31/5/15

QUEN É O CAPITÁN GOSENDE? ( e II ) - Faro de Vigo (31-5-2015)

.
.
.
.
O pazo das Raposeiras no ano 2002.
.
.
.
O pazo das Raposeiras no ano 2012.
.
.
.
O pazo das Raposeiras na actualidade.
.
.
.
Doela brasonada do capitán Gosende.
.
.


O capitán Alonso de Gosende e Quinteiro, que establece o vínculo familiar nas Raposeiras (Meilide), é o tataravó do Padre Sarmento: “Este capitán Gosende é Alonso de Gosende, capitán das milicias de Montes, o que as conduciu á Coruña, cando veu sobre ela o Dracke [...] Este capitán Gosende e a súa muller María (Núñez?) [...] foran pais do meu bisavó Alonso de Gosende e os meus terceiros avós”.
Alonso de Gosende e Quinteiro ordena a construción do pazo das Raposeiras (a casa matriz), no que residirá xunta a súa muller, María Núñez. Asemade, o seu irmán, Xoán de Gosende e Quinteiro manda edificar o pazo e capela de Cavenca, aveciñándose, canda súa primeira muller, nesta aldea. Tras enviuvar, casa en segundas nupcias coa compostelá María de Castro, ascendente de Rosalía de Castro. Os veciños denominan o pazo de Cavenca “a casa de Rosalía de Castro”, argüindo que a egrexia poeta naceu ou viviu na antiga residencia dos seus parentes cerdedenses, os Gosende.
Após o falecemento de Alonso de Gosende, a súa viúva dispón construír a casa anexa (ao leste da matriz), para legarlle a vincular ao seu fillo Alonso de Gosende e Núñez (bisavó de Sarmento). Ambas as dúas construcións uníronse cun portal arcado en cuxa doela mestra se labrou o escudo familiar.
Alonso de Gosende e Núñez casou con María Lourenzo, irmá do crego Pedro Lourenzo, fundador da capela do Loreto, padroeira de Meilide (ano 1734, segundo lemos nunha inscrición da parede norte). Da unión xorde María de Gosende e Lourenzo (avoa de Sarmento) que casará con Alonso García de Ceraxe, natural de Augasantas (Cotobade). O matrimonio concibe, entre outros, a Alonso García de Ceraxe Gosende e Lourenzo que, á súa vez, contraerá matrimonio con Clara de Balboa e Sarmento, oriúnda de Samos. O 9 de marzo de 1695, vén ao mundo, no pazo das Raposeiras, o seu cuarto fillo: Pedro Xosé García de Ceraxe Gosende e Lourenzo Balboa e Sarmento (o Padre Sarmento).
Afastándonos de todo dogmatismo, sigo defendendo o que xa intuíra e avanzara en “Cerdedo na obra do Padre Sarmento” (2002): “Este fillo de Cerdedo, persoeiro insigne da Europa ilustrada, xamais esqueceu de onde era nin de quen viña sendo, xamais esqueceu a súa orixe galega e cerdedense (páx. 17).
A inexistencia da partida bautismal en Vilafranca do Bierzo e as oportunísimas pescudas do profesor da Universidade da La Laguna José Santos Puerto (“Martín Sarmiento, natural de San Juan de Cerdedo”, Sarmiento. Anuario Galego de Historia da Educación, nº 12, ano 2008) confirman a natureza cerdedense do ilustre beneditino: “Que Sarmiento era natural de San Juan de Cerecedo (Zercedo, Zerecedo) aparece en la documentación del monasterio de San Martín de Madrid, a donde llegó por primera vez el 18 de mayo de 1710 con la intención de tomar el hábito benedictino. Como la toma de hábito era una decisión que debía acordarse en consejo, al día siguiente el abad de San Martín, Juan Bautista Lardito, convocó a los monjes que formaban parte del consejo. En el libro de actas quedó anotada la decisión tomada el 19 de mayo de 1710: “En dicho consejo su Rvma. propuso para el hábito de monje de este dicho monasterio a D. Pedro García, natural de San Juan de Zercedo en el reino de Galicia...” [...] En el libro de San Martín no hay referencias que relacionen a Sarmiento con El Bierzo. Lo que sí advertimos, es que un año después de la toma de hábito y en el acta de un acontecimiento fundamental para un monje, como es el examen que da paso a la profesión, nuevamente se dice que Sarmiento es natural de San Juan de Zerecedo, en Galicia”.
Reproducindo a esclarecedora descrición facilitada en 1745 polo propio Sarmento: “A casa da aldea das Raposeiras componse de tres, e vellas, unha grande no medio e outras dúas casas colaterais. A do medio ten unha xanela na sala, que mira dereita a igrexa de Cerdedo, case ao rumbo de noroeste”.
A casa matriz (“a do medio”), que data de finais do século XVI, abrangue unha superficie duns 70 m2. Cara ao leste, atópase a segunda das vivendas, de comezos do século XVII (superficie habitábel: uns 100 m2). No principiar do século XX, ambas as dúas construcións aínda se unían polo devandito portal brasonado, conforme se aprecia na recreación de Agostiño Portela Paz.
A mediados do século XVII, levantouse (cara ao sur) a terceira das construcións (superficie habitábel: uns 50 m2). In situ, a tipoloxía construtiva permite distinguir, no conxunto pacego, as estruturas orixinais dos engadidos.
O panel informativo, chantado polo Concello no camiño de acceso, omite, inexplicabelmente, a posibilidade de que o Padre Sarmento nacese naquel lugar.
O catálogo do patrimonio cultural de Cerdedo (PXOM, 2014) oculta a relevancia histórica da casa matriz (cuxa cuberta veu abaixo hai dous invernos) e nos mapas alusivos, identifícase erroneamente o pazo das Raposeiras. Nin saben nin queren saber.
Dende hai máis dunha década, os actuais donos do pazo das Raposeiras, aveciñados en Asturias, veñen manifestando con reiteración o seu desexo de converter en ben público as súas propiedades nas Raposeiras. En troco, apenas solicitan unha inxel inscrición, agradecido recordatorio de seus pais, os benqueridos e lembrados Gumersinda e Vitorino, e, unha vez rehabilitado o inmóbel, o seu emprego exclusivo para a promoción da cultura galega en xeral e cerdedense en particular (museo ou aula de interpretación). Neste senso, agradézolles de corazón as mostras de agarimo que, ao longo destes anos, me teñen dispensado.
Hai uns meses (verán de 2014), e polo mesmo motivo, os posesores do pazo dos Gosende entrevistáronse co rexedor local, obtendo como resposta a frialdade do desinterese. Na prensa de Pontevedra (20-12-2012), nun irreflexivo desaforo, a alcaldía cualificara as ruínas da casa grande das Raposeiras como “pésima palleira”. A sibilina autoridade, que ancheou e rebautizou a costa de Meilide co pomposo nome de Avenida do Padre Sarmento, consente, ao mesmo tempo, a derruba das paredes que o viron nacer, un edificio de indiscutíbel valor histórico para Cerdedo.
A maiores, os descendentes de Gumersinda e Vitorino desexarían que o escudo dos Gosende tornase a Cerdedo. De non ser posíbel reconstruír o arco orixinal, a doela brasonada dignificaría a colección do rimbombante e paupérrimo Museo da Pedra.
O 30 de decembro de 2014, unha delegación do colectivo Capitán Gosende entrevistouse co director do Museo de Pontevedra no seu despacho da vila do Lérez. Transmitímoslle a nosa preocupación polo estado de conservación do pazo das Raposeiras, a vontade dos propietarios de legarllo ao pobo e a abulia do Goberno cerdedense. Manifestámoslle, así mesmo, o desexo de fotografar o escudo que, custodiado de primeiras nas ruínas de San Domingos, leva máis dunha década lonxe da vista da xente (ao parecer, embalado nalgún almacén). O director da institución museística limitouse a trasladarnos o seu pesar persoal e a súa incapacidade institucional. Mágoa do Museo de Pontevedra, convertido nun tentáculo do caciquismo cefalópodo da provincia.
Como xa expuxen no “Inventario xeral da freguesía de Cerdedo” (2002), as operacións de compra (fálase de cinco pesos daquel tempo) e traslado do brasón resolvéronse a finais dos anos vinte do pasado século, axilizadas polas componendas dalgún preboste. Recepcionouna Xosé Millán, membro da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra.
 Abafados por tanta ineptitude, un empresario da hostalaría local decidiu hai uns meses enfeitar o seu establecemento cunha reprodución en pedra a tamaño real (45x35 cm) das armas de Gosende. Alí reina dende aquelas o escudo para quen se queira reconciliar co noso glorioso pasado. Agardo que estes artigos vallan para satisfacer a curiosidade (ou inducida ignorancia) dos que, á vista do símbolo do que nós tanto nos honramos, preguntan: “E quen é o Capitán Gosende?”.
.
.
.

No hay comentarios: