.
.
.
.
.
Da man do crego Rodríguez
Fraiz camiñei pola vida do crego García Leiro e, aínda que entre estes dous
persoeiros media un monte ideolóxico, non se nos escapa a pegada que o mestre
deixou no seu discípulo.
Con dez
anos, Antonio Rodríguez Fraiz ingresa na academia de García Leiro. O reitor de
Cerdedo admitiu o rapaz, non sen antes sometelo a unha avaliación de
coñecementos. O exame consistiu, entre outros atrancos, na resolución dunha
conta de multiplicar e, no eido xeográfico, discenir a nacenza do río Lérez. Fraiz
respondeu que en Aciveiro. Leiro retrucoulle que en Pardesoa. Ben certo é que o
Lérez leva a fama e o Castro, a auga: “Don Fernando apenas necesitaba local
para dictar las lecciones, era peripatético; el campo abierto, su gran aula;
bajo los rocíos de la mañana, los calores del mediodía o los solpores de los
hermosos atardeceres en la bocarribeira cerdedense, bañada por el bravío
Lérez”.
A
pasantía de Leiro en Cerdedo (alcouve de cregos) viviu os seus mellores
momentos no decenio de 1925-35 (máis dun cento de alumnos). Canda Rodríguez
Fraiz, o meu querido Manuel Monteagudo Ruzo, cronista da freguesía de Castro e
vello socialista, foi outro dos seus discípulos distinguidos. Ambos os dous,
capitanearon en 1971 a organización da póstuma homenaxe.
Aquel
modelo de Igrexa pobre e identificada cos pobres, ortodoxa mais non
intransixente, tolerante e aglutinadora, combativa coa superstición alienante,
comprometida coa instrución das clases populares, abandeirada dun cristianismo
de xorne social... Aquel modelo de Igrexa prendeu na vocación duns poucos
iluminados, mais o molde rachou e, cos anacos, os pioneiros fixeron mortalla.
Rodríguez Fraiz apunta: “García Leiro se adelantó cincuenta años a las ideas
renovadoras de la Iglesia y al mundo de hoy”. Deberemos agardar até finais da
década dos sesenta para que, na agra fertilizada do Concilio Vaticano II,
xermolase a Teoría da Liberación: “Deus está a carón dos necesitados”. Hogano,
séguese a esfollar na margarida.
Fólgame
concordar que Cerdedo, baixo o edificante maxisterio de Leiro, anticipou o
camiño de remuda que debeu emprender a Igrexa. Ende mal, o cura abandonou este
mundo en decembro do fatídico ano 36. A dentame do nacionalcatolicismo asexaba
tras a reconca da ponte do Barco.
Rodríguez
Fraiz visita a García Leiro por derradeira vez un ano antes, no Nadal de 1935:
“Apenas reconocía al que le hablaba [...] Físicamente se hallaba agotado, vivía
solo prácticamente, apenas se alimentaba, unas veces porque no tenía nada,
otras porque nadie se lo hacía. Sus ropas en estos momentos eran desastrosas,
él que nunca se preocupó por el vestido; carecía de ropa interior, su sotana
estaba rota a trozos [...] me dio la sensación de que a las once de la mañana
tenía hambre, frío y sed. Al carecer de todo y vivir en la más absoluta
soledad, sin familiar alguno a su lado, tomaba lo más fácil de conseguir; para
aquella mente un tanto alborotada, cualquier bebida le proporcionaba un poquito
de calma y breve bienestar [...] Difícilmente podrá darse situación más
angustiosa que la de aquella vida que toda se había consumido en hacer el
bien”.
En
outubro de 1936, dous meses antes da súa morte, na prensa afecta de Pontevedra
publícase que García Leiro doara 10 pesetas en beneficio do exército
franquista. É evidente que alguén se valeu do seu prestixio e da súa senilidade
para revestir de lexitimidade o sanguento golpe de Estado. Aínda hoxe, en
Cerdedo, os que non gardan silencio afirman que “se a gherra non o collese nas
últimas, don Fernando tería evitado os asasinatos, as malleiras e os
castighos”.
Nove
anos antes do seu pasamento, emprende García Leiro a materialización dun vello
e arelado proxecto: “su mente creadora y corazón generoso, pensaron en nuevos
modos de ejercer la caridad, la liberación de la pobreza en la ancianidad y la
ignorancia [...] Pensó en la fundación de un asilo que redimiese tanta
necesidad como él diariamente estaba viendo. Aquellos ancianos y ancianas
arrastrándose por las corredoiras cerdedenses, hambrientos, casi desnudos,
viviendo en chozas, a veces sin familia, enloquecidos por la necesidad, la
ignorancia y el fanatismo [...] Esta alma grande trató de buscar la solución a
este estado ‒pobreza
e ignorancia‒
en una casa-residencia y un taller-escuela en el que se capacitasen las gentes
de Montes”.
Por moi
boas que fosen as intencións do seu promotor, a obra non se tería levado a cabo
sen o concurso do pobo: “era frecuente en la parroquia que cuando don Fernando
pedía maderas para el asilo, se le mandase a la robleda, pinar o castañal a
cortar lo que él indicase; sólo así, con esta cooperación, pudo conseguirse tan
amplio y hermoso edificio, en momentos de la máxima penuria económica por la
que atravesaba aquellos años Cerdedo y toda Galicia”.
Entre
os elementos populares, solidarios coa benemérita empresa de Leiro, cómpre
facer especial mención do mestre de cantaría Antonio Márquez Iáñez. Boa parte
da información que posúo do meu bisavó materno Antonio Márquez extraína dos
libros de Rodríguez Fraiz.
O
apelido Márquez é abondoso na Terra de Montes, acadando en Forcarei e Cerdedo
as porcentaxes máis elevadas do territorio galego. Meu bisavo Antonio debeu ser
froito da unión dun meu tataravó Márquez, canteiro cerdedense, e unha tataravoa
Iáñez, natural da provincia de Lugo (Vilalba?), a onde se trasladara por
motivos de traballo.
Antonio Márquez Iáñez naceu, xa que logo, en terras
luguesas no ano 1862. Roldando a trintena, veuse para Cerdedo, casou con
Mariana Sueiro Cadavide (†6-2-1923), natural de Lourido, e aveciñou en Meilide,
na casa familiar sita na Aldea de Baixo, onde naceu miña avoa Isolina Márquez
Sueiro (1908-1988) e naceron os seus cinco irmáns.
Antonio Márquez herdou e asumiu, cara a 1910, o capital
das súas tías, as Marcas, panadeiras
solteironas, e, en concreto, a casa das Raposeiras (Meilide). Márquez Iáñez,
mestre canteiro de sona, dirixiu obras por toda a xeografía peninsular.
Home
laborioso e abnegado, consagrou os últimos anos da súa vida a facer realidade,
de xeito altruísta, a encomenda de García Leiro, asumindo como propio o lema
vital do abade de San Xoán: “Nada teño do que gañei, só posúo o que dei, sufro
polo que neguei e o que gardei, perdín”.
Rodríguez
Fraiz escribe: “Los trabajos dieron principio en el mismo 1927, bajo la
dirección del maestro de cantería y carpintería don Antonio Márquez Yáñez [...]
Las obras caminaron lentamente, una década después todavía no estaba concluído
el edificio, que consta de dos plantas y sótano, casi pegado a la rectoral por
el norte. Ideados los bajos para las cocinas, comedores, despensas y otros
menesteres; el primer piso para residencia de ancianos, oficinas... y el
tercero, residencia de religiosas y escuelas para jóvenes”. E engade: “Este
artista, case en solitario, foi facendo as pedras e ano tras ano lovantando os
muros, sin axudas nin cartos, namentras tivo mente e vida aquela alma chea de
dozura, amor e caridade que foi o reitor García Leiro. Este vello canteiro non
deixou de traballar no asilo mentras tivo vida”. Antón Márquez Iáñez bateu coa
morte o 9 de abril de 1935, cando se dirixía, como cada día, á obra.
Tras a morte de Márquez Iáñez e García Leiro (un ano
despois), a magna construción, a piques de ser coroada co loureiro, foi
malvendida polo sucesor de Leiro na reitoría de Cerdedo, o crego Ventura Pérez
Alvite, quen esfurricou perante unha mísera débeda. O prezo de venda do
edificio non superou as 13.000 pesetas, cando o seu valor era infinitamente
superior: “las mismas circunstancias que rodearon la tal venta fueron harto
oscuras”. O inmóbel, que ía ser destinado a escola e centro de acollida da
ancianidade desvalida, foi adquirido, en primeira e segunda quenda, polos
próceres franquistas, aproveitando o chope no seu beneficio. A avellentada
poboación de Cerdedo non se beneficiaría da construción dunha residencia para a
terceira idade até 70 anos despois.
Antonio
Márquez Iáñez foi soterrado no adro da igrexa de Cerdedo, ao pé da porta grande
e a carón da tumba de García Leiro. A miña avoa, Isolina Márquez, e mais o meu
tío avó, Xosé Márquez, sufragaron os gastos de construción do panteón familiar,
fermosa á par que austera obra de cantaría, sito no novo cemiterio. Lese na
inscrición: “Ano-Propiedade familia Márquez-1946”. Cando a clausura do
cemiterio vello, os restos mortais de Antonio Márquez Iáñez e familia trasladáronse
á oseira do novo panteón.
No dito
panteón, ben no cinceiro, ben nos nichos, amais dos vestixios do meu bisavó
Antonio, descansan, así mesmo, cinco dos seus seis fillos, entre eles: Avelino
(†8-9-62), morto en estrañas circunstancias, crego de menores (ostiario,
lector, exorcista e acólito) e alumno de García Leiro.
.
.
.
2 comentarios:
amigo Calros, eu lí com muito interesse o artigo, biografia de uma alma singular pela sua gnerosidade, a lembrar tantas outras que como Cabanelas , tem trabalhado, pela infancia, os doentes e a velhice desamparada... um povo altruista pensando sewmpre no bemestar dos outros... apertas
Moitas grazas polo teu comentario amigo Eugénio. Si, tes razón, cómpre lembrar os feitos que honran un individuo ou unha comunidade.
Publicar un comentario