5/7/15

"EL HUMO DEL DIABLO" de FERNANDO SALGADO - Faro de Vigo (7-7-15)

.
.
.
.
.
.
.
.

Para a presentación de “El humo del diablo” de Fernando Salgado, e co permiso da compañeira Belén López, ben poderiamos parafrasear o comezo dos chistes de indíxenas: “Isto eran dous de Cerdedo que foron presentar un libro a Pontevedra...”. Antes de rematar a piada, os da vila xa estarían regañando o dente. Os de Cerdedo témonos en pouco, porque somos conscientes de que, na montaña, a de profeta é unha profesión sen futuro. Os aldeáns nunca deixaremos de cheirar a vaca.
Debo engadir que sentar á mesa á carón de Belén e Fernando é un pracer, unha honra e un privilexio que agradezo a quen o fixo posíbel.
            Poderiamos comezar así ou de calquera outro xeito, mais, xa que se cometeu a imprudencia de confiarme neste punto as redeas do acto, o meu instinto de “pecador de la pradera” acírrame a pedirlle a Fernando que, mentres eu ceibo a miña palla mental, el vaia liando un canuto de paisana, para que, no seu rular democrático, a combustión do cánabo dispoña os presentes e disimule que vou falar sen dicir nada.
            Porque este libro, “El humo del diablo”, require unha lectura non convencional. Este libro non se debera ler, debérase fumar, bocalada a bocalada, enchendo a caixa do peito do bafo dos desherdados, para percibir o frémito dos invisíbeis. Este libro débese soprar con fruición, páxina a páxina, raia a raia, pipazo a pipazo. Estráñame que as autoridades sanitarias non lle esixisen ao editor engadir na contraportada algunha das súas mensaxes de advertencia, por exemplo: “A miseria mata”. Non hai porros tan feitos coma os que se lían coas follas do Novo Testamento.
            “El humo del diablo” non é aconsellábel para ex-fumadores, para drogatas de postal ou para nostálxicos do “Supergen”. Estiven presente na premier do libro en Vilagarcía e tras seguir con atención a misa toda, díxenlle ao meu acompañante que necesitaba con urxencia ir fóra botar un cigarro. Consumín naquel bazuko legal como se non houbese mañá. Non somos nada, os fumadores aínda menos. A fin de contas, quen sabe se vai haber mañá; os yonkis vivimos ao día.
Son consciente de que mas ha pagar o corpo, así e todo, avéñome ao parecer de Hunter Thompson: A vida non debera ser unha viaxe cara á tumba coa intención de chegar a salvo cun corpo bonito, senón, máis ben, chegar desfarrapado, de lado, entre unha nube de fume, completamente desgastado e estragado, e proclamar en voz alta: Vaia viaxe! Porén, cando á psicodelia se lle acaba o butano, a ducha diaria non desmerece os “desayunaderos” de Mauthausen. 
Sabina, outro yonki reputado, cantaría aquilo de: En la posada del fracaso, donde non hay consuelo ni ascensor, el desamparo y la humedad comparten colchón..., versos inspirados, probabelmente, nas reflexións de Aldous Huxley, antítese do paradigmático e novelado “home do traxe gris”: Vivimos xuntos e actuamos e reaccionamos os uns sobre os outros, mais sempre, en todas as circunstancias, estamos sós. Os mártires entran no circo collidos da man, mais son sacrificados illadamente. Abrazados, os amantes tratan desesperadamente de fusionar as súas illadas éxtases nunha soa transcendencia, mais é en van. Pola súa mesma natureza, cada espírito feito carne está condenado a padecer e gozar en soedade.
            José Antonio Iglesias Prieto, o protagonista do libro, é un personaxe tan real como a morte mesma. A parábola do fillo pródigo, plasmada con mestría nesta biografía, é tan verídica que supera a propia ficción. José Antonio Iglesias Prieto, Toni, non é o Travolta-Tony Manero do filme Febre do sábado pola noite, máis ben, o Travolta-Vincent Vega de Pulp Fiction, coleguita do chunguísimo Samuel L. Jackson que, coma mantra, encomendábase unha e outra vez a elucidadora pasaxe de Ezequiel 25-17. Ezequiel si foi profeta na súa terra: O camiño do home recto está por todos os lados arrodeado pola inxustiza dos egoístas e a tiranía dos homes malos. Bendito sexa aquel pastor que, en nome da caridade e da boa vontade, saque os débiles do Val da Escuridade. Porque el é o verdadeiro gardián do seu irmán e o descubridor dos nenos perdidos. E asegúrovos que virei castigar con gran vinganza e furiosa cólera a aqueles que pretendan envelenar e destruír os meus irmáns! E ti saberás que o meu nome é Iavé, cando a miña vinganza caia sobre ti!
            O neno Toni medrou como medran os nenos de pai maltratador e nai escrava. O deus xusticeiro nin estaba nin se lle esperaba, polo que o noso fillo de puta decidiu, motu proprio, ofrecerse en sacrificio para devolverlle o caos ao seu universo predicíbel. “Cómpre levar en si mesmo un caos para pór no mundo unha estrela danzante”. Palabra de Nietzche.
Na Galiza, a traxicomedia da droga ten nome de marisco. No clausurado pub “El Museo” de Vilagarcía, facendo honra ao seu nome, consérvanse os orificios de bala que, a semellanza do duelo de O.K. Corral ou da balasera do 23-F, son atracción do turismo de catástrofes: Antonio Chantada, alias Tucho Ferreiro, entró en el pub armado con un rifle calibre 38 especial largo. Se acercó a Danielito y desde apenas un metro de distancia le disparó a la cabeza. Cando o anxo exterminador viste o traxe de Batman, mesmo os fornidos leóns de bronce agochan o rabo entre as pernas. Houbo un tempo en que todos queriamos ser Sony Croquet. O señor 9 mm é o pastor que protexe o meu recto cu no Val da Escuridade...
            É un feito, José Antonio Iglesias Prieto enmerdouse até as cachas: “En el calendario de un drogradicto no hay sábados ni compasión, cada jornada es igual a la anterior, una cuesta arriba, porque el único norte es conseguir dinero para seguir consumiendo”.
           
Quero e admiro a Fernando Salgado xornalista, escritor, taxidermista da actualidade. O noso amor espiritual forxouse a por de compartir a mesma enlamada trincheira. Os nosos corpos turbadoramente masculinos, musculatura ben perfilada a por de gadaña e legón, batuxaron naquel Cartucho de Terra de Montes, nome en clave: Cerdedo.
            Malia que exiliados nos Miamis das Rías Baixas, mentres pescos e PTV’s se rebozaban en perico, nós orientabamos a nosa maltreita anatomía cara ao Vao de alén Cotobade, seguindo o ronsel que hoxe sucan lixeiros os corvos mariños. Ceguiños de radón sen cortar, experimentabamos o subidón, subidón e o subseguinte baixonazo que acarrexa a morriña. E outra vez a por máis. -Que fas esta fin de semana? -Vou a Cerdedo a pillar radón. Para que pisas a herba podéndoa fumar. En Cerdedo non hai mais ca herba e radón e unha insoportábel síndrome de abstinencia, un monazo que nin fala, nin oe, nin ve. Fernando é un toxicómano rehabilitado, eu, a cada pouco, coma alma en pena, fago 60 km para seguir meténdome a miña dose de merda.

Escribiu John Cashman: "Ábrese o terceiro ollo. Comezaba a somerxerme en min mesmo, a descender en espiral até o interior da miña propia carne. Xiraba, evolucionaba, retorcíame e trataba de conterme para non proclamar a berros a gloria e o terror de todo. Daquela, apareceu o ollo. Un inmenso ollo brillante suspendido no espazo. O ollo latexaba e lanzaba a través do meu corpo raios dunha luz ardente e de doces sons. Mais non era o meu corpo. De súpeto, convertérame no ollo inmenso e vía todo o que hai que ver. Era unha éxtase e, asemade, unha éxtase espantosa. Víao todo, comprendíao todo!”.
Dinosuaro da era protobotellónica, adoito me deixei engulir polo remuíño, pola vertixe, polos chanzos helicoidais do pub “La Cabaña”. Alí reinaba o Ollo. Aquela omnisciente deidade primitiva fitando impúdica para as criaturas da noite. “Dios es nuestro padre que está en el cielo, creador y señor de todas las cosas que premia a los buenos y castiga a los malos”. Non hai peor resaca que a do Licor 43.
De pe a pa, chapei o catecismo do fregués after hours. A miña penitencia chegou a acadar os quince botellíns de “Estrella Galicia”, a “estrella” dun país sen estrela. A perfección acadada na elaboración desta cervexa débelle máis aos meus riles que á experiencia acumulada por catro xeracións da familia Rivera. Lembro baixar con dificultade as escadas de “La Cabaña”. Non gardo lembranza de cómo facía para desenroscar a viaxe. Sei que para ir ao confesionario, cumpría pedir a chave.
Na “Cabaña”, uns copazos de arrincadeira. Despois, Cobián Rofignac, Benito Corbal, esquivando “capullos” e “capulleras”, potas e mexos. No “Chiringuito”, unha completa con cebola, non por acougar a larica, senón para vomitar o que a un lle quedaba de dignidade. A retirada, sempre de memoria. A vía do tren, perto da encrucillada da Parda e Salgueiriños, facía de fronteira. Ao outro lado, a Pontevedra oriental. A eliminación das barreiras arquitectónicas restoulle mérito ás retiradas. Na paz coma na guerra, unha retirada, aínda que sexa a tempo, sempre imprime no rostro a derrota do gilipollas. “En aquella tragicomedia cada sonrisa valía diez lágrimas”.
Moito lle sabe a Fernando agasallarnos con historias fronteirizas. O relato de Iglesias Prieto, Toni, é outro relato de fronteiras, de fronteiras esvaídas, xa que non existen derregas nin deslindes, non hai tal Checkpoint Charlie para quen ten alma de paxaro. Para a ave migratoria, mesmo un vasto continente fica reducido ao tamaño do átomo. Necesitaríanse mil libros coma este para dar explicado a nosa diáspora.

O relato de Iglesias Prieto, Toni, é tamén unha experiencia dantesca, o seu paralelo 38º percorría de leste a oeste a soleira do inferno. O mérito que se lle imputa a este coreano de Sanxenxo é ter ultrapasado a marca do Máis Alá e regresar, “vivito y coleando”, para contalo, para contarllo a Fernando Salgado, doutor Humphry Osmond.
Gábome de coñecer a Fernando, reporteiro puro sangue, e sei que entre as súas moitas virtudes sobrancea a paciencia do francotirador. Calquera outro sería incapaz de facer crónica política, incapaz de aturar algunha rolda de prensa sen sucumbir á euforia do que vai postísimo de grifa. Fernando Salgado ten a Deus agarrado pola chiva. Fernando Salgado “es el puto amo”.
O ñero Fernando Salgado reencarnouse en Iglesias Prieto, Toni, para relatar en primeira persoa a historia dunha xeración de nenos perdidos, sepultada baixo a amnesia dun pipicán, un colesterolódromo e uns grandes almacéns. “Y aquí no ha pasado nada”. A vinganza dos “deshechables” consumarase o día en que os mortos viventes tomen consciencia e bailen na Peregrina o Thriller de Michael Jackson.
Zuko, zuko, bazuko: gasolina, cloroformo, ácido sulfúrico, queroseno e unhas areas de éter. E a poesía xurdía, oh prodixio!, naquel escenario apocalíptico coma o fento agroma teiumudo no asfalto da AP-9. No “Callejón de la Muerte” gobernaba un xuíz tan implacábel coma equitativo. Harry el Sucio non che anda con hostias, se hai que perder os dentes, pérdeos o paria e tamén os ha perder o Odontólogo.
Con catiúscas, lanterna no casco e a carta de vacinación ao día, descendeu Fernando aos sumidoiros do submundo, seguindo o rastro do rato que, no fuxir de si mesmo, líbrase do gato para ir caer nas poutas do falcón. A receita da supervivencia “está a buen recaudo en una caja fuerte de Estados Unidos”.
No relato de Toni o Coreano chama a atención, endiañado paradoxo, a súa habelencia para arranxar nos motores, ao tempo que, coa mesma habilidade, se afanaba en escarallar a súa maquinaria. Fe en Dios e ferro a fondo.  “Non queremos un mundo onde a garantía de non morrer de fame se compense coa garantía de morrer de aburrimento”. Leña al mono.
En Aracataca, coma nos soportais de Sindicatos, o realismo máxico emana “de las pulgas y los perros secos”. No alucinado periplo deste rocinante de 6 cilindros e 170 cabalos, “la belleza y el horror eran vecinos”. Dende o verde exuberante do manglar colombiano até a estática praza da Verdura: “Ars cum Natura ad salutem”. -Metémonos unhas raias? A miña, en caldeirada.   
Toni, Torete, Lute, Vaquilla, “pregúntate quien eres los domingos por la mañana”. Eu son Kim Jong-Un, “un rolito de Bogotá”, unha Miss Universo, e gústame ter a neveira chea de carnes, chourizos, ron, güisqui e auga de coco e a música soando a toda pastilla. Os de Corea comen area e os do Rial comen merda do curral. Ñero, pilla unha dose de “mételo hoy y sácalo mañana” que esta noite imos a Canelas. No primeiro mundo, fabela dise “casas baratas”.
Germán Piffano, un antropólogo dos que emporcan os zapatos, levantou a pedra do Cartucho e as miñocas ficaron expostas ao sol ecuatorial, retorcéndose coma galos sen cabeza. Inferno e Paraíso: Sólo los mataron y en la acera están, se mueren al sol, cuántos muertos más. Muchacho, pásame los fósforos que El Cartucho va arder. Muchacho, pásame los fósforos que El Cartucho va arder.
Iglesias Prieto, Toni, pasou da Misericordia á Perseverancia, sen metadona, sen acupuntura, sen parches de nicotina; resucitou ao terceiro día; emerxeu do coma porque estrañaba o hoxe e o mañá, o afecto, a familia, chorar a súa nai morta, “hacerte el amor en los rincones, el ver las huellas de tus pies mojados en el pasillo de la casa”. 
“El humo del diablo” é un taboleiro de güija do que se valeu o autor para invocar unha pantasma. Fernando Salgado recomenda o seu consumo responsábel, porque, na fondeira da alma todos agochamos o cadáver dun policía enterrado coa súa moto. “A droga é o caramelo da indixencia”.

.
.
.
.

No hay comentarios: