.
.
.
.
Pelota de fútbol dos anos vinte
. .
A historia do balompé
local asóciase indiscutibelmente ao topónimo “Sangal”. O Sangal é o nome do
monte comunal de Cerdedo e, asemade, a denominación de dous campos de fútbol
que, en épocas sucesivas e localizacións diferentes, existiron no concello.
No Sangal vello (despois, Novo Sangal), lomba achaiada á
beira da estrada de Ourense, batéronse heroicamente as dúas escuadras
cerdedenses: o Cerdedo F. C. e o FV, rebautizado após co nome de San Xoán C. F.
O Cerdedo F. C. fundouse alá polo ano 1926. De aínda
existir, o club cerdedense estaría a piques de cumprir 90 anos. Por facer a
comparanza, o Deportivo da Coruña constituíuse no ano 1906, o Celta de Vigo, en
1923 e o Pontevedra C. F. comezou a súa andaina no ano 1941.
Na páxina 7 do semanario El Heraldo Gallego (Órgano de las colectividades gallegas en El
Plata), editado en Bos Aires o 9 de maio de 1926, lemos a noticia fundacional: En reunión celebrada uno de estos días por
un grupo de entusiastas del football, se acordó la formación de un modesto
equipo con el título de Cerdedo F. C., habiéndose nombrado la siguiente
directiva: Presidente, don Antonio Sanmartín; secretario, don Francisco Varela
Garrido; tesorero, don Francisco Bouzas Varela; vocal primero, don Gervasio
Bugallo y segundo, don Francisco González. Nuestra enhorabuena a todos.
A seguir, faise enumeración dos primeiros benefactores: Con objeto de concluir las obras de nuestro
campo del Sangal se ha abierto entre los aficionados al deporte y amantes del
desarrollo del pueblo una suscripción que será cubierta con éxito en muy pocos
días.
He aquí la lista de los donantes
hasta ahora: Doña Carmen Díaz Gutiérrez, 25 pesetas; don Gervasio Bugallo, 25;
don Francisco Varela Buela, 15; don Francisco Bouzas Varela, 10; don Antonio
Vidal, 5; don Benigno Sanmartín, 5. Suma y sigue, 100 pesetas.
Consonte a listaxe de adhesións, represores e
represaliados unían esforzos en prol do ilusionante proxecto deportivo, dez
anos antes do fatídico verán do 36.
Ao respecto do acrónimo FV (O Efeúve), uns afirman ser as
iniciais de Figueiroa-Vilar, dúas aldeas da parroquia de San Martiño, posto que,
ao parecer, os veciños destes lugares integraban maioritariamente o cadro de
xogadores. Outros, que as siglas correspondían ao seu patrocinador, a Funeraria
Vidal, empresa vencellada co restaurante “O Meu Lar”. De feito, grazas ao
patrocinio d’O Meu Lar, o equipo lucía indumentaria completa (servizo de
lavandaría incluído) e mais rolda de espirituosos para correr, cando menos o
frío, nos xélidos domingos invernais.
Na década dos oitenta, militei, canda a rapazada de
Meilide, no San Xoán de Cerdedo e as miñas pernas probaron en máis dunha
ocasión a contundencia da liga de Terra de Montes e o xabre afochancado do
Sangal.
As consignas recibidas durante o quentamento eran poucas
e concisas: “Pelotazo arriba para que empalme Feroz”, “Pode pasar o balón pero non o xoghador” e “A patada máis
baixa no ceo da boca”. Naqueles combates sen cuartel, esfurricaría o mesmo
Espartaco.
A decadencia do concello, irreversíbel a todas luces,
concretouse na mingua demográfica e o conseguinte avellentamento da poboación.
Ao pouco, xa non quedaban voluntarios que, en número de once, quixesen vestir
de curto. En Cerdedo, o deporte contaxiouse da atonía xeral e daquelas tardes
de gloria apenas dan testemuño unhas poucas fotografías.
Pasaron os anos. Mentres o concello de Forcarei, tan mal
comunicado coma o noso, espelía o enxeño e ía fiando o seu tecido empresarial,
Cerdedo esmorecía sen dar enliñado a agulla.
A necesidade obrigou a transformar as abandonadas
instalacións deportivas nun predio industrializábel á espera de ocupantes. O
proceso non requiriu grandes investimentos, pois, cando menos, o terreo xa
estaba achandado.
A autoridade engaiolou os comuneiros de Cerdedo. Os
30.000 m2 do Sangal eran unha regalía, un océano de posibilidades,
centos de postos de traballo, a luz ao final do túnel. Barallábanse unha
enchente de presolicitudes: unha cementeira, unha cristaleira, unha empresa de
equipamentos, unha térmica de biomasa... Mesmo se lle fixeron as beiras á
Celulosa.
En 2004, co apoio unánime da asemblea comunal, o Concello
obtivo luz verde para expropiar aquel terreo por un “prezo simbólico” (cero
euros!!). A guiadiña comunidade de montes permitía que a cegueira privatizadora
lle ripase, a cambio de nada, unha boa porción do seu monte: o monte dos
veciños de Cerdedo, dos de antes, dos de agora e, sobre todo, dos do futuro.
Non demorou o Concello en pasar aos cartos o agasallo dos
dadivosos comuneiros. Por fin, en 2006, unha empresa fixo firme propósito de
recalar en Cerdedo. Segundo nos fixo saber o actual presidente dos comuneiros,
a irreflexiva autoridade vendeulle ao afortunado postor aquela tenza
recén-expropiada por pouco máis de 500.000 euros (en 2006, falábase de 48
euros/m2; bótense contas). O comprador, érache boa!, prometeu
progreso, riqueza, unha chea de postos de traballo... (Prometer, prometer ata
meter...). En maio de 2007, un cura bendiciu o flamante complexo fabril.
Privouse a autoridade en funcións da foto inaugural por non influír no
resultado das eleccións. Xa ven, unha democracia modélica.
En
Cerdedo nunca pasa nada e, xa que logo, pasa de todo, e pouco bo. A día de
hoxe, cóntanse cos dedos dunha man os cerdedenses vinculados laboralmente co
polígono industrial. Algo semellante aconteceu co parque eólico do Seixo. Seica,
a día de hoxe, a empresa aínda lle debe ao Concello (non aos comuneiros) uns
200.000 euros daquela operación á desesperada. A día de hoxe, outra empresa
medrou dacabalo da primeira para acabar tributando en terra allea. E todos,
mesmo a inoperante oposición, a mirar para outro lado.
E logo,
non sería máis intelixente ter negociado unha concesión da parcela, aínda que
fose de balde, sen perder nunca a propiedade? Non sería máis rendíbel ter a
tixola polo rabo para esixir novas contrapartidas de acontecer calquera muda
nas condicións pactadas? Isto lémbrame unha coñecida copla que cantaban os
canteiros cerdedenses deslocados nos Pireneos. “Ferrocarril de Canfranc, por
quen andas ghobernado...”.
Por
engadirlle máis pementa a esta fabada, só faltaba que un cracker metese man nas
contas do Concello e marchase cos 200.000 euros... Ben, isto sería demasiado
adubo.
En
resumo, os comuneiros de Cerdedo, asesorados polo inimigo, desprendéronse de
30.000 m2 de monte para goce exclusivo do capital privado que agora,
aínda por riba, os ningunea. Non se pode concluír doutro xeito, aos estrategas
do Concello a operación saíulles redonda, cuspidiña a unha pelota. “En política
pódese facer de todo, agás o ridículo” (Tarradellas dixit).
As
miñas amizades perigosas fixéronme chegar o outro día o pasquín (a toda cor e
pésimo galego) das obras e milagres do Goberno local. Leo que, non satisfeitos
coa primera fazaña, xa están pensando en facer o propio con máis dun millón de
metros cadrados de monte, esta vez dos comunerios de Folgoso. Deus os pille
confesados.
A
fotonovela do Concello, que aínda dá para ler, inclúe as varandas da estrada de
Limeres, os “quitamedos” que pretenden disimular a corta indiscriminada de
carballos. Prégolles encarecidamente que non poñan a proba a súa eficacia. A
maiores, a praia fluvial (ou piscina), inaugurada centos de veces, e as
presuntas instalacións deportivas anexas que (desengánense os de fóra) non son
máis ca as leiras de sempre acoutadas con malla de obra de cor laranxa (por
fortuna, xa foi retirada canda os lombos rebenta-amortecedores).
Outro
capítulo importante son as fontes, esas que o Concello anota no seu haber pero
que, en realidade, son sufragadas cos cartos das comunidades de montes. Non sei
cal escoller como paradigma da horterada: o avechucho de San Martiño, o león de
Filgueira ou o mausoleo da vaca de Cerdedo. Isto da proliferación de fontes a
min chéirame a nostalxia ideolóxica. Polo menos, estas non se adobían co xugo e
as frechas.
As
páxinas 8 e 9 do folletín dedícanselle á cíclica enxurrada de chapapote.
Créanme cando lles digo que é triste observar a capela do San Bertolameu, en
Chamadoira, asoballada polo asfalto. A seguir, os pasos de peóns pintarrallados
de azul, o emprego de herbicidas para desbravar as beiravías (isto omítese) e
as rotondas.
Despois
de moito cavilar, o Concello decidiu esquecer o asunto da sinuosa variante,
gabándose de terlle trocado a Fomento un viaduto por tres rotondas. A min sóame
de novo ao conto da toupeira (o orzamento da variante roldaba os 48 millóns de
euros). Hai anos que veño criticando o proxecto da variante de Cerdedo, así
que, non vou fochicar máis na ferida. Agora ben, das prometidas redondas, a que
me parece fóra de toda lóxica é a do cruce cara ao Serrapio.
Segundo
pintan no plano, o desmesurado vial desfigurará a contorna do abandonado
Vichocuntín de Riba (a famosa e fermosa aldea prohibida). Postos a facer
rotondas, é difícil entender como non se se lle dá prioridade á mellora do
perigoso acceso ao lugar de Pedre. Probabelmente, a autoridade considera que
estes veciños xa van ter abondo coa trincheira (ou acantilado) contemplada nas
obras do tren lixeiro Vigo-Madrid.
Fai ben
o Goberno local en contratar un técnico en Medio Ambiente para protexerse de si
mesmo, malia que o diplomado en Turismo en prácticas teña por difícil misión
ensinarlles Cerdedo aos de Cerdedo. No capítulo dos orzamentos para o 2015, o
Concello destinará 350.000 euros para gastos de persoal. Velaquí un exemplo de
empresa boiante. Feliz ano electoral.
.
.
.
No hay comentarios:
Publicar un comentario