18/11/12

CAPITÁN GOSENDE ACONDICIONA O SITIO ARQUEOLÓXICO DA PORTA DO CASTRO (Arén-Cerdedo)

.
.
.
Ligazón ao artigo introdutorio publicado en Faro de Vigo (18-11-2012):
.
.
.
.
O pasado domingo, día 11 de novembro, membros do colectivo CAPITÁN GOSENDE de Cerdedo empregaron o lecer da tarde para efectuar labores de acondicionamento no sitio arqueolóxico denominado Porta do Castro, inscrito, á súa vez, no sitio arqueolóxico do castro de Arén, depósito da Idade do Ferro (+/- 2.000 anos de antigüidade).
.
A Porta do Castro é un afloramento granítico que, fincado na chá do castro de Arén (Cerdedo), orientación leste, se caracteriza por servir de soporte a un gravado rupestre, quizais, de época medieval.
.
O pobo nomea o penedo Porta do Castro, pois acredita que o fragueiro pecha o acceso ás soterradas galerías do castro de Arén, cuxas minas de ouro foron explotadas, noutrora, polos mouros, os nosos míticos devanceiros. Recolleuse no lugar a fórmula seguinte: "Castro de Arén que tres minas ten: unha de ouro, outra de prata e outra de lume de alcatrén que é a que gharda as outras tamén". Os aldeáns vencellan o gravado rupestre co asunto das minas, identificando o motivo cun "mapa do tesouro" ou coa clave para dar coas riquezas.
.
As tarefas de acondicionamento, nas que se investiron dúas horas, consistiron en retirar o mesto sedimento que arrodeaba o penouco e mais en librar a face gravada do brión que a mantiña oculta, impedindo, deste xeito, os efectos da erosión biolóxica. Participaron nesta xeira: Anxo Torres, Manuel Fortes, Pedro Péon, Nacho Grande e Calros Solla.
.
Segundo explicamos no artigo introdutorio, a Porta do Castro e o seu misterioso gravado foran exhumados do esquecemento no ano 2004.  
.
.
.
PORTA DO CASTRO 
(ANTES)
.
.
.
.
PORTA DO CASTRO
(DESPOIS)
.
.
.
.
MEMBROS DO COLECTIVO 
CAPITÁN GOSENDE

.
.
.
.
As fotografías son da autoría do compañeiro Manuel Fortes.
.
.

No hay comentarios: