7/6/09

E LEVOUSE A CHUVIA A CÓRDOBA

.
.
.
.
.
.
.
.
.
>>>
Fotografías 1, 2, 3, 4 e 5: Madinat al-Zahra.
Fotografía 6: Mesquita.
Fotografía 7: Ruela das Flores.
Fotografía 8: Baños árabes.
.
.
Lendas de Madinat al-Zahra: http://www.terra.es/personal/gchacond/
.
.

4/6/09

SEMPRE EN GALIZA (A. R. Castelao) [retallo I]

.
.
A nosa tradición revélase no idioma, no espírito, na cultura, na arte, no xeito de vivir e de pensar, no sentido transcendente da vida e da morte, no afán de universalidade e de particularidade, no amor á xustiza e ás boas formas de convivencia, na identificación amorosa coa terra, na esperanza dun mundo mellor, na predisposición á poesía… A tradición é todo aquilo que endexamais nos traizoará.
[…]
Estamos fartos de saber que o pobo galego fala un idioma de seu, fillo do latín, irmán do castelán e pai do portugués.
[…]
O galego –somentes refugado polos señoritos ou por traballadores que quixeran ser señoritos– é hoxe o idioma que prefiren os intelectuais como vehículo da nosa cultura; pero aínda que carecera de tantos méritos contraídos, abondaríalle ser a fala do pobo traballador para estar dignificado de por si, pois o galego é unha executoria viva do traballo e unha cédula honrosa de cidadanía e democracia.
Non esquezamos que se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma.
.
Sempre en Galiza (1944).
.
.

2/6/09

MORROCOIS

.
. ..
.

O colega de Matemáticas pediume hoxe uns minutiños da miña clase de Historia para que os alumnos de 4ºA lle puxesen o ramo a un decisivo exame (estamos no tempo do tequeletéquele): Déixame un anaco que teño aí uns morrocois, con perdón, que non dan entregado.
.
Quedei pillado coa expresión morrocoi, cacheei por ela un instante na miña base de datos e, se algunha vez a atinxir, esvaéraseme do disco duro dos miolos. Pregunteille ao compañeiro polo seu significado e contestoume que adoito lla escoitara dicir aos seus avos –doutos avós–, que os vellos a empregaban para cualificar a alguén lento, tardo, pachorrento, badento, cachazudo, foupeiro, pachán, pacienzudo, pousafoles, pousado, pousón… Teimei na solución definitiva do enigma, xa que o de mates é natural de Soutelo e eu, de Cerdedo, e ambas as dúas aldeas pertencen á bisbarra de Terra de Montes (Pontevedra). Cumpría achar axiña o sentido do vocábulo, malia que só fose por dignidade.
.
Procurei a resposta nos dicionarios. Nada. Recorrín finalmente a Google e eureka!: un morrocoi, ou morrocoio, é un sapoconcho, unha tartaruga; caste de réptiles comúns en Venezuela e en boa parte de Latinoamérica. Sendo a bisbarra de Terra de Montes alcouve de emigrantes, algún que outro retornado, o misterio ficaba esclarecido.
.
Engádase, daquela, morrocoi á xenerosa restra de sinónimos do adxectivo lento. Viva a nosa lingua universal! . .
.
>>>
Fotografía: Tartaruga morrocoi (Trachemys dorbignyi, Geochelone carbonaria).
Mapa: No estado Falcón, ao noroeste de Venezuela, entre as poboacións de Tucacas e Chichiriviche, localízase o Parque Nacional Morrocoi:
.