.
.
.
.
.
O
domingo 12 de abril, o colectivo cerdedense Capitán Gosende descubriu, no monte
de Laxoso (Quireza), perto da estrada PO-7102, na cimeira dun outarelo (506 m)
situado á dereita do vial (dirección norte), un novo gravado rupestre. O
petróglifo, que non consta no catálogo de Patrimonio, localízase a uns 850 m,
ao sueste, da cimeira do Coto do Corvo (599 m).
Así mesmo, o petróglifo sitúase a
uns 235 m, ao sueste, dun depósito calcolítico, catalogado por Patrimonio como
“Asentamento ao ar libre Coto do Corvo 1”. Consonte a descrición de Patrimonio:
“Fragmentos de cerámica (14) e líticos (1). Un dos fragmentos ten decoración de
tradición campaniforme”.
No catálogo de Patrimonio tamén se
lle asignan á parroquia de Quireza o “Asentamento ao ar libre Coto do Corvo 2”,
a “Mámoa 1 do Coto do Corvo” e a “Mámoa 2 do Coto do Corvo”, malia que, segundo
os nosos cálculos, todos tres sitios se localizan na parroquia de Sabucedo (A
Estrada). Estes depósitos arqueolóxicos sitúanse a 160 m, 255 m e 265 m de distancia
do petróglifo, cara ao nordés. É tarefa pendente corrixir o capítulo
arqueolóxico do PXOM de Cerdedo (2014), xa que este documento os localiza aquén
das nosas fronteiras.
O novo achado foi bautizado,
provisionalmente, co nome de “Petróglifo do monte de Laxoso” (coordenadas.- X:
547.309; Y: 4.714.850). A laxa inscrita, que presenta signos de rotura ou
extracción, conserva un agrupamento incompleto de 6 coviñas e media. A meirande
acada os 12 cm de diámetro e a máis pequena, os 5 cm.
A carón do conxunto de coviñas, na
prominencia granítica que coroa o outarelo, cremos albiscar un motivo podomorfo
e un risco en forma de “u” ou ferradura (quizais, moderno).
Cómpre salientar tamén que, segundo
as coordenadas adxuntas, as catro mámoas que o PXOM de Cerdedo nomea “Marco do
Feal 1”, “Marco do Feal 2”, “Marco do Feal 3” e “Marco do Feal 4” non se atopan
na parroquia de Quireza (Cerdedo), senón na de Codeseda (A Estrada). Pola
contra, dúas mámoas, dun agrupamento de cinco, da zona Marco do Feal (no linde
das parroquias de Quireza e Codeseda, a uns 200-250 m ao sueste das anteriores
e a uns 250 m ao noroeste do cimo do Coto do Corvo), visitadas o pasado domingo
día 5 de abril, si se localizan en Cerdedo e non están consignadas en parte
ningunha.
Coa descuberta do petróglifo do Coto do Corvo, o
colectivo Capitán Gosende anota na súa conta o décimo cuarto gravado rupestre
(10 gravados, en Cerdedo) e e o patrimonio arqueolóxico cerdedense acada a
cifra de vinte e cinco petróglifos (tres, aínda sen localizar).
. .
.
No hay comentarios:
Publicar un comentario