¿Hay que dar en nuestra tierra un sentido
gallego a la pedagogía?” [...] No
debería dudarse esto ni un momento, porque todo cuanto se haga en contrario
será obra estéril [...] Si esto no se
hace, la enseñanza en Galicia será híbrida, artificial e inconsistente.
Nosotros perderemos un patriota, pero no por eso lo habrá ganado España para
sí.
Sigo
con atención creciente los trabajos que la Asociación de Maestros de Vigo
realiza para llevar a cabo una Asamblea del Magisterio Gallego. Junto a las
mejoras de clase que figuran en su programa, no debe olvidarse el tema trascendente
de dar una dirección racial a nuestra cultura primaria [...] Los maestros gallegos deben darse cuenta de
que antes que maestros son gallegos [...] Existe a la hora presente, en nuestra tierra, una pléyade brillante de
maestros intelectuales. Recordemos los más visibles: Noriega Varela, Risco,
Otero Espasandín, V. Taibo, Dieste, “Roxerius”, Juan Jesús González, Salgado
Toimil, Antonio Couceiro, Correa Álvarez, Santos Vila, Órtiz Novo, Prol, Soto
Menor, “Ben-cho-sey”.
Antes
que formar la generación que va a venir, habría que formar los institutores
abnegados, idealistas, que han de moldearla; comunicarles una conciencia
gallega, una responsabilidad.
Oito anos despois, o réxime franquista ‒bendicido
por Correa Calderón‒ abriralles expedientes de depuración
aos mestres Vitoriano Taibo, Roxelio Pérez Roxerius,
Juan Jesús González e Xosé R. Fernández-Oxea Ben-Cho-Shey. O mestre Luís Soto Menor será detido. Os mestres
Rafael Dieste e Otero Espasandín víronse abocados ao exilio.
El
Pueblo Gallego do 20 de xuño de 1928 (páx. 2), na sección
“Prisma”, publica un artigo de Augusto María Casas, titulado “Los poetas nuevos
de Galicia”. No seu proxecto “Índice de la lírica gallega contemporánea”
(“Esquema da nova poesía galega”, Nós,
1935), Casas escolma, entre outros, os seguintes: Amado Carballo, Correa
Calderón, Euxenio Montes, Ánxel Casal, Manuel Antonio, Bouza Brey, Johan
Carballeira, Xesús Bal y Gay, Blanco Amor, Emilio Mosteiro, Xulio Sigüenza,
Denys Fernández (C. Sánchez Mazas), el mesmo e Otero Espasandín.
De Otero Espasandín, anota: su obra poética permanece, casi inédita, en
periódicos y revistas. Prepara su libro “Alfabeto”. Su elevada categoría lírica
es indiscutible. Recordamos un poema ‒a. 1926‒ que lleva por epígrafe “Parábola”.
Na páxina 11 de El Pueblo Gallego do 27 de xuño de 1928, baixo o titular
“Información general. Ingreso en la Escuela Superior del Magisterio”, lemos: En la Sección de Ciencias han conseguido ser
aprobados en el examen de ingreso los siguientes maestros y maestras: (unha
listaxe de trece nomes). Felicitamos a
los ingresados, especialmente a nuestro colaborador, señor Otero Espasandín.
No xornal El
Correo de Galicia (Órgano de la
colectividad gallega en la República Argentina) do 19 de agosto de 1928, na
sección “Información de Galicia. Santiago.- Notas de Sociedad” (páx. 8), lemos
que Otero Espasandín, “destacado escritor”, estivera en Compostela.
En El
Pueblo Gallego do 4 de setembro de 1928 (páx. 2), Otero Espasandín publica
o poema titulado “Sementeira”, dedicado á memoria de Amado Carballo, no
cabodano do seu pasamento (3-9-1927): Arco
da vella / disparas a frecha do campanario / ó corazón do ceo...
No xornal vigués El Pueblo Gallego do 13 de setembro de 1928 (en portada), na
sección “Los trabajos y los días”, Correa Calderón asina un artigo titulado “La
poesía nueva y Galicia”, do que salientamos: Hoy por hoy, poseemos en Galicia una escuela de lírica nueva de la más
fina calidad. En la que ya tenemos muertos que honrar con obsequios de versos,
como Amado Carballo (†1927). Eugenio
Montes, Manuel Antonio, Otero Espasandín, Blanco Amor, Augusto María Casas,
Johan Carballeira, Bouza Brey [...]
forman un núcleo de poetas digno de presentar en cualquier acto de afirmación.
Otero Espasandín redacta o limiar do poemario O Galo da autoría de Amado Carballo,
publicado postumamente en 1928 na editorial Nós: Camiño da miña terra ‒como a súa, nas veiras de Lérez‒
dei con el (vran de 1927) n’unha casiña homilde de Pontevedra. Inda que nunca
nos viramos, os nosos brazos cruzáronse como pra refrorecer unha vella
aperta...
No nº 58 da revista Nós (15 de outubro de 1928, páxs. 190-1), Otero Espasandín publica
unha reseña do libro De catro a catro
de Manuel Antonio, publicado tamén pola editorial Nós: E tocáballe a este mariñeiro coa pértega do mastro máis esguío dal-o
brinco ás extremas latitudes da poesía contemporánea...
Dezaoito anos despois, no vespertino
compostelán La Noche do 13 de xullo
de 1946 (páx. 3), na sección “Plumas y letras gallegas” e baixo o titular “Un
xuicio sobre o libro de Manuel Antonio “De catro a catro””, reprodúcese a
devandita recensión. Na sinatura lese: Outeiro
Espasandín.
O 17 de setembro de 1929 (en portada), o xornal
El Pueblo Gallego congratúlase pola
invitación que a Universidade de Berlín lle fai a Filipe Fernández Armesto
(Augusto Assía), colaborador do periódico, para impartir naquelas aulas unha
conferencia sobre literatura. A maiores: El
Pueblo Gallego no puede por menos de teñir de alborozo sus columnas,
registrando este triunfo de la mocedad gallega, la más apetecible mocedad ‒Dieste,
Montes, Amado Carballo, Jesús Bal, Fernández Mazas, Maside, Otero Espasandín,
Augusto Casas, Bonome, Correa Calderón, Santiso Girón y otros más‒
que en este periódico, cordial mano desnuda, alzaron su gallarda verticalidad
de antenas.
Imos rematando. Nesta serie de catro artigos,
quixemos deixar constancia do torbeliño vital daquel Otero Espasandín da década
dos vinte. A ardencia dun galego de Cerdedo que, na flor da mocidade, axudou a
forxar os alicerces do país.
“Bo e xeneroso”, foi condenado ao limbo dos
apátridas. Porén, con 49 anos de idade e dez de desterro, en carta a Fernández
del Riego, escribe: Y mientras un pueblo
tenga voz, existe. Que la del nuestro siga hablando al mundo y diga hoy como
ayer y como mañana cuan amplio y hondo es nuestro corazón y nuestra esperanza.
Mesmo na soleira dos 87 anos, cun pé na
sepultura, nunha carta remitida dende Bethesda-Maryland (USA) ao seu veciño Manuel
Monteagudo, Otero Espasandín insiste: ...Mi
infancia, pasada en Castro, se posesionó de mi memoria, con todo lo bueno y lo
no tan bueno de aquellos años [...] recién
entrado en el año 87 de mi existencia, cedo a la condición galaica que en mi
pecho palpita vigorosa [...] Le
advierto que en lo íntimo me sigo siendo el arrapiezo de comienzos de siglo (3-1-1987).
Na mesma misiva, Otero Espasandín non esquece
enviarlle saúdos respectuosos a Rodríguez Fraiz. Ambos os dous non esquecerían,
así mesmo, dedicarlle algún dos seus escritos a outro paisano, o Padre Sarmento.
Espasandín en 1943 (“Noticia” introdutoria á edición do “Estudio sobre el
origen y formación de la lengua gallega” de Sarmento); Rodríguez Fraiz en 1972
(“Los ascendientes del Padre Martín Sarmiento en Cerdedo”). O triángulo
inscrito na circunferencia.
O propio Manuel Monteagudo (“Lembranza de Xosé
Otero Espasandín”, Verbo Xido nº 11,
ano 2005) solicita: eu penso o mesmo que
hai máis de vinte anos: no pico máis alto de Castrodiz, onde el pedira metro e
medio de chan pra cando morrera, poñerlle un busto coa súa efixie.
Otero Espasandín, autor dos significativos
poemas “Pico de Castrodiz” e “Pontes do Lérez”, é un esquecido na súa terra.
Agradezamos xaora a oportuna biografía (D. Pereira, 2004), a edición da súa
obra en galego (M. Cuquejo, 2006), as merecidas homenaxes, setembro de 2000 e
xullo de 2013 (nº 26 do boletín Verbo
Xido, 2013), mais, cominemos a autoridade a honrar por sempre a memoria
deste ilustre veciño de Castro, rebautizando o colexio de Cerdedo ou
outorgándolle o seu nome ao edificio denominado Centro Cultural. Así mesmo,
apelamos á Academia Galega para que tome en consideración a vida, a obra e o
exemplo de Xosé R. Otero Espasandín para vindeiras edicións do Día das Letras
Galegas.
“Vive quien deja y deja el que ha vivido” (A.
Machado).
.
.
.
17/8/15
UN OTERO ESPASANDÍN DE VINTE ANOS ( III ) - Faro de Vigo (17-8-2015)
.
.
.
.
.
.
.
.
Retrato de Otero Espasandín da autoría de Luís Seoane.
..
Nado en Cerdedo en 1900, Otero
Espasandín encarna nos anos vinte o pulo renovador da poesía galega e os
valores da educación progresista.
.
En
El Pueblo Gallego do 19 de xuño de
1927 (páx. 11), a caron dun “bosquexo” de Maside, atopamos un poema en galego
de Otero Espasandín que, dedicado ao piloto F. Sendón, debera integrar o seu
poemario Alfabeto (inédito e sempre
inconcluso). Eis a primeira estrofa: O
corazón da proa treme(n) nos hourizontes / (Ti,
sereo, agardabas o bautizo do mar) / E apertaron os brazos en coiros das olas /
cobizosas, o peito do navío queimado pol-o sal. De novo, o resaibo
manuelantoniano é indiscutíbel. O poema volverá publicarse en Eco de Galicia (A Habana) o Día da
Patria de 1934.
En El
Pueblo Gallego do 24 de xullo de 1927 (páx. 2), Otero Espasandín publica o
poema “Campanario d’aldea”, dedicado a Paco Luís (o poeta Francisco Luís
Bernárdez): Campanario d’aldea / no que
frorecen os novos días, / no teu reló de sol aniñan / as 33 palomas do medio
día / e nos teus gomos engarabitados / tecen teas d’araña as anduriñas...
El
Pueblo Gallego do 18 de agosto de 1927 publica (en portada) a reseña que
Otero Espasandín lle fai ao poemario Proel,
da autoría do pontevedrés Amado Carballo,
(1901-3 de setembro de 1927). Velaquí uns parágrafos:
A moitas persoas ‒unhas de boa outras de mala fe‒
lles ouvía decil-o mesmo dos poetas novos: Os poetas novos todos se asemellan.
Este dito pode pasar se descartamol-a mala fe.
Porque a poesía nova, na súa cobiza de se recoller aos
seus propios dominios, fuxe das mixtificaciós car’o estilo puro. E pra
diferenciar, pra extremal-os estilos precísase cultura literaria, a agudeza e,
máis que nada, un ánimo limpo [...] O que lea con ledicia a Jules Supervielle ou a Paul Valéry, poñamos
por caso, sinte ao ler a Rosalía ‒poñamos por caso tamén‒
como s’entrara n’alcoba dun matrimonio. Máis recatado, o poeta d’hoxe deix’a a
súa vida detrás da porta ao saír ao agro do poema.
...Porque
‒digamol-o agora‒
este libro é coma unha ponte entre dúas ribeiras. Millor é un viaxe d’unha
ribeir’a outra ribeira. O leutor, sin se decatar case, pasa co-él da lírica
galega domiñante astra hoxe a outra lírica acorde coa modalidade da lírica
europea.
...Hoxe
ou mañán que se queira falar da literatura galega, este libriño, tan mermado de
follas, aconsellará o historiador que, co-él a cabeza, comece un novo capítulo.
En El
Pueblo Gallego do 21 de agosto de 1927 (páx. 9), Otero Espasandín publica
outra peza para o poemario Alfabeto,
dedicada ao poeta Emilio Mosteiro: Paseo
as miñas cábalas / baixo á-lgoritmia das estrelas / coas que Deus / pranteou o
probrema derradeiro. / (Ecuación irresoluble / en números enteiros)...
El
Pueblo Gallego do 1 de setembro de 1927, na sección “Compostela
al día” (páx. 11), informa que Otero Espasandín, “joven escritor galleguista”,
está pasando uns días na vila santiaguesa: De
ésta, saldrá para Riveira en donde reside.
No nº 46 da revista Nós (15 de outubro de 1927, páx. 1), Otero Espasandín publica outro
poema para Alfabeto, dedicado ao
prehistoriador Florentino L. Cuevillas: Dos
soutos da noite / caen os ourizos das estrelas / o releeren os ventos outonizos
/ as follas das fenestras...
En El
Pueblo Gallego do 26 de outubro de 1927 (páx. 11), baixo os titulares: “La
enseñanza y los maestros” (grandes caracteres), “Un llamamiento” e “A los
maestros de la nueva era”, lemos:
...¡Cuánta
emoción encierra para nosotros esa palabra: nueva o nuevo! ¡Escuela nueva!
¡Maestro nuevo! ¡Educación nueva! ¿Pero, es que existen una educación nueva y
un maestro nuevo? Sí, existen.
...esos
maestros que besan la mano a todo el mundo [...] esos maestros cuyas escuelas todavía
destilan la húmeda y medieval enseñanza dogmatista, con el estudio a coro y los
movimientos a toque de vara sobre la mesa [...] No es en tales maestros donde buscaremos precisamente las fuentes de
nuestra inspiración, antes, por el contrario, los combatiremos...
...Maestros
nuevos son aquéllos que tienen conciencia de la importancia social de su misión
y de su responsabilidad como educadores; que no inclinan jamás la cabeza, sino
que la levantan con naturalidad; que no adulan, sino que justiprecian; que no
aplauden, sino que comprenden.
...Vengan
los Fernández Casas, los Salgado Toimil, los Castro Pena, los López Varela, los
Casabella Pernas, los Magariños Granda; los Mato Castro, los Fraiz Villanueva,
los Otero Espasandín [...]
Vengan a elevar el concepto de la educación, para que así se eleve el del
educador.
E, nove anos antes do golpe de Estado fascista
que precedería a guerra, a represión e a imposición do nacionalcatolicismo, o
editorial do xornal remata: ¿Hai
realmente maestros nuevos en Galicia? Pronto lo sabremos.
Tras a sublevación de xullo do 36, os mestres
Rafael Fernández Casas, Bernardo Mato Castro e Vítor Fraiz Villanueva foron
asasinados. Aos mestres Laurentino Castro Pena, Fermín López Varela e Francisco
Magariños Granda abríronselles expedientes de depuración. O mestre Otero
Espasandín padeceu o exilio.
En El
Pueblo Gallego do 1 de decembro de 1927 (páx. 1), Antón Vilar Ponte
(1881-1936), ideólogo das Irmandades da Fala, asina un artigo titulado “La
importancia de llamarse Ramón”. Na dita colaboración, o de Viveiro contrarresta
o “ramonismo” de Gómez de la Serna co “donramonismo” de Valle Inclán. E engade:
Pero tenemos otros Ramones de notorio
relieve en la orden de la galleguidad: el poeta Cabanillas, el polígrafo Otero
Pedrayo, el literato Fernández Mato, el cronista Gil Andrade, el avangardista
Otero Espasandín, el publicista Villar Ponte (irmán do asinante), el gran energético Suárez Picallo... A
mención é ben merecida, mais, é evidente o lapso de Vilar Ponte, posto que, os
apelidos Otero Espasandín precédense dos nomes Xosé e Roxelio.
El
Pueblo Gallego do 12 de febreiro de 1928, na seción
“Compostela al día” (páx. 9), informa que “el escritor” Otero Espasandín está a
pasar uns días na capital da Galiza.
No nº 50 da revista Nós (15 de febreiro de 1928, páx. 1), Otero Espasandín publica,
baixo o título “Poemas”, os versos: Carreteira
da serra: / creboute a penedía, / n’un espasmo de forza, / contr’a fe das
estrelas... Destinado a integrar o libro Alfabeto, o poema reproducirase no nº 1 de Galiza (1930) e mais en Eco
de Galicia (A Habana) do 17 de setembro de 1930.
El
Pueblo Gallego do 3 de marzo de 1928, na seción “Compostela
al día” (páx. 10), informa: Esta noche
será obsequiado con una cena por sus amigos el poeta Otero Espasandín que se
halla pasando una temporada en Compostela. La cena se celebrará en el Bar Vino,
a las diez de la noche.
El
Pueblo Gallego do 9 de marzo de 1928, na sección “Crisol”
(páx. 8), Johan Carballeira (1902-1937) publica unha reseña do libro Versos con sol y pájaros, do poeta Amado
Villar (1899-1954). Johan Carballeira encomia o pulo innovador do poemario: Pero vengamos a Amado Villar nuestro viejo
joven amigo, el mismo que aquí, en nuestra tierra, contribuyó con los cohetes
de su europeísmo a agujerear un poco el aire bovino que nos envolvía.
A carón de Amado Villar, na nómina de poetas innovadores,
J. Carballeira enumera, entre outros, os seguintes: Amado Carballo, Euxenio
Montes, Manuel Antonio, Correa Calderón, Vidal Martínez, Augusto Casas, Dieste,
Bouza Brey, Blanco Amor e Otero Espasandín: Aguardamos
ese “Alfabeto” del admirable Otero Espasandín.
Continuará...
.
.
.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)