11/8/13

VISITA GUIADA Á ALDEA VELLA DE VICHOCUNTÍN (11-8-2013)

.
.
.
O pasado domingo, 11 de agosto, o colectivo Capitán Gosende coordinou a primeira visita guiada á aldea vella de Vichocuntín (Pedre-Cerdedo).
Segundo o acordado, ás 10:30 h da mañá, citámonos en Cerdedo unhas 70 persoas que, procedentes de diversas localidades do país, acordamos trocar a xornada de praia pola alternativa campeira proposta polos Gosende.
O abigarrado grupo de excursionistas abranguía todos os segmentos de idades: dende os tres meses até os oitenta anos. Sen excepción, os participantes aturamos con entusiasmo a moita calor que nos tiña reservada a xornada.
Estacionados os vehículos nun apartadoiro da N-541, percorremos os 800 m que nos afastaban do lugar onde, días antes, se fincara o sinalador (“Aldea vella de Vichocuntín”). O indicativo serviunos de punto de reagrupamento. Aproveitouse o relanzo ao fresquío da carballeira e o texto impreso no cartaz para pór a turma en antecedentes:
 
A aldea vella de Vichocuntín (parroquia de Pedre) abandonouse paulatinamente a partir da segunda metade do século XIX, cadrando coa apertura da estrada de Ourense. Os seus moradores optaron daquela por reinstalarse na ribeira do Lérez, ao pé da nova vía de comunicación.
No eido onomástico, Vichocuntín é un antropotopónimo, é dicir, un nome de lugar derivado do nome do seu posesor medieval: (villa) Visclacuntini, “o eido de Visclacuntino”, de etimoloxía xermánica.
No verán de 2013, Capitán Gosende acometeu as tarefas de limpeza e acondicionamento da aldea vella coa intención de facilitarlles o acceso a todas aquelas persoas que desexen admirar un excelente conxunto etnográfico, conservado nun recanto natural de indubidábel beleza.
Este enclave forestal ofrécenos de balde unha aula da natureza e un museo  de etnografía. A sigularidade destas ruínas (casas de porte maxestoso, un hórreo, un muíño, un pombal...) e o seu intricado e arroubador escenario vexetal esixen respecto e protección. Pregamos que se absteñan de facer lume, botar lixo ou vulnerar de calquera xeito ora os pardiñeiros ora os espécimes de flora e fauna que os habitan, pois, este lugar, prodixiosamente preservado, foi descuberto para goce de todos.
Capitán Gosende recoméndalles prudencia aos visitantes, xa que estamos a falar de estruturas debilitadas pola acción porfiada dos elementos naturais. O desprendemento, fortuíto ou non, dalgún dos elementos construtivos, poría en perigo a súa integridade física.

A seguir, dividida a concorrencia en dous grupos, percorreuse sen incidentes o casarío. As mostras de abraio motivadas pola fermosura do lugar e o seu agochado tesouro arquitectónico foron reiteradas. Así mesmo, as gabanzas polo labor alí desenvolvido ao longo das últimas semanas.
Os membros de Capitán Gosende tamén desexamos expresarlles a nosa gratitude aos que tomaron parte na xeira lúdico-cultural do domingo e aos que, en ausencia, difunden amigabelmente a nosa angueira polas redes sociais. A demostrada lección de civismo, o interese manifesto pola nosa pequena historia, polo patrimonio común, a fidelidade incondicional que nos dispensan son para nós motivo de orgullo e acicate para seguir traballando en prol do país.
O acto enfeitouse cun broche musical a cargo dos irmáns Bieites (João e Miguelanjo), gaiteiros de requinte, que interpretaron maxistralmente unha restra de pezas do seu repertorio, empregando o sollado dunha vella cociña como escenario.
Tras a paseata, aqueles que non tiñan outro compromiso, aínda ficaron un bocadiño con nós en Cerdedo. Uns corenta comensais demos boa conta do xantar, servido “ao punto” polo restaurante O Meu Lar.

Velaquí unha pequena selección fotográfica (nada como telo vivido en directo). De calquera xeito, os aparellos de retratar botaron fume, polo que, así que nos vaian chegando, engadiremos algunhas instantáneas máis.
.
.
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
.
.
.

No hay comentarios: