.
.
.
.
.
.
.
.
O prometido é débeda e,
así que houbo oportunidade, a tropa dos Gosende (as malas linguas de Cerdedo seica
se refiren a nós como “la pandillita”) desprazámonos de novo á fronteira sur do
concello da Estrada, parroquia de Sabucedo, para continuar o labor de
localización e rexistro dos gravados rupestres existentes naquela valgada que, orientada
cara ao sudoeste, acocha a nacenza do río de Quireza. Onde haxa “pandillitas”,
gárdense os “golfos apandadores”.
Nesta
ocasión, o grupo de exploradores emerxentes estaba composto por Ana Santiso,
Anjo Torres, Xoán Soto, Nacho Grande, Pedro Peón, Manuel Vidal e quen asina
esta crónica.
A xornada do domingo 21 trouxo ceos limpos e temperatura
agradábel, tendo en conta a altura do ano na que nos atopamos. A ausencia de
nubes, malia cadrar co día máis curto do ano, deunos marxe para cubrir un bo
anaco de monte. O solsticio de inverno colleunos a pé de obra. Para a nosa
angueira, gañar o favor dos deuses esixe someterse a unha sesión semanal de
acupuntura (no noso argot, “toxing”) e aproar a intemperie con resignación. Caía
a tarde en Sabucedo e no Hemisferio Sur principiaba o verán.
Bateuse unha superficie de terreo dunhas 15 hectáreas
aprox., afástandonos até os 400 m do monolito conmemorativo, fincado á beira da
estrada EP-7001. Lomba abaixo, desbotamos os soportes filonianos, para centrar
a nosa atención nas prominencias graníticas.
A luz de poñente, emitida por un sol instalado na súa
máxima declinación sur respecto ao Ecuador terrestre (-23º 27’), era propicia
para desenvolver a misión que nos tiñamos encomendado, porén, pasaban as horas
e non se obtiñan os froitos desexados. En palabras dos vellos, “en decembro o
sol non sae de detrás do outeiro”. Non desesperemos, axiña mudará a situación e
un sol rexurdido, pouquiño e pouco, irá arruñando as poleiras do ceo. En
xaneiro unha hora por enteiro.
Dende a
máis remota antigüidade, a humanidade celebra o renacemento do sol, o
espernexar do Sol-Neno. No ano 321, imperando Constantino I, Roma adopta o
cristianismo como relixión oficial, facendo cadrar a efeméride do Sol Invictus,
o 25 de decembro (no remate das festas da Saturnalia), coa data do nacemento de
Cristo (resonancias mitraicas). Ave Sol Invictus! É tempo de varrer as lareiras
e acender no fogar o lume novo de Nadal. En Cerdedo, é tempo do Xan Fiz.
Tornemos ao rego. Aínda que as tarefas de busca nos
obrigaban a non afastar a vista do chan (tamén, o natural esgrevio daquela
caivanca), era imposíbel resistirse á contemplación do espectáculo do solpor. O
devalo do astro rei tinguiu de laranxa o horizonte. Non todo ía ser perfecto, a
ausencia de vento permitía que a fumarola da pestífera Celulosa asomase por
detrás do monte Cádavo (no deslinde dos concellos da Estrada, Moraña e Campo
Lameiro).
Ao pouco de se ocultar o sol, o planeta Venus fíxose co
protagonismo da escena celeste, iluminando coa súa inxel candeeira a nosa
trafega: “Aluméame, alumea, estreliña da fortuna; aluméame, alumea, mentres que
non sae a lúa”. Non hai cartos que paguen o espectáculo da natureza. Ímolo
dicir en voz baixa, non vaia ser que ao Goberno se lle dea por privatizar o seu
desfrute (pay per view).
Cando estabamos a piques de claudicar (situación insoportábel
para calquera Gosende), co equipo esparexido, aquí e acolá, polo monte, o
compañeiro Anjo Torres, do clan dos Cortizo de Carballás, reclamou a nosa
atención, berrando e abaneando os brazos en sinal de triúnfo. Que chova, que
vente, Capitán Gosende!
Como ben nos indicara Carlos Filloi, o noso amábel informante,
o gravado rupestre ocupaba a face superior dun bolo granítico. A rocha
escolleita para a talla sitúase a 635 m de altitude, mide uns 10 m de lonxitude
e presenta unha orientación NO-SE (coordenadas: X-549.251; Y-4.715.922),
afastada uns 400 m do monolito, dirección sudoeste.
O petróglifo componse de 19 coviñas, case impercetíbeis
por mor da erosión e o lique. Xacando, a face norte do penedo padeceu
extracción, posto que o bordo presenta a trabada implacábel das cuñas de
canteiro. Cecais, o conxunto que chegou a nós é só unha parte do panel
orixinal. O emprego daquela encosta como canteira evidénciase na meirande parte
dos seus afloramentos. En calquera caso, felicitámonos polo éxito. O novo
achado bautizouse co nome provisional de “petróglifo do Outeiro da Pena II”.
Non acaba aquí o conto. O luscofusco concedeunos unha
prórroga que empregamos na inspección do resto da pedra. Non tardei en atopar,
a uns 7 m do panel norte e a un nivel inferior, un segundo agrupamento de
coviñas (9 elementos) que presentaban características semellantes ás
anteriores. Bautizamos este gravado co nome de “petróglifo do Outeiro da Pena
III”.
Moito nos chama a atención a arte rupestre. Eu sinto
especial predilección pola abstracta. A atracción pode achar xustificante no
misterio da súa motivación. Que pretendeu representar o artista prehistórico? É
complexo pórse na cabeza dun ser humano de hai 4.000 anos. Quixo, talvez,
debuxar constelacións, as súas constelacións? Foi acaso a viaxe oscilante do
sol a que o inspirou?
A noite atrapounos no medio do monte. Cumpría, por
seguridade, emprender o camiño de retorno, mais, o ceo nocturno, ateigado de
coviñas escintilantes, demorou a nosa marcha: o Carro ou Setestrelo, o Carriño
(coa estrela Polar na cabezalla), as Pléiades (a galiña dos pitos de ouro), Orión
(onde sobrancea a magnífica Betelgeuse), a uve dobre de Casiopea, os xemeos
Cástor e Pólux...
A infinitude do universo, a cativeza do individuo. Se os
deuses escribiron no lenzo da noite a súa mensaxe estrelecida, o ser humano primitivo
escolleu a pedra como soporte perdurábel. Só a súa preservación e a súa respectuosa
divulgación nos poden facer merecentes deste extraordinario legado.
Os veciños de Sabucedo teñen, arestora, ao seu dispor
tres novos gravados rupestres. Volvo citar o pobo: “Saber das cousas de mérito
pra ter que lles ensinar aos que veñen de fóra”. É dicir, se nós non valoramos
o noso, xamais o poderemos rendibilizar, por exemplo, como atractivo turístico.
En Cerdedo, levamos vinte anos sementando en terra erma. Confiemos na
sensibilidade da xente de Sabucedo.
A
proximidade á estrada EP-7001 (o “petróglifo do Outeiro da Pena I” atópase a 30
m do vial, os gravados do Outeiro da Pena II e III, a 300 m) debera facilitar
tanto a súa conservación como a súa visita (tamén, a súa vulneración).
Agardamos que os donos do monte se erixan en dignos custodios da herdanza común
e non releen a roza da matogueira que empece o acceso aos depósitos
arqueolóxicos nin a colocación de senllos cartaces informativos. Capitán
Gosende engade dous petróglifos máis na súa conta (e van once) e amplía o seu
campo de acción.
.
.
.
No hay comentarios:
Publicar un comentario