7/1/15

DE CERDEDO AO CEO ( II ) - (Faro de Vigo, 7-1-2015)

.
.
.
.
Roda celta labrada nunha tumba do camposanto de Quireza.
..
..

Visitado o camposanto de Tomonde, fixemos un pouso para o xantar. Recuperado o alento, a tarde do 26 investímola na visita dos cemiterios parroquiais de Figueiroa e Castro.
O igrexario de Figueiroa localízase no seo do rueiro de San Martiño. Á esquerda da estrada, érguese un cruceiro provisto de pousadorio. O templo data do século XIX (o antigo localizábase no lugar de Figueiroa). Edificio duns 24 m de lonxitude, orientado a poñente. O lanzal campanario ten un aire co de Tomonde.
Dende a estrada, accédese ao camposanto (nivel inferior) a través de catro chanzos de escaleira. As tumbas terreñas lousan o adro e flanquean a igrexa. Á esquerda da porta grande, en terra, observamos a tumba de “Don Manuel López Vizcaíno. Párroco. *1885-†1983. Recuerdo de sus sobrinos”. Di o pobo que don Manuel, o crego de San Martiño, de infausta memoria, usaba lentes escuros por mor da súa “ollada forte”. Tamén no chan, á dereita, a lápida dun neniño: “El ángel Eligio Simal Torres subió al cielo 22-11-1925 a los once meses”. Róldannos os defuntiños retratados polo fotógrafo Virxilio Viéitez.
Aconchegada a un ángulo da igrexa, batemos cunha estela estarrecedora. A caveira, sobre tibias cruzadas e baixo gadaño ameazante, non nos quita ollo: “Bajo de esta losa fría descansan mortales restos del cura Vidal García que os dio sanos consejos. Falleció en 1º de febrero de 1891 a los 42 años de edad. Rogad a Dios por él”. Uns metros antes, apoiada contra a parede, detémonos fronte a outra lousa profusamente labrada (albíscase un reloxo de area, unha gadaña e un facho).
O muro que acouta o camposanto sostén seis cruces dun incompleto viacrucis. A sétima cruz, mutilada, tamén se apoia na parede sur (botamos en falla oito elementos). As caveiras talladas nalgunhas lápidas lémbrannos o que somos.
A carón da estrada, a face interior do muro de cerramento sostén un sentadoiro corrido. A casa reitoral é magnífica, malia estar en completa e desoladora ruína. Atronan as campás, enfatizando o paso do tempo. Noutrora (facéndonos eco da rumoroloxía), un fío de arame cruzaba o camiño, voando dende o campanario deica a reitoría, accedendo ao cuarto do cura pola ventá. O crego, deste xeito, aínda podía dar o segundo toque da misa ao agocho de sabas e cobertores. 
A groseira ampliación do cemiterio de San Martiño asoballou un fermoso pombal de planta circular. Por se interesar, un nicho está en venda. Nestes panteóns novos, aliñados fóra do camposanto primitivo, atopamos a sepultura de Roxelio Arca Rivas (1913-2010), canteiro e miliciano anarquista, fillo de Francisco Arca Valiñas, mártir da República. Gardamos un respectuoso e emocionado silencio. Sit tibi terra levis. Ao camposanto de Figueiroa tamén se lle asignou o número 13.
Abandonamos San Martiño de Figueiroa e chegamos á parroquial de Santa Baia de Castro. O templo actual, do século XVIII, oriéntase cara a poñente. O igrexario atópase a medio camiño das aldeas de Castro do Medio e Castro do Cabo, na aba noroeste do coto de Castrodiz. Un inxel cruceiro e un canastro dannos a benvida.
Unha imaxe da padroeira preside a portada do templo. Edificio duns 20 m de lonxitude. Espadana de dous corpos e tres vans onde se aloxan dúas campás. Da estrutura, sobresaen catro gárgolas.
As lápidas compoñen o adro, atinxindo a metade do couto sagro. Rosáceas, caveiras e tibias. Nunha delas, riscouse rudamente un corazón. Estelas. Tumbas de anxos, algunhas reproducindo a forma dos cadaleitos de antano. Entremedias, un púcaro de porcelana, representando uns golfiños, sostén unha rosa de plástico. Rexistramos as fórmulas D.E.P. canda R.I.P. e mais E.P.D.
No cemiterio de Santa Baia achamos, á esquerda da igrexa, outra inscrición en lingua galega: “Delmino Vázquez Moreira morreu o 28-6-1962. D.E.P. A súa muller Sofía, os seus fillos J. Antonio e M. Esther Vázquez Otero”. Tamén se empregou a nosa lingua para honrar o nicho de María del Carmen Otero Zapatero (1932-2011), Cayetano Pérez Pérez (1927-1982) e Gumersindo Pérez Otero (1961-1988): “Un tempo para vivir, un tempo para lembrar”.
Na parte nova do cemiterio, á que se accede por unha escalinata de pendente pronunciada, achamos a sepultura de Sara Otero Espasandín (†1992), irmá do poeta e científico Xosé Otero Espasandín (1900-1987) cuxos restos repousan en terra allea (Bethesda, Washington), contravindo o seu desexo: “Pídoche, Castrodiz, dende esta terra envellecida nova, metro e medio de chan pra cando morra” (“Pico de Castrodiz”, 1942). Unha fonte de auga cantareira mana do camposanto.
Xa na xornada do sábado 27, desprazámonos ao cemiterio de Quireza. A igrexa (sécs. XVII e XIX), baixo a advocación de San Tomé, orienta a súa portada cara ao solpor. Edificio duns 22 m de lonxitude. Por riba da porta grande, lese a inscrición: “Se hizo esta obra [...]. Año de 1847”. No centro do frontón partido, un fornelo garda a talla do padroeiro. Campanario de dous corpos. O superior, octogonal. No inferior, alóxase unha campá. No alto da torre, uns altofalantes proxectan aos catro ventos as badaladas horarias (pregravadas). Desaxeitado xogo de vidreiras.
A diferenza do visto anteriormente (liña de panteóns circundando o adro), a necrópole de Quireza, estruturada en tres niveis, ábrese cara ao sur e cara ao leste, converténdose nun miradoiro privilexiado das aldeas, do val do Quireza e do pico de Castrodiz. Ao nivel da estrada de acceso e da explanada do aparcadoiro (nivel inferior-recanto sueste), construíuse, de costas á igrexa, un panteón.
O conxunto de Quireza é o máis coidado, amplo e monumental (restaurado en outubro de 2006). Sen considerar a superficie dos inmóbeis (igrexa, casa reitoral, panteóns...), o recinto sagro sobrepasa os 5.000 m2.
Nós achegámonos polo sur, deixándonos guiar polo aliñamento de cruceiros que, en número de once (máis dous pedestais orfos), arman un incompleto viacrucis (botamos en falla catro elementos). Preside o anteadro (espazo lousado) un fermoso cruceiro de fuste helicoidal da autoría de Antonio Ferreiro (ano 1902), superando en esvelteza ao seu xemelgo de Cerdedo. Na basa do fuste (octogonal), labráronse tres instrumentos da Paixón (a escada, a lanza e a vara coa esponxa). O segundo cruceiro, de menor altura, presenta un pedestal enfeitado con catro caveiras (unha por cada canto), un sapo, un lagarto e dous pares de tibias en cruz. Á esquerda, observamos a arruinada casa reitoral, con solaina ao nacente, soportada por oito piares. Na veiga anexa, érguese un hórreo.
Accedemos ao adro. No chan, a superficie ocupada polas lápidas sobrepasa os 700 m2, arrodeando a igrexa, agás polo resío posterior. Á esquerda, batemos de primeiras, cun panteón dotado de altar baixo baldaquino: “Año 1967. Propiedad de don Erundino Gago Blas” (antigo párroco).
Nunha das tumbas terreñas lemos: “D.O.M. A la memoria de Isolina Gamallo Barreiro. Falleció [...] de 1810 a los 20 años de edad. D.E.P.” Tan só un ano antes, en abril de 1809, en plena Guerra da Independencia, Quireza padeceu a acometida sanguenta do exército francés. O antiquísimo acrónimo fúnebre D.O.M. correspóndese á expresión latina Deo optimo maximo (Para o mellor e máis grande deus”), dedicada a Xúpiter. Posteriormente, foi cristianizada, pasando a significar “Para Deus, o mellor e o máis grande”. Outras datas recuadas e lexíbeis son as de 1860 e 1891.
Na terra, tamén nos chama a atención a lápida de Antonio Touriño García “Ordenado de misa” (†1911), disposta en sentido contrario ás outras. Así mesmo, outra cuxa inscrición é un signo de interrogación acompañando as letras “J E”. E outra, enfeitada co risco de Salomón: “Aquí descansan las cenizas de Rosa Arén y de sus hijas Manuela y Nemesia D.E.P. Recuerdo de Máxima Portela que jamás las olvida”. Hai epitafios que son novelas.
As lápidas máis vellas adobíanse coa rosácea de seis pétalos. Nalgúns casos, a rosácea substitúe a cruz. Ao respecto, cómpre salientar a rosácea (ou roda celta) labrada na lápida que ten por inscrición: “D.O.M. Manuel Paz falleció el 2[¿?] junio de 1907 a los 79 años de edad. D.E.P.” Talvez, sexa reutilización dunha estela romana. Son frecuentes os baixorrelevos de caveiras na cabeceira e tibias cruzadas e gadañas aos pés. Rexistramos, de trazo rudo, outros dous corazóns.
Pola banda esquerda, dezasete panteóns reproducen o mesmo esquema construtivo: vertical de tres nichos baixo arco oxival de interior trilobulado cuxo remate é unha cruz ou unha imaxe. Dos dezasete, trece son similares.
No cabo do camposanto, atopamos epitafios en galego: “Aquí dorme no derradeiro sono o noso bon Antonio Garrido Pintos que finou o 22 de outubro de 1995 ós 73 anos de idade. A túa familia ha de quererche namentras que viva”. No nicho de baixo: “Tatiana Ulla Garrido (*1974-†2009). Sempre estarás connosco”.
Tras o vidro que pecha o nicho de Manuel Borrajo Otero (†2007), lemos nun carteliño: “Manolito. Adios, vista dos meus ollos non sei cando nos veremos. Tus sobrinos/as”. No cinceiro dos Garrido Fraíz e Bouzas Piñeiro: “Descansan na paz do Señor”. No nicho de Serafín Ovelleiro Blanco (†2000) e María Pereiras Gómez (†1970): “Rdo. da súa familia”.
Dous panteóns subterráneos acóutanse por cadeas que penden de seis ou oito chantos. Achegada á parede sur da igrexa, acho a tumba de meu tío avó Francisco Solla (†1952), avantaxado canteiro, oriúndo da aldea de Abelaíndo, alcumado “Mans de ouro”.
No terceiro nivel do cemiterio, na segunda fileira de panteóns, atopamos o nicho de Severino Rascado Portos, da aldea de Mamoalba, que morreu en 2013 aos 90 anos de idade. Unha fotografía do vello socialista, cos seus característicos óculos, olla para nós tras o cristal. E o pensamento asolágase cos versos do poeta Eliseo Diego: “La muerte es ese amigo que aparece en las fotografías de la familia, discretamente a un lado, y al que nadie acertó nunca a reconocer”.
.
.
.

2 comentarios:

Unknown dijo...

Moi "traballado" o de "Manolito, vista dos meus ollos..." O raro e que a firma sexa dos sobriños, e non da namorada.
Lembro que na catedral de Palencia hai unha lousa na sepultura do que foi bispo, galego por certo, doctor don Pedro Casas y Souto, que finou "en su Palacio a las ocho y diez minutos de la noche del 25 de julio de 1906, contando 79 años de edad, 9 meses y once dias y después de 30 años y cinco meses de pontificado..." e debía engadir a esa precisión "...después de hacer la vida imposible a sus feligreses...". Non obstante queda craro na lousa que era "...martillo del liberalismo, siendo admirado y temido por los que andan en esas tinieblas...". Os cimiterios dan moito de sí...
http://lavozdemayorga.blogspot.com.es/2008/07/pedro-casas-y-souto.html

Calros Solla dijo...

Tes moita razón, Manuel. Cada lápida é unha novela, unha entrada na enciclopedia. Unha forte aperta.