.
.
.
Aldea de Cavenca (Cerdedo)
. .
.
Campaíña litúrxica (séc. XVI)
. .
.
Pía bautismal da capela do San Salvador (en paradoiro descoñecido)
..
Pola banda da primoxenitura, Alonso de Gosende e Quinteiro
casará con María Núñez, tendo, entre outros, a Alonso de Gosende e Núñez
(bisavó de Sarmiento e 4º Capitán Gosende). Alonso de Gosende e Núñez casará
con María Lourenzo, enxendrando, entre outros, a María de Gosende e Lourenzo
(avoa de Sarmiento). María de Gosende casará con Alonso García de Ceraxe,
natural de Augasantas (descendente de Pedro Madruga ou, seguindo a tese de
Philippot, de Cristovo Colón), tendo, entre outros, a Alonso García de Ceraxe
Gosende e Lourenzo (pai do Padre Sarmento). Alonso García de Ceraxe casará con
Clara de Balboa e Sarmento, natural de Samos. O seu cuarto fillo, Pedro Xosé
García de Ceraxe Balboa e Sarmento (o Padre Sarmento), virá ao mundo no pazo
das Raposeiras o 9 de marzo de 1695. En ausencia de documentos que certifiquen
a súa nacenza en Vilafranca do Bierzo, acollémonos ás evidencias do profesor
Santos Puerto (“Martín Sarmiento, natural de San Juan de Cerdedo”, Sarmiento. Anuario Galego de Historia da
Educación, 2008).
Tras a fronde xenealóxica, albiscamos de
novo a aldea de Cavenca. Cavenca (a semellanza de “caivanca”, “cavianca” ou
“covanca”) é un orotopónimo derivado do latín cavus “oco, depresión” (débese, daquela, grafar con uve). O
chamadeiro salienta o pronunciado desnivel do terreo: lombas montesas,
cinguidas no fondal pola reconca do río do Seixo. Resultado dun arduo labor de
achanzamento, a humanidade alí instalada foille gañando a batalla á orografía
e, daquel cavorco, fixo hóspito relanzo. Cavenca é un topónimo escaso. No
ámbito portugalego, só se rexistran catro lugares con esta denominación: un, en
terras galegas (o noso) e tres, en terras de Portugal (Monçao e Viana do
Castelo).
Na capeliña, hoxe alleada do antigo pazo,
venérase unha imaxe do Salvador, padroeiro do lugar (óese: san Salvador).
Cómpre advertir que o Salvador de Cavenca non é o san Salvador de Horta, o
milagreiro frade franciscano, nado en 1520 en Santa Coloma de Farnés (Girona),
senón un dos heterónimos de Cristo, o Salvador. Con certeza, amais da Virxe do
Rosario, os Gosende tamén se encomendaron ao fillo do deus cristián para
escorrentar da Galiza os corsarios da “pérfida Albión”.
A talla orixinal do Salvador perdeuse
comesta pola traza. A actual, pequeneira e de cores rechamantes, semella Fu
Manchú, o personaxe creado por Sax Rohmer. O Salvador de inverno festéxase o 3º
domingo de xaneiro, o de verán, o 6 de agosto. As imaxes do Padre Eterno e da
santa Rosa son coetáneas á fundación do templo.
A capela de Cavenca foi reformada no
principiar do século XVIII. O canteiro ao que lle encomendou a obra labrou na
parede sur sinatura e data: “Ano de 1710. Juan d’Arén”. Na remodelación,
integrouse nalgún dos muros unha ara votiva na honra dos Lares Viales (deidades
indíxenas dos camiños) que, con anterioridade e a xuízo de Bouza Brei (1939),
servira de soporte ao altar maior.
Ao respecto do altar pagán, a
antigüidade e relevancia da verea que atravesa o lugar de Cavenca xa fora
salientada no Inventario xeral da
freguesía de Cerdedo (2002), baseándome na lectura de Los caminos medievales de Galicia (Ferreira Priegue, E., 1988): La Tierra de Montes [...] De Pontevedra a la tierra de Orcellón. El
camino salía de Pontevedra por Moldes, Mourente y Pazo, de donde partía una
desviación a Xeve cruzando el Lérez en Ponte Bora, y seguía por Couto, Calvelo
y Cal, llegando a S. Pedro de Tenorio, donde hubo un castillo. Reconstruyendo
el itinerario a partir del camino real, podemos afirmar que pasaba por Santiago
de Viascón, seguía a S. Jorge de Sacos, Dorna, Pedre, donde hay un hermoso
puente de piedra que puede muy bien ser medieval, Vichocuntín, Cerdedo,
Meilide, Carballás, S. Miguel de Presqueira...
É dicir, dende Cerdedo pola
Torrente abaixo deica a ponte de Santo Antonio. Dende alí até Cavenca,
atravesando o lugar da Revolta. Dende Cavenca a Meilide polo camiño do Rapenlo
abaixo, e polo camiño dos Portamuíños arriba até o poboado das Raposeiras.
Dende As Raposeiras até o Campo pola costa do Ladrillo. Dende o Campo até
Portocelos. Á altura da vella forxa, até o alto do monte pola costa de
Carballás.
A capela suma ao seu tesouro unha campaíña
litúrxica de bronce fundido (dim.: 10’5 cm x 6’8 cm) e vaso decorado, en cuxo pé
se le a inscrición: “Me fecit Iohannes Afine Aº 1554” (“Fíxome Xoán Afine, no
ano 1554”). Tanxíase no intre en que, previo á comuñón, o crego procedía á
elevación da hostia. O pobo denomina este ritual “tocar a santos”.
Xoán Afine é o alcume do artesán flamengo
Joannes van den Eynde que posuía obradoiro na cidade belga de Malinas
(campaíñas de Malinas (Mechelen)). Naquela altura, os Países Baixos estaban
baixo o dominio da coroa española. Pezas semellantes (e do mesmo fundidor)
podémolas admirar no Museo Provincial de Lugo, no Museo de las Ferias (Medina
del Campo-Valladolid), no Museo Santa Clara (Zafra-Badaxoz), no Museo da
Catedral de Compostela (consérvanse dúas, unha moi semellante á de Cavenca)...
A sineta considérase contemporánea á
fundación da capela (Gran Enciclopedia
Gallega, 1974). Pode ser, xa que, consonte lemos na web do Museo de las
Ferias: El éxito del modelo es
indiscutible y prueba de ello es que, a partir de ejemplares importados, se
realizaron moldes con los que obtener copias absolutamente idénticas.
Daquela, a data “1554” pode ser a do modelo orixinal.
Enfrascados no inventario patrimonial de
Cavenca, non debemos esquecer unha pía de rudeza prerrománica (dim.: 1m x 88
cm) que, identificada como a bautismal da capela (Bouza Brei, 1939), permaneceu
durante décadas ao pé do camiño. Escachada por un tractor, hoxe atópase en
paradoiro descoñecido. Sen desmerecer a capela do Grande Hospital Real e
conforme a tradición, coa auga bieita da pía extraviada déuselle á pequecha o
nome de María Rosalía Rita.
Do pazo de Cavenca, reconvertido supostamente
en casa reitoral, retiráronse dúas “copas da quina”, recipientes confeccionados
coa madeira deste vexetal menciñeiro (Cinchona
officinalis). A quina é un medicamento febrífugo, tónico e antiséptico. As
copas da quina (ou cando menos, a madeira), vindas de exóticas terras (do
Brasil amazónico), seica eran propiedade do crego Xosé Martínez Vioxo,
proxenitor de Rosalía e, asemade, reitor de Cavenca. O abade mandáraas vir de
alén mar para aliviar os seus males. Ao parecer, home xeneroso, tamén llelas
emprestaba a fregueses e veciños cando as precisaban. Para que obrasen remedio,
cumpría enchelas de auga. Ao pouco, o líquido impregnábase das virtudes do seu
receptáculo e estaba listo para ser inxerido.
Así mesmo, e para rematar, o pobo asegura
que a nena Rosalía usou a campaíña de Cavenca como axóuxere, o primeiro xoguete
dunha cativa “de padres incógnitos” que acabaría pondo a lingua galega e a
Galiza no cume da literatura universal.
Todas as lendas son bípedes e adoitan
asentar un dos seus esteos no xabre da realidade. Se eu lles dixese que no
inverno de 1986 a berlina blindada da familia real española accedeu en
reiteradas ocasións ao rueiro de Cavenca, creríanmo? Pois, asegúrolles que foi
verdade, aínda que esta é outra historia.
Que o concello de Cerdedo segue
gobernado polo partido da Gürtel tampouco é conto.
Faro
de Vigo-Terra de Montes (22-3-2015).
.
.
.
No hay comentarios:
Publicar un comentario