8/8/15

ESTRAGOS NA CARBALLEIRA DE MEILIDE (CERDEDO)

.
.
.
.
A congostra dos Barreiros hai uns anos.
.
.
.
A congostra dos Barreiros hai uns días.
.
.
.
Capitán Gosende denuncia a destrución da corredoira dos Barreiros

O día 22 de xullo, membros do colectivo Capitán Gosende inspeccionaron as obras da chamada traída de augas de Cerdedo. Derivando a auga do río do Seixo no seu curso alto, a canalización ten por obxectivo fornecer o lugar de Cerdedo e só a Cerdedo.
O río do Seixo é afluente do río do Castro (ou do Pegho) e este, tributario do Lérez. Dos ríos que sucan a parroquia de Cerdedo, o Seixo era o único que se mantiña incólume, pois tanto o Castro coma o Lérez ven pexados os seus leitos con senllos encoros, destinados á produción de enerxía eléctrica.
Capitán Gosende mostrou dende o comezo a súa frontal oposición á execución do proxecto de captación de auga no Seixo (uns 4 km de canalización) por entender que, amais de afectar unha zona de alto valor ecolóxico (Rede Natura 2000 e Rede Galega de Espazos Protexidos), o investimento económico (máis dun millón de euros) apenas beneficiaría os trescentos habitantes da capital, en detrimento, por exemplo, dos malfadados veciños de Meilide, por cuxos predios atravesa a tubaxe. O vello dito “Cerdedo non é nada sen a súa parroquia” volve confirmarse.  
A maiores, como se comproba nas fotografías do antes e do agora, o emprego dos camiños públicos para o soterramento do entubado está provocando unha severa alteración do patrimonio e da paisaxe. O colectivo Capitán Gosende sospeita que, amais da destrución do antigo enlousado de pedra, os operarios da empresa adxudicataria abandonarán a carballeira de Meilide sen recompoñer ningún dos valados tradicionais de cachote (hoxe, cascalleira) que derregaban a fermosa corredoira dos Barreiros. En Faro de Vigo (28-10-14), a autoridade cualificaba o proxecto de “absolutamente respetuoso”; respectuoso, claro está, cos seus intereses.  
Os de Meilide, amais de padecer en silencio os atrancos e desfeitas, veranse  privados do seu histórico dereito sobre a auga do río do Seixo. Para entendérmonos, só o despoboamento, o absentismo e a conseguinte inacción dos lugares de Meilide e Cavenca permiten que tal actuación se leve a termo. Se nas agras de Meilide e Cavenca verdease o millo, non habería quen se atrevese a ordenar tal despropósito.  
Non hai tanto, Meilide e Cavenca servíanse da auga do Seixo, conducida dende tempo inmemorial a través de dúas levadas: a presa Grande e a presa de Cavenca, respectivamente. No lugar de Pedraboa pódese observar a tal “pedra boa”, a marca de nivel que repartía unha parte do caudal do río para beneficio de ambas as dúas aldeas. Os usos e costumes de Meilide e Cavenca vense daquela conculcados coa captación de auga alén do pozo Sangoento. A presa de Cavenca aínda cumpre a a súa función, pola contra, a presa Grande de Meilide precisa dunha reparación integral para que volva ser o que foi.
Se en Meilide e Cavenca houbese regantes, se houbese terra de labor que fertilizar, se houbese veciños dedicados á agricultura, isto non pasaría. O cancro deste territorio é o despoboamento, porque a ausencia de presión veciñal propicia os desmandos dunha autoridade desnortada.
Non hai volta atrás. Con esta decisión dificultarase que, en Meilide e Cavenca, propietarios e arrendatarios poidan, se for o seu desexo, pór de novo a terra a producir, xa que non chove como chovía e a cunca do Seixo experimenta un declive hídrico notábel nas épocas de escaseza de chuvias. Se no futuro alguén decide labrar no terrón, verase obrigado a loitar de novo polos consuetudinarios dereitos de rega. Os comuneiros de Meilide (presentes e futuros) cangan dende agora coa servidume da traída de augas de Cerdedo en troco de contrapartida ningunha.   
Moito nos tememos que no verán, coa seca pertinaz e coa traída de Cerdedo en funcionamento, non se respectará, cando menos, o caudal ecolóxico do río do Seixo. A trampa que permitiu a captación de auga baséase en que este río non é afluente directo do Lérez, ocultando que o Seixo verte no Castro apenas a 500 m da desembocadura do Castro no Lérez. As leis para quen as entenda.
Primeiro ceibamos alevíns no Seixo para saír na foto e despois, sen fotógrafos, deixamos que as troitas morran nun leito seco. Gabámonos pola proeza de limpar o camiño de Cavenca á Cavadosa, mentres, sen rubor, escachizamos sen remedio a outra beira. Dado que os labores de desbroce e as obras da traída se anunciaron a un tempo, é evidente que o acondicionamento da senda ribeirá cumpría unha función de cortina de fume. Constante actitude bipolar.        
O Concello ben podía seguir subministrándolles auga aos veciños do lugar de Cerdedo a través da captación existente no río Lérez. Este recurso, coas melloras necesarias, debera ser abondo, posto que os valores demográficos son, por desgraza, recesivos. Mais, a triste realidade é que o caudal do Lérez está supeditado á peaxe imposta por unha central hidroeléctrica cuxa instalación gozou, no pasado, do visto e prace dos gobernantes locais. A ausencia dun proxecto de futuro sumiu Cerdedo nunha decadencia insoportábel.  
No devandito artigo de Faro de Vigo (28-10-14), a autoridade recoñecía que: en estos momentos el núcleo cerdedense se abastece por gravedad del canal de derivación de un aprovechamiento hidroeléctrico existente en el curso del río Lérez. El agua de este canal está sujeta a los regímenes de turbinas de la central. Así e todo, lembremos que o artigo 60 da Ley de Aguas (BOE, 24-7-2001) prioriza o abastecemento das poboacións, os regadíos e os usos agrarios fronte aos usos industriais para a produción de enerxía eléctrica.  
Hipotecados os ríos Lérez e Castro, a submisión aos intereses das hidroléctricas empurraron a autoridade a escarallar agora o río do Seixo. Desbarate de cartos públicos e política de terra queimada.

.
.
.

No hay comentarios: