14/9/13

ROTEIRO POLO PEDRE MILENARIO (Cerdedo-Terra de Montes)

.
.
.
O pasado domingo, oito de setembro, o colectivo Capitán Gosende percorreu a xeografía de Pedre co obxectivo de vertebrar nun itinerario cultural os activos patrimoniais presentes nesta parroquia cerdedense.
Elaborada a rota de camiñada e aloxada no sitio “Wikiloc”, o recurso ofreceralles aos nosos visitantes a posibilidade de descubrir os moitos tesouros que agocha este territorio, os máis deles descoñecidos ou condenados ao ostracismo.
.
.
.
.
Capitán Gosende proxecta, na medida das súas posibilidades, ir fornecendo a Web dun abano de roteiros cos que salientar e promocionar o acervo histórico-artístico do concello de Cerdedo, procurando, deste xeito, paliar o atávico baleiro informativo e satisfacer a demanda dos que seguen de perto o noso labor.
A longa paseata (14 quilómetros de dificultade media/baixa) permitiu, asemade, comprobar o estado de conservación dos elementos seleccionados, así como a viabilidade dos camiños de acceso. Cómpre lembrar que unha boa parte destes elementos, localizados en predios montesíos, foron descubertos, acondicionados e valorizados polo colectivo Capitán Gosende ao longo deste ano e medio de existencia.
Decidimos, para o denominado “Roteiro polo Pedre milenario”, escoller como punto de partida a propia aldea de Pedre, onde o visitante se pode recrear contemplando o conxunto monumental formado pola igrexa parroquial (e camposanto anexo), o peto de ánimas, os cruceiros e, a maiores, os eirados comunais (Eira Ghrande mais eira do Pallal), arredor dos cales se dispuxeron doce hórreos. Da ducia de canastros, unha construción estrutúrase en cinco claros (inscrición: 1899-J. B. F.), outra en tres e dez artéllanse en dous claros. Os seus balaústres talláronse ben en pedra ben en madeira. Os hórreos de Pedre prescinden de cruces e lampións.
.
.
.
.
.
.
O antropotopónimo “Pedre” remítenos a un antigo posesor ((villa) Petri “o eido de Pedro”). Este Pedro medieval ben puidera ser o célebre arquitecto Petrus Petri (Pedro, o fillo de Pedro) que, amais da ponte sobre o Lérez, lle legou á aldea o seu chamadeiro. Segundo Rodríguez Fraíz, Petrus Petri é o primeiro mestre canteiro do que se teñen novas en Terra de Montes.
A feitura do actual templo parroquial, baixo a advocación de Santo Estevo, remóntase aos séculos XVI ou XVII. Non obstante, no seu interior gárdanse dous fragmentos escultóricos tallados en mediorrelevo, representando a adoración dos Magos e a crucifixión. Senllas pezas deberon formar parte da arquitectura orixinal (friso do altar), datábel na Baixa Idade Media (sécs. XV ou XVI).
.
.
.
.
.
.
.
.
A maiores, a parroquial de Pedre conserva un policromado retablo barroco no altar maior (baixo bóveda artesoada de pedra), dúas pías de batear, unhas trece tallas (a Virxe das Neves, o san Bieito, a Candeloria, a santa Lucía, A Virxe do Carme, as Dores, o Sagrado Corazón, o santo Antonio, o san Gregorio, o santo Estevo (padroeiro), a santa Bárbara, o san Roque e un Cristo articulado). Na plataforma do coro, reina un curioso mecanismo de reloxaría (o reloxo da igrexa) que data do ano 1880. 
.
.
.
.
O peto de ánimas, ao pé da estrada, é obra dun canteiro local, Manuel de Pedre, persoeiro do século XIX, alcumado o Zoqueiro de Pedre. A peza seica foi labrada no ano 1875. No fornelo, represéntase a Virxe do Carme intercedendo polas ánimas. Segundo Filgueira Valverde, para retratar as almiñas do Purgatorio, o noso pedreiro inspirouse nas facianas dos seus veciños.
.
.
.
.
.
.
Abandonamos o rueiro de Pedre e, encarreirados pola verea que baixa cara ao río (uns 800 m), chegamos á Pontapedre, unha maxestosa ponte medieval (tres arcos disimilares de perfil lixeiramente apuntado) que elude con probada solvencia as procelosas augas do Lérez.
.
.
.
.
.
.
En maio de 2013, o colectivo Capitán Gosende realizou no lugar labores de limpeza e acondicionamento, amais de fincar nas proximidades un panel informativo. Velaquí o texto:
“A Pontapedre é unha construción medieval que data, probabelmente, dos séculos XII ou XIII. Atribúeselle a súa edificación ao ponteiro Petrus Petri, egrexio canteiro quen o pobo considera proxenitor do mestre Mateo. A Pontapedre comunica as aldeas de Pedre e O Serrapio, salvando o curso do río Lérez que, corrente arriba, recibe a xenerosa achega do río de Quireza. No antigo como ben o constatou o Padre Sarmento (1745), os peregrinos empregaban este vieiro, de feitura romana, para dirixirse a Compostela.
A Pontapedre foi escenario do suicidio da moza Rosa Neto (Rosiña de Pedre) que, acurralada polos franceses (22-3-1809), preferiu entregar a súa vida ás procelosas augas antes ca ser deshonrada pola soldadesca. Así mesmo, na ponte de Pedre, aínda que desposuída da cruz, se celebra o ritual do enxembramento (bautismo prenatal) e os camiñantes padecen as aduanadas do demo burleiro que adoito se manifesta transformado nun solícito cabalo. 
O conxunto arquitectónico da Pontapedre (ponte e muíño) viuse vulnerado no ano 1986 (ou 87). Ameazados os predios ribeiráns polo proxectado encoro de Dorna (Cotobade), o muíño de Sieiro (de catro moas) foi vendido e trasladado a Codeseda (A Estrada) en troco dunhas 300.000 pesetas”.
.
.
.
.
.
.
Deixamos atrás a Pontapedre e avanzamos a contracorrente pola ourela dereita do río. As veigas polas que transitamos noméanse Insuas, posto que alí, onde o río Quireza amece no Lérez, o leito fluvial se eleva formando un illote, bifurcando a corrente. A uns 200 m da ponte e á nosa esquerda érguese o outeiriño nomeado Coto das Insuas.
.
.
.
.
Cómpre ascender pola lomba leste do Coto das Insuas para dar co seguinte dos nosos obxectivos: o Xacente do Coto das Insuas. É o Xacente un pétreo antropomorfo, é dicir, unha pedra de aparencia humana. Resultado do labor conxunto da natureza e do home, a laxa semella unha persoa deitada (un dormente ou un defunto). Dada a súa localización, orientada cara ao nacente, de face ao cruzamento dos ríos, a aba pedrosa presenta as trazas dun santuario rupestre prehistórico (quizais, da Idade do Bronce). Os tres signos cruciformes riscados na ruda figura pódense datar en época medieval.
.
.
.
.
O Xacente do Coto das Insuas foi descuberto polo colectivo Capitán Gosende en febreiro de 2012. A propia asociación encargouse de axeitar o lugar e, a maiores, engadiu o necesario panel informativo.
.
.
.
.
Cumprida a visita ao Coto das Insuas, dirixímonos á aldea do Serrapio empregando a corredoira que cingue o outarelo, expedita recentemente.
O Serrapio é topónimo escuro. A súa opacidade permite barallar diversas solucións. Serrapio pódese interpretar como un orotopónimo derivado de “serra” (relanzo entre montañas); como hidrotopónimo, en referencia aos ríos Lérez e Quireza e derivado da raíz prerromana *ser- (“auga que flúe”); ou mesmo haxiotopónimo, reminiscencia da deidade pagá Serapis.
Xa no Serrapio contemplamos as construcións que sobreviviron á derruba decretada polo proxecto de construción do encoro de Dorna (retrotraémonos á decada dos oitenta do pasado século). A seguir, atravesando o casarío, acadamos o cimo rochoso do San Lourenzo onde, no século XVIII, se erixiu unha capela na honra do mártir cristián. O templo garda as imaxes de san Lourenzo, san Roque, santa Lucía e a Virxe de Fátima.
A ascensión ao San Lourenzo acompáñase de dous cruceiros, unha cruz e un pombal de feitura cilíndrica. Un busto de aparencia castrexa culmina o pinche dunha das vivendas do quinteiro. Acaroada ao valo que cingue o adral da capela, o camiñante atopará unha fonte de auga fresca coa que saciar a primeira sede.
.
.
.
.
.
.
Volvemos sobre os nosos pasos e por estrada asfaltada arredámonos do lugar do Serrapio, cruzando o río Quireza por unha ponte de pedra construída no século XIX. Após un quilómetro e medio de sinuoso asfalto, tomamos, á esquerda, un antigo camiño enlousado, hoxe moi estragado, na dirección da aldea vella de Vichocuntín (400 m).
As ruínas do vello Vichocuntín foron descubertas, axeitadas e postas en valor polo colectivo Capitán Gosende, tarefas que se levaron a cabo durante o verán de 2013. A aldea vella de Vichocuntín ofrécenos catro ou cinco casas (tres, dotadas de forno), un canastro de catro claros, un muíño roulón e un pombal de planta cadrada.
.
.
.
.
.
.
.
.
Á entrada da aldea, Capitán Gosende chantou un panel informativo. Velaquí unha sinopse do mesmo:
“A aldea vella de Vichocuntín (parroquia de Pedre) abandonouse paulatinamente a partir da segunda metade do século XIX, cadrando coa apertura da estrada de Ourense. Os seus moradores optaron daquela por reinstalarse na ribeira do Lérez, ao pé da nova vía de comunicación...
Este enclave forestal ofrécenos de balde unha aula da natureza e un museo de etnografía. A sigularidade destas ruínas (casas de porte maxestoso, un hórreo, un muíño, un pombal...) e o seu intricado e arroubador escenario vexetal esixen respecto e protección. Pregamos que se absteñan de facer lume, botar lixo ou vulnerar de calquera xeito ora os pardiñeiros ora os espécimes de flora e fauna que os habitan, pois, este lugar, prodixiosamente preservado, foi descuberto para goce de todos...”.
.
.
.
.
Deixamos o vello Vichocuntín e, de novo por asfalto, cruzamos con prudencia a N-541 para, empregando un vello camiño, acceder (após uns 700 m) ao núcleo actual de Vichocuntín (A Vilanova). Aconséllase facer provisión de auga na fonte da Caseta, situada ao pé da intersección.
Cómponse o novo Vichocuntín de cinco casas, algunhas delas provistas de cumpridas e afagadoras solainas. Admiramos o cruceiro e peto de ánimas, tallado no ano 1905, consonte se le (en castelán) nunha lousa de mármore branco: “No ano de 1905, fíxose este cruceiro por orde de Manuel Veciño, Xosé Sieiro; doazón de D. Domingos Sieiro”). Desandando, cruzamos a ponte de pedra sobre o río Lérez, construída no ano 1852 (arco de medio punto rebaixado), infraestrutura da antiga estrada de Ourense.
.
.
.
.
.
.
Avanzamos polo trazado da estrada de Ourense (á beira do vial medran vizosas as arandeiras) e, un quilómetro despois, acadamos o cruzamento coa estrada xeral que nos devolve á aldea de Pedre. Non obstante, a uns 300 m da ponte de Vichocuntín, á dereita, unha corredoira convértese xaora en alternativa apetecíbel.
Gañamos Pedre e, a uns 170 m, á altura dunha fonte, collemos á esquerda para librar de novo a N-541, esta vez facendo uso dun pasadeiro elevado que nos deixa na Aldea de Riba. Atravesamos o rueiro. Unha nova colección de hórreos e a chamada Casa da Inquisición (séc. XVII) entreteñen o noso avance en dirección á estación petroglífica da Laxa das Filloeiras, localizada no monte comunal, no seo dunha repoboación de piñeiro. Temos por diante un quilómetro e medio de asfalto e pista de terra.
.
.
.
.
.
.
.
.
A Laxa das Filloeiras componse de dous paneis: un bolo granítico no que se tallaron cinco círculos concéntricos e 8 coviñas e, ao nivel do chan, unha laxa na que se insculpiron, cando menos, 44 cazoletas de singular feitío e tamaños diversos (de 23 a 4 cm de diámetro).
O gravado rupestre composto polos círculos concéntricos e as coviñas foi redescuberto por Capitán Gosende en marzo de 2012, tras corenta anos de extravío. En xullo dese mesmo ano, mentres acometiamos tarefas de limpeza e desbravamento no lugar, descubrimos o segundo dos paneis: unha constelación de cazoletas que, por mor da súa morfoloxía, decidimos bautizar co nome de Laxa das Filloeiras. Ambos os dous petroglifos, formantes do santuario rupestre que os aldeáns coñecen por Os Castelos, teñen unha antigüidade duns 4.000 anos.
Naquel verán de 2012, Capitán Gosende, en prevención de incendios, rozou arredor dos paneis petroglíficos unha faixa de cautela e chantou un sinalador nas proximidades.
.
.
.
.
.
.
Debemos agora desandar a metade do andado e, en chegando á altura do antigo campo de fútbol de Pedre, collemos á esquerda por unha pista de xabre que nos conduce a un treito abandonado da antiga estrada de Ourense. Dirixímonos, á dereita, cara á Ponte do Barco (quilómetro e medio), infausto lugar onde, na noite do 13 de agosto de 1936, un fato de fascistas locais torturaron e deron morte a Francisco Arca Valiñas e a Secundino Bugallo Igrexas, homes leais á República. O 13 de agosto de 2006 inaugurouse un modesto monumento conmemorativo cuxa integridade foi vulnerada reiteradamente pola nostálxica xenreira do fascio sobrevivente. Tras o cuarto atentado, restaurada novamente a placa, a inscrición orixinal “Morreron pola liberdade” foi mudada por estoutra “Morreron por defender as súas ideas republicanas”.  
.
.
.
.
.
.
Cruzamos a Ponte do Barco e dirixímonos cara ao derradeiro dos nosos obxectivos: as Cortellas de Pedre (após 500 m), un poboado medieval abandonado e reutilizado até a decada dos corenta do pasado século para encortellar o gando miúdo. Á esquerda da estrada vella, ascenden cara ao casarío varios camiños enlousados nos que aínda son visíbeis as rodeiras dos carros. 
Segundo a tradición, nas Cortellas de Pedre tiña un dos seus acubillos a gavela de Pepa a Loba. No escusado parlamento das Cortellas, Pepaloba e os seus subalternos maquinaron moitas das súas astucias. Os canteiros (arghinas) de Terra de Montes, xamais nunca entregaban unha obra sen erguer no pinche o triunfante ramo de loureiro ou sen pronunciar, oufanos, a expresión “Aprobado pola Loba nas Cortellas de Pedre!”.
.
.
.
.
.
.
.
.
Finalmente, tornamos por onde viñemos e, valéndonos dun outro pasadeiro elevado sobre a N-541, accedemos de novo á aldea de Pedre (após 2 quilómetros).
Non nos despedimos de Pedre sen antes facer un pouso reparador na Florinda, hospedaría amigábel, a única casa de turismo rural existente na parroquia.
.
.
.
.
Eis o “Roteiro polo Pedre milenario”. O itinerario, de 14 km de lonxitude, é susceptíbel de ser segmentado en dúas etapas circulares de distancia similar: 1ª etapa: Pedre-O Serrapio-Vichocuntín-Pedre (O Peto): 7 km. 2ª etapa: Pedre (O Peto)-Laxa das Filloeiras-As Cortellas-Pedre: 7 km.
.
.
.
.
Malia que amolecidos, os nosos pés deron completado as dúas leguas e media de paseo e a nosa alma avivecida, coma rechouchío de paxaro, catro milenios de historia.
.
.
*   *
.
.
Ligazón ao artigo de Faro de Vigo (14-9-2013):
.
.
.
.
.
.
.
Ligazón ao artigo de Faro de Vigo (15-9-2013):
.
.
.
.
.
.
Roteiro polo Pedre milenario en Wikiloc:
.
.
.
.

No hay comentarios: