29/3/15

CAPITÁN GOSENDE DESCOBRE SEIS CASTROS EN CERDEDO ( I )

.
.
.
.
Ortofotografía da Mouteira (esq.) e do castro das Cercas (der.), en Parada-Cerdedo.
.
.


O domingo 15 de marzo, aproveitando unhas raiolas de sol, espreguizamos a nugalla e achegámonos, de novo, ao lugar da Mouteira, na parroquia cerdedense de Parada. Coa visita á Mouteira puñámoslle o punto e seguido a unha serie de frutíferas xornadas arredor do patrimonio cerdedense da Idade do Ferro.
Hai días nos que a cabeza se nega a transmitirlles ás pernas aquilo que a propia cabeza ordena. Tras unha semana ateigada de traballo, o corpo demanda o acougo da sobremesa dominical, porén, en Capitán Gosende vai para tres anos que non nos damós unha tregua. Sarna con gusto non pica.
            O topónimo “Mouteira” é curioso abondo como para atraer a atención do camiñante inquedo. A voz “mouteira”, nos dicionarios de Rodríguez, Aguirre, Cuveiro, Valladares, Filgueira, Carré, Ibáñez e Franco, identifícase con “fito, estrema que fixa os límites entre dous terreos” (ídem, no Dicionario Xerais e mais no da Academia). Así mesmo, nos dicionarios de Otero, Carré e Rodríguez, engadése a acepción: “conxunto de árbores ou plantas da mesma especie que destacan do resto polo seu espesor ou pola súa altura”. Na estremeira parroquia forcareicense de Millerada, localízase o castro da Mouteira.
            “Mouteira” é un derivado de “mouta” (palabra de orixe prerromana). Os significados que os dicionarios lle atribúen a “mouta” son: “fito; matogueira; bosque denso; morea; toxeira...” ou “grupo de plantas que destacan pola altura, respecto das que están ao redor” (no Dicionario Xerais e mais no da Academia). En resumo, “mouta” e “mouteira” son palabras sinónimas. Na estremeira parroquia forcareicense de Castrelo, sitúase o castro da Mouta, sobre o que se construíu a Torre da Barciela, datada no século XV.
Nalgunhas zonas da Galiza, “mouta” é un equivalente semántico de “mámoa” (lat. mamula(m) “tetiña”). Unha mámoa (Dicionario Xerais) é un “túmulo propio do período megalítico galego, formado por un amoreamento de terra elevado sobre o terreo circundante, de planta circular ou oval, que no seu interior ten ou tivo unha tumba construída con grandes pedras, denominada anta ou dolmen”. Na zona, tamén se oe “mama”, “medorra” ou “modorra”.
En Cerdedo, “mouteira” emprégase para denominar unha pequena elevación do terreo (polo xeral, de orixe natural) que, ás veces, serve de deslinde. Por exemplo, nos predios ribeiráns da Pontemouteira, estreman os eidos de Meilide e Abelaíndo. Na zona, a forma deu nomes de lugar e, como adoita acontecer, tamén xerou un apelido (v.g.: Mouteira, en Meilide).
A mouteira de Parada, que saibamos, non derrega territorios e, aínda que, na actualidade, aquel outón está cuberto pola vexetación (árbores e matogueira), foi, en tempos, terreo cultivado (máis de vinte parceliñas). Xa que logo, o chamadeiro “A Mouteira” fai referencia á rechamante elevación do terreo (hoxe toldada polo arboredo) que acouta aquelas leiras polo sur. 
O casarío da Mouteira áchase, por estrada, a escasos 250 m da igrexa parroquial de Parada (San Pedro), no bordo da barranca do Lérez (marxe dereita) e a uns 600 m da ponte de Parada, pola antiga verea de arrieiros e peregrinos.
Xa na Mouteira, cómpre deixarse levar, primeiro cara ao leste, depois cara ao norte, por un camiño estreito que pon en comunicación a aldea coa, outrora, terra de labor. A uns 150 m do poboado, agochada baixo o mato e a fronde caducifolia, batemos coa prominencia que xustifica o topónimo. 
A primeira vista, desbótase a posibilidade de que aquela ondulación oblonga e curva (duns 70 m de longo) sexa un túmulo. Coa primeira inspección, deducimos que estabamos a camiñar por riba do parapeto perimetral da croa dun castro, soterrado pola secular acumulación de sedimentos (uns 2.000 anos de antigüidade). A senda que nos serviu de guía accede ao interior do recinto, interrompendo a elipse e arrodeando aquel espazo polo leste. O centro do recinto (altitude: 515 m) rexistra as coordenadas: X.-552.709; Y.-4.711.706. O espazo delimitado polo cerramento oval presenta as seguintes medidas: 85 m de longo x 60 m de largo, aproximadamente, uns 4.000 m2 de superficie.
O extraordinario daquela ondulación é a altura que acada polo exterior a sección sur: uns sete metros! Coidamos que a estrutura defensiva vai gañando altura de norte a sur, para gardar con solvencia a lomba máis accesíbel e desprotexida. Cara ao norte (fondeira do regueiro de Framil) e leste (fondeira do río Lérez), o pronunciado desnivel (uns 50 m) serviu de barreira natural. Nestas zonas, o vestixio valadar faise imperceptíbel. O casar da Mouteira edificouse enriba da aba sur do castro da Mouteira ou no antecastro.
Capitán Gosende pon en coñecemento da autoridade a existencia deste sitio arqueolóxico. O castro da Mouteira non figura no catálogo de Patrimonio e tampouco non, no PXOM de Cerdedo.
Cara ao leste, na outra beira do Lérez, áchase a croa en media lúa do impoñente castro das Cercas, localizado nun contraforte que se ergue entre dúas correntes fluviais. A citania das Cercas, aínda en terras de Parada, establece a derrega coa parroquia de Folgoso. En liña recta, dende o coto da Mouteira (515 m) deica o coto das Cercas (504 m), hai unha distancia de 478 m, coa valgada do Lérez polo medio.
Continuará...

Faro de Vigo-Terra de Montes (29-3-2015)
.
.
.

No hay comentarios: