.
.
.
.
Na
noite do 31 para o primeiro Santos transcorreu con normalidade o II
Roteiro da Pantalla. Ben, con toda a normalidade atribuíbel a un acto
cultural que persegue salientar a entrada no magosto, no samaín, no mes
dos defuntos; a época do ano no que se fan permeábeis as fronteiras
entre o mundo dos vivos e o Máis Alá.
.
Na
noite do mércores,
démonos cita na Eira Grande de Pedre unhas 40 persoas, convocadas polo
colectivo Capitán Gosende, a asociación Amig@s da Cultura de Pontevedra e
a Irmandade Druídica Galaica.
.
Congregados
arredor do cruceiro do eirado, principiamos o roteiro a iso das 8'30 h,
descendo pola corredoira da Pontapedre e tendo como destino a capela do
Serrapio. Provistos de roupa para a chuvia e da indispensábel iluminación, a comitiva avanzou vagarosa e silandeira polo antigo camiño
de peregrinos, atravesou o río Lérez pola ponte medieval e acadou o
cotarelo do San Lourenzo. Latiron os cans, liscaron os gatos e asexou a curuxa dende a póla dunha carballa.
.
Aínda
que iamos preparados para enfrontar calquera eventualidade
meteorolóxica, a
chuvia só fixo acto de presenza nun treito do descenso. Mesmo no
retorno, cando nos atopabamos na veiga do Serrapio, ao pé da pedra
antropomorfa nomeada Xacente do coto das Insuas, a lúa chea coouse
triunfal por entre o escuro manto de nubes, acendendo a noite e
convertendo aquel instante nunha experiencia inesquecible.
.
Rematado
o roteiro, ao cálido abeiro da Casa Florinda, principiou a cea. Mentres
atemperabamos o corpo cunha sopiña quente, fóra, o vento e a chuvia se
aseñoraron do mundo. Co café e os licores déuselles paso aos contos de
medo. Este ano, o nivel dos intervenientes acadou cotas difíciles de
superar. A parrafada delongouse até as catro da madrugada. Abofé, entre
os comensais, houbo quen non puido conciliar o sono.
.
Que ninguén se amúe
por non ter participado nesta
edición, pois xa lle andamos a dar voltas á do ano que vén. Ditoso
novembro, ditoso mes, comeza con Todos os Santos e remata co santo
André.
.
.
.
Cea da Pantalla en Casa Florinda (Pedre)
.
No hay comentarios:
Publicar un comentario