4/1/15

DE CERDEDO AO CEO ( I ) - (Faro de Vigo, 4-1-2015)

.
.
.
.
Frontispicio dun panteón de Folgoso
.
.

Os días 26, 27 e 28, tentando recompor o organismo dos excesos gastronómicos do Nadal (ansia de vivos), os Gosende, metidos a funerarios, percorremos de vagar os oito cemiterios de Cerdedo, un por cadansúa parroquia: “De bos xantares e mellores ceas están as sepulturas cheas”.
A nosa súbita necrofilia non respondía a unha inconfesa perversión. Semanas atrás, acordaramos facer inventario das singularidades do patrimonio mortuorio da zona (arquitectura, escultura...) e, así mesmo, levar detalle do anecdótico, do curioso, do rechamante. A bonanza meteorolóxica favoreceu o desenvolvemento da nosa misión.
O venres, ben cediño, puxemos o pé en Cerdedo. Sorbiamos a segunda xícara de café cando o sol, preguiceiro, abriu de par en par as contras do Seixo. A xornada viña fresqueira, mais, non demoramos botarnos ao camiño. Escollemos, para comezar, o cemiterio parroquial de Santa María de Folgoso.
O conxunto de Folgoso atópase afastado das aldeas. A igrexa, do século XVII, construíuse sobre un depósito arqueolóxico de época romana. O edificio, duns 28 m de lonxitude, está orientado a poñente. Espadana de dous vans sostida por arcobotantes. Na explanada costaneira que antecede o sagrado, fomos recibidos polo aloumiño dun cruceiro con pousadoiro e as labazadas do feísmo conxénito: un ruinoso palco da música ferindo a perspectiva, un colector do lixo e o panel de anuncios do Concello no que, entre outros avisos, se advirte da existencia dun plan local de fomento do empadroamento (“Máis en Cerdedo”). Unha lectura apresurada fíxonos interpretar que a autoridade apostaba agora polo cultivo do millo. Un corvo riunos o chiste.  
Da cancela para dentro, no terceiro panteón da esquerda, atraeu a nosa atención unha peza do xadrez (o rei negro), apegada enriba do nicho de F. M. L. M., mozo falecido en 2001 aos 25 anos de idade. Á altura do templo, pola esquerda, un frontón adórnase cos Arma Christi, os instrumentos da Paixón: o Santo Graal, as cordas, a lanza de Lonxinos, a cana coa esponxa, o martelo, os tres cravos, a escada, as tenaces... No frontón contiguo, unha figura encarapuchada porta o prodixioso cálice.
A portada do santuario está presidida pola imaxe da Virxe. No adro, a superficie lousada limítase, hoxe, a un cadrado que antecede a porta grande. A par da soleira, xace unha lápida senlleira, coa inscrición tallada en mármore branco (ano 1906).
Pola banda da dereita, na cornixa do segundo panteón, propiedade da familia Castro-Matelo, érguese un anxo da morte. No terceiro panteón, observamos un mediorrelevo representando dúas mulleres reclinadas, unha en actitude mostreira. O panteón dos Cortizo enféitase cun cadaleito. O caixón pousa nun banco por diante dun frontispicio semicircular. A seguir, dous anxos terman dun tondo lampo e dúas Marías, axeonlladas, oran diante do Santo Sepulcro. Á altura da igrexa, outros dous frontispicios, de traza arcaizante, mostran en posición central senllas figuras femininas cos brazos ergueitos. Nun deles, agroman equidistantes dúas facianas. Epitafios dos anos 20. Profusión de rosáceas hexapétalas.
Contrariounos a destrución sistemática dos remates daquelas tumbas. Ben seguro, delirio vandálico. Botamos en falla unhas quince cruces. Dúas imaxes aturan resignadas o seu descabezamento.
No chan, ao pé da igrexa, aconchegouse unha lápida adobiada cunha cruz, caveira e dúas tibias. Na herbeira do adro sobrancean outras dúas lápidas.
No cabo do cemiterio, sempre pola dereita, érguese maxestoso o panteón propiedade de Xosé Taboada Mouteira (ano de 1908, a data lexíbel máis antiga). Estrutura exenta, moi semellante ao mausoleo dos Peleteiro de Cerdedo, obra do mestre Ignacio Cerviño. Coróase cun retorto baldaquino que sostén un anxo da morte e gorece unha imaxe encol dun ataúde. Contamos outras catro imaxes, unha en cada canto: a morte ceifeira, un anxo trompeteiro, a efixie dun condenado exhibindo unha diabólica carauta e unha santa mártir: “Beati mortui qui in domino moriuntur”. Na base, dous brazos danse as mans. Un farol de pé (da iluminación pública), fincado fronte ao panteón, dificulta a visión do moimento. O contador da luz afea a parede sur da igrexa.
Dous panteóns engadíronse ao recinto primixenio. Nun deles, labrouse unha Piedade.
A seguir, desprazámonos ao cemiterio de San Pedro de Parada. A necrópole fica arredada dos poboados. Recibiunos, asoballado polo asfalto, un cruceiro-rotonda. A escultura dotouse de pousadoiro. No muro que choe o recinto, pola parte de fóra, sobresae un pequeno sentadoiro. A igrexa (século XVIII), orientada a poñente, alza unha espadana de dous corpos e tres vans na que se aloxan dúas campás. O edificio ten uns 18 m de lonxitude.
Aínda por fóra, á dereita da cancela, volvemos atopar o panel de anuncios do Concello, teimando en van no da campaña de empadroamento e, á súa dereita, un colector do lixo co autocolante publicitario “Gutterkel. Canalón de alumnio”.
Accedemos ao adro. Á dereita, a rente do chan, as lápidas fíxanse ao muro de cerramento: “La niña M. L. L. G. subió al cielo a los 5 años de edad el 24-julio-1947. Rdo. de sus padres”. Na tumba de J. B. S. atopamos a data lexíbel máis antiga (ano 1923). Por fóra do muro, un apéndice do espazo sagrado acóutase con catro follas de pedra. O adro, encampecido, semioculta unha chea de lápidas que, nalgún caso, reproducen a forma dos cadaleitos doutrora (a diferenza do féretro, o ataúde adoita ser hexagonal). Contamos tres panteóns exentos, compostos por unha soa fileira de nichos (2 nichos e oseira); semellan hórreos. O contador da electricidade aldraxa a parede posterior do edificio. Sobre o valo perimetral, pousáronse dous cachotes de seixo branco.
Pola banda esquerda, un panteón encalado adobíase con dous cus de botella. No vidro de cor verde, lese: “Pedro Domecq-Jerez”. No cemento desposuído de cal, incrustáronse pedriñas de seixo. Os panteóns de nova feitura viron incrementadas as medidas do fondo, constatando o aumento do talle medio da poboación.
Abandonamos Parada para achegármonos á parroquial de Santa Mariña de Tomonde. O igrexario, upado na encosta, fita de lonxe o poboado. A ambos os dous lados da cancela, batemos cos infames bancos de pedra que a autoridade espallou por todo o territorio. Mercados por lote, deberon saír tan baratos coma eslamiados. O cruceiro, dotado de pousadoiro, sitúase hoxe fóra de contexto.
O templo, orientado a poñente, é de orixe románica (séc. XII). A última reforma data de 1940. Edificio duns 19 m de lonxitude. Enriba do lintel da porta consérvase un cachote da fábrica orixinal con inscrición en latín: “Esta igrexa foi fundada polo presbítero Pedro, chamado O Calvo polo pobo. Era 1217 (ano 1179)”. Reloxo en hora. Campanario de dous corpos. O superior, octogonal. No corpo inferior, alóxase unha campá. Na aba esquerda do tellado sobresae un pequeno alboio (chambonada) que dá acceso á torre dos sinos.
Cemiterio organizado en varias alturas con escalinata central e lateral. No corredor da dereita, froito dunha moderna ampliación, o chan cubriuse con lousa de cemento. Neste anexo, atopamos o nicho do crego Antonio Rodríguez Fraiz, cronista de Terra de Montes. A inscrición, xaora, na nosa lingua: “Aquí, nesta Terra de Montes, á que tanto amou e serviu, xacen os restos mortais do Rvdo. D. Antonio R. F. que finou sendo abade de S. Pedro de Campañó -Pontevedra- o día 8-VI-1995 ós 82 anos. A súa familia gardarao sempre na súa lembranza”. Por riba do nicho de Fraiz, lemos outro epitafio en galego: “Herminda Lois Leiro finou o 27-6-2007 ós 88 anos. D.E.P. Nai e avoa exemplar”.
Facendo a transición entre o primeiro e o segundo nivel, dezanove panteóns (9 á esquerda da escalinata e 10 á dereita) reproducen o mesmo esquema construtivo: vertical de tres nichos baixo arco de medio punto cunha cruz por remate.
O adro lástrase con tumbas terreiras, acadando a metade do recinto. Reparamos nas numerosas lápidas de anxos e nenos, moi antigas. A súa visión devólvenos o arrepío da pandemia gripal do ano 18. Nun panteón, á esquerda da igrexa, atopamos outras tres inscricións en galego: “Lola Rodríguez Fraiz morreu o 19 do mes dos Santos 1988 en Campañó ós 73 anos. Santa Mariña sexa a súa compañeira no ceo como o é eiquí en Tomonde. D.E.P. Lembranza dos seus irmáns Antonio A. de Campañó e Paco, cuñadas e sobriños”. Arriba: “Q.E.P.D. Lisardo Rodríguez Fraiz *7-XII-1917 †9-IV-1960. Lembranza da súa dona e fillos”. E na capela do panteón: “Lembranza de dona Dosinda Fraiz Xil *6-X-1887 †12-I-1981. D.E.P.”. A familia Rodríguez Fraiz profesando amor polo noso até na sepultura.
Á esquerda da igrexa, gravouse nunha lápida do chan un risco en forma de man canda dúas rosáceas. O gravado representa a man dereita dunha persoa adulta. Abundan as lápidas con forma de atáude.
O cerramento orixinal sostén seis cruces dun incompleto viacrucis (botamos en falla nove elementos). O muro, á esquerda da igrexa, desapareceu cando se construíron os panteóns, que datan, os máis vellos, da década dos corenta. O contador da luz volve aparecer na parede posterior do templo. O cemiterio de Tomonde abre vinte e oito nichos cara a estrada de acceso á aldea. Á dereita do templo, integrando o muro, reaproveitáronse molduras que deberon formar parte de antigos panteóns ou da propia igrexa.
O terceiro panteón, á dereita do edificio, non culmina a súa estrutura cunha cruz, senón cun adobío en forma de rombo (simboloxía masónica?). Nos moimentos máis vedraños a rosácea de seis pétalos é adobío recorrente. Noutras tumbas labrouse unha caveira na cabeceira e as tibias aos pés. Nalgunhas inscricións dos nichos, a estrela acompaña a data de nacemento e a cruz, a da morte.
En Tomonde, a efectos de empadroamento, o enderezo postal do cemiterio leva o número 13. Non somos nada.
.
.
.

No hay comentarios: