21/12/14

CAPITÁN GOSENDE DESCOBRE UN PETRÓGLIFO EN SABUCEDO-A ESTRADA (Faro de Vigo, 21-12-2014)

.
.
.
.
.

Antes de compartir con vostedes a nova gozosa do gravado rupestre, permítanme falarlles, aínda que sexa ás carreiras, da excursión que os Gosende fixemos o domingo día 7 á peneda do monte do Seixo coñecida pola Ventá do Areal.
            A Ventá do Areal é un bloque granítico que, na lomba de poñente daquela montaña, nomea a estrema dos concellos de Cerdedo, Forcarei e Cotobade (coordenadas: X-550.584; Y-4.703.650). O verdadeiro marco de deslinde sitúase a uns 140 m, cara ao SE. Alí estivemos en tarde de aloveado, para comprobar como, dende o pedroso abrigadoiro, é posíbel albiscar a parroquial de Caroi, sita a uns 3 km de distancia, cara ao oeste.
            A súa condición de privilexiada atalaia foi moi apreciada no pasado, pois, segundo contan, ao abeiro daquel furado petón, os pastores que apacentaban o gando en domingo, podían seguir a misa celebrada no Santiago de Caroi. A présa dos animais non entende de días santos. Oír misa dende a Ventá do Areal equivalía a facelo sobre chan sagrado. Constatamos que o vento transporta sen dificultade o son das campás, xa que logo, os fieis de lonxe, descifrando a linguaxe dos sinos, decatábanse do comezo da liturxia e do intre da transubstanciación.  
            O cubo de pedra que arma a Ventá do Areal acada uns 5 m de alto e 10 x 8 m de superficie. O van que se abre na face oeste ten 1’50 m de macheta e 1’73 m de lintel. Estas medidas van aumentando cara ao interior do acubillo que remata nunha angosta bifurcación. A luz do sol cóase, desfeita en raiolas, polas reganduxas da bóveda e, probabelmente, un feixe efémero ilumine o habitáculo, cadrando co solsticio de verán. A ausencia de vexetación alta por diante do penedo e o cheiro a xurro delatan que rabaños e greas o empregan para gorecerse. A Ventá do Areal é unha das estacións míticas do Seixo e foi debuxada polo amigo Joāo Bieites para O santuario perdido dos celtas (2008).
Unha semana despois, na xornada do 14 de decembro, a tropa dos Gosende exploramos os predios montuosos das Baiúcas, deslinde natural dos tres concellos da bisbarra de Tabeirós-Terra de Montes (A Estrada-Cerdedo e Forcarei).
            Dabamos resposta, deste xeito, a un amábel correo electrónico recibido días atrás (ás veces vémonos incapaces de responder satisfactoriamente a todas as cuestións, mostras de apoio ou encomendas que ateigan a nosa bandexa de entrada).
O remitente do e-mail, Carlos Filloi, advertíanos da existencia na zona dun gravado rupestre inédito, ou sexa, aínda non rexistrado no inventario de Patrimonio nin consignado no PXOM da Estrada. A seguir, reproduzo as indicacións do noso informante: “debedes ir ao monolito que se atopa no alto da estrada Forcarei-A Estrada (perto do límite entre os concellos da Estrada e Cerdedo). 330 m ao oeste do monolito (mirando cara ao monte Coirego (Cotobade)), veredes un afloramento rochoso de granito, en caída ao sur. Na face superior do mesmo, atoparedes o gravado”. Mesmo semellaban as claves para atopar tesouros, consignadas no Ciprianillo.
            Con menos motivos témonos botado á aventura, polo que, celebrando a proposta dun novo reto, o pasado domingo puxemos rumbo ao monolito. Dadas as cinematográficas connotacións do destino, aquela misión converteu o noso vehículo na nave Discovery; o navegador GPS asumiu o papel da computadora Hal 9000.
            Moito desexariamos que o pedrón das Baiúcas irradiase sabedoría e clarividencia aos catro ventos, a semellanza do monolito de Clarke-Kubrick, mais, ben sabemos que o corazón das autoridades daquel territorio é refractario a calquera novidade que non se traduza en réditos electorais.
            Atracamos a nave, é dicir, o automóbil, nun tramo abandonado da estrada EP-7001 (“7001: A Space Odyssey”, a realidade aliárase coa ficción), a carón do devandito fito conmemorativo (150º aniversario do Partido Xudicial da Estrada, 1840-1990).
            Dende a crista-miradoiro do Outeiro da Pena, Xoán Soto, Anjo Torres, Ana Santiso, Nando Vázquez e quen escribe diriximos os nosos pasos, toxeira abaixo, dirección noroeste, seguindo as directrices expostas e aproveitando unha carrilleira aberta polo gando ceibo.
            En ausencia de coordenadas, a nosa intención era afastarnos cara a poñente e bater un sector de 300-350 m de raio e 100 m de arco, tomando como referencia o chantón. Porén, apenas nos arredaramos uns 80 m do fito cando, ao agocho do toxo, nunha rocha de pequenas dimensións, albisquei a presenza de coviñas. As máis delas aparecían cubertas polo brión. O panel adoptara a aparencia dun lenzo de imprimación terrosa, salferido de moutas verdes (desculpen a inmodestia, mais, o que o ollo non atinxe, atínxeo a intuición do cazatesouros). Aquela valgada reunía todas as características para inspirar a creatividade do artista rupestre. Nós non eramos os primeiros en ficar arroubados pola beleza da paisaxe.
            Tras apachocar a mesta e punxente vexetación que arrodeaba o penouco, pólvora en caso de incendio, puidemos contar 23 coviñas. O gravado organízase en dous conxuntos ben diferenciados. O espectador, orientado cara ao nordés, percibe, á dereita, un aliñamento en paralelo de media ducia de “fosettes” (tres e tres, coma o 6 do dominó); á esquerda, esparéxense as outras dezasete.
            O afloramento ben puidera ser o “bico do iceberg”. Cantas sorpresas se ocultarán baixo a fronde e o sedimento? Cantos segredos oculta aquel anfiteatro filoniano, illado entre a lousa e a pedra de gran? Cómpre recuar uns 4.000 anos no tempo, para enxergar en toda a súa magnitude o depósito arqueolóxico.
            O novo achado, á espera de datos máis precisos, foi bautizado co nome de “petróglifo do Outeiro da Pena” (coordenadas: X-549.565; Y-4.716.032). O gravado rupestre localízase a 683 m de altitude e compete a súa preservación ao concello da Estrada e aos comuneiros de Sabucedo. Urxe, pois, desbravar a matogueira que o asoballa e pon en risco a súa integridade. A fronteira co concello de Cerdedo (parroquia de Tomonde) trázase a escasos 100 m cara ao sueste. O diámetro das coviñas oscila entre os 4 e os 8 cm, aprox.
            Espelímonos na busca polas inmediacións, mais, a noite botóusenos enriba inexorabelmente. Apenas houbo tempo para retratármonos oufanos ao pé da nosa descuberta e gozar dos máxicos instantes dun solpor irrepetíbel. Prometemos volver. Fica pendente cumprir o mandado do noso amigo Filloi. En breve, organizaremos outra expedición na procura do seu petróglifo. Con certeza, demos cun caladoiro tan copioso coma descoñecido.
            O colectivo Capitán Gosende engade un novo gravado rupestre ao seu currículo. E van sete: Laxa das Filloeiras (Pedre), Laxa do Sangal (Cerdedo), petróglifo do Outeiro da Bichoca (Chamadoira-Cerdedo), petróglifo da Cerqueira (Biduído-Cerdedo), petróglifo do Outeiro de Riba (Biduído-Cerdedo), gravado (histórico) do muíño de Herdeiros de Baixo (Abelaíndo-Cerdedo) e petróglifo do Outeiro da Pena (Sabucedo-A Estrada). Non esquezamos os riscos cruciformes (medievais) que adobían o antropomorfo do Coto das Insuas (O Serrapio).
Bo Nadal. Que a imperturbabilidade do monolito os arrede do lado escuro da forza.
.
.
.

No hay comentarios: