11/9/15

CAPITÁN GOSENDE DESCOBRE UN PETRÓGLIFO EN VILARCHÁN (QUIREZA)

.
.
.
.
.
.

O domingo 30 de agosto o colectivo Capitán Gosende deu cun novo petróglifo a medio camiño entre as aldeas de Vilarchán e Fondós (parroquia de Quireza), no lugar coñecido por As Mámoas.
O gravado rupestre (coordenadas: X: 545.717; Y: 4.711.502) localízase a uns 50 m da estrada PO-7102, dirección Vilarchán, agochado no seo dun eucaliptar que, canda a matogueira, cobre un outeiriño que acada os 381 m de altitude. Para a súa descuberta, contamos coa axuda de Carlos Valiñas, ilustre veciño de Vilarchán, que nos guiou até o cotarelo na procura de vestixios megalíticos.  
O “petróglifo de Vilarchán” ou “petróglifo das Mámoas” (sobre filloas, mel) áchase a uns 600 m ao sueste do depósito arqueolóxico do Castriño, en cuxas proximidades se atopou un muíño barquiforme (léase Faro de Vigo, 22-4-2012); a uns 900 m ao sueste do gravado rupestre de Fondós (descuberto por Capitán Gosende hai unhas semanas (léase Faro de Vigo, 11-8-2015); a 1 km ao nordés do xacigo tumulario de Mamoalba, e a perto de 2 km ao noroeste da cimeira de Castrodiz (631 m). Ben seguro, dada a súa orientación, o artista prehistórico tallou a inscultura fitando o pico de Castrodiz, o horizonte montañoso no que raia o amencer.
A zona denominada As Mámoas é unha pequena prominencia rochosa cuberta na súa meirande parte pola vexetación: arboredo e monte baixo. Descoñecemos o paradoiro das medoñas, mais, na lomba de levante, faise visíbel unha lousada duns 40 m2 de superficie (pedra de gran groso) que, malia os efectos da erosión e do labor extractivo, aínda conserva unha mostra da simboloxía ritual dos “cerdedenses” de hai 4.000 anos.
O conxunto componse dunhas 13 coviñas de tamaños diversos. Contemplando o panel na dirección leste-oeste, apreciamos, no recanto superior dereito, dous círculos concéntricos con foquiña central e apéndice. No recanto inferior dereito, observamos outra coviña con apéndice, contida nun círculo.
Desculpen o meu arrouto de inmodestia, mais, cómpre facer balance. Na compaña do colectivo Capitán Gosende, quen escribe expresa o seu orgullo e contentura por descubrir, en Cerdedo, 15 gravados rupestres: o petróglifo da Cerqueira (Biduído-Cerdedo), os petróglifos do Monte de Baixo IV e V (Limeres-Cerdedo), o petróglifo da Laxa das Filloeiras (Pedre), o petróglifo da Laxa do Sangal (Cerdedo), o gravado (histórico) do muíño de Herdeiros de Baixo (Abelaíndo-Cerdedo), o petróglifo do Outeiro da Bichoca (Chamadoira-Cerdedo), o petróglifo do Outeiro de Riba (Buduído-Cerdedo), o petróglifo de Carballás (Cerdedo), o petróglifo do monte de Laxoso (Quireza), os petróglifos do Outeiro da Corva I e II (Pedre), o petróglifo da Porteliña (Tomonde), o petróglifo da Lomba de Castrodiz (Deán-Figueiroa) e, agardamos que non sexa o último, o petróglifo de Vilarchán (Quireza).
Polo que respecta ao concello da Estrada, sumen os petróglifos do Outeiro da Pena I, II e V (Sabucedo), que fan un total de 18 na miña conta persoal.
Pola súa banda, o colega Anjo Torres anotou no seu haber o petróglifo de Fondós (Quireza) e o petróglifo do Outeiro da Pena IV (Sabucedo) que elevan a 20 os gravados rupestres descubertos por Capitán Gosende naquel territorio. Como di o compañeiro Xoán Soto: “E coa cana pescando”.

Faro de Vigo-Terra de Montes (9-9-2015).

.
.
.

No hay comentarios: