.
.
Ruínas do pazo das Raposeiras, casa natal de Sarmento en Cerdedo.
Ruínas do pazo das Raposeiras, casa natal de Sarmento en Cerdedo.
.
.
Baseándonos nos escritos do
Padre Sarmento, o itinerario rexistrado polo Concello de Cerdedo como PR-G 69 pode chamarse de calquera
xeito agás “Sendeiro Fr. Martín Sarmiento”.
.
.
.
A
década dos noventa chegaba á súa fin e, asemade, en Cerdedo, o meu labor de
recolleita de testemuños orais (traballo de campo), en prol de editar un manual
que, a xeito de inventario, contivese e explicitase o rico acervo material e
inmaterial da parroquia de San Xoán (onomástica, arte, arqueoloxía,
mitoloxía...). Tocaba, xa que logo, alzar e peneirar toda a información
recadada e dar principio á tarefa de redacción.
.
No ano 2002, saía do prelo Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Inventario
xeral. O capítulo VII do libro ocupouse, entre outros asuntos, de salientar
o estreito vínculo existente entre frei Martiño Sarmento (Pedro Xosé García de
Ceraxe Gosende Valboa e Sarmento) e a casa-pazo dos Gosende, os seus
antepasados, sita no lugar das Raposeiras (Meilide).
.
Cómpre dicir, a xeito de oportuna homenaxe, que
foron os escritos do crego Antonio Rodríguez Fraíz os que me puxeron sobre a
pista de Sarmento en Cerdedo. Fraíz, oriúndo da freguesía de Tomonde, escribira
en 1972 un documentado e esclarecedor artigo: “Los ascendientes del Padre
Martín Sarmiento en Cerdedo” (Cuadernos
de Estudios Gallegos, vol. XXVII). En 2012, ano no que andamos, cúmprese o
centenario do nacemento do que fora cronista de Terra de Montes.
.
Tamén en 2002, viu a luz Cerdedo na obra do Padre Sarmento que, coma o anterior, volvía
facer fincapé na natureza cerdedense do relixioso, sumándose á restra de
publicacións que, no “Ano Sarmento”, se ocuparon por extenso da figura do
polígrafo ilustrado. Desta maneira, Cerdedo expresaba con voz propia a loanza e
agradecemento dos que o frade das Raposeiras era merecente. Ende ben, a Academia
Galega decidira dedicarlle a Martiño Sarmento, precursor do galeguismo e da
normalización da nosa lingua, o Día das Letras Galegas de 2002, ao se cumpriren
230 anos do seu pasamento. Ambos os dous libros e os máis da colección “Cerdedo
in the Voyager” acharon, xaora, inspiración no maxisterio sarmentino.
.
A tese cerdedense, en detrimento da berciana,
defendida nas páxinas das miñas anteditas monografías, sería, anos despois (no 2008),
corroborada polo profesor José Santos Puerto, da Universidade de La Laguna (léase
o artigo: “Martín Sarmiento, natural de San Juan de Cerdedo”, publicado no nº
12 da revista Sarmiento). Tras arduas
pescudas, Santos Puerto atoparía nos arquivos do convento de San Martín, en
Madrid, acaído papelorio que probaba –en ausencia de refutación fundamentada– a
nacenza de Sarmento no pazo das Raposeiras de Meilide (Cerdedo) o 9 de marzo de
1695. O Padre Sarmento, monxe bieito, ingresara neste mosteiro madrileño á
idade temperá de 15 anos.
.
Se a soa ascendencia cerdedense de Sarmento era
motivo abondo de orgullo e ledicia, canto máis, ao socairo das probas
documentais, a certeza do seu nacemento á beira do río do Seixo. Porén, para as
autoridades locais, a feliz evidencia traduciuse, como de adoito, en mutismo.
Xa en 2011, o Concello decidiu rebautizar a costa de Meilide, outorgándolle a
pomposa denominación de “Avenida do Padre Sarmiento”, malia que para tal fin,
houbese que choela con quintais de bloque imitación pedra e cemento a esgalla.
Pola contra, o pazo das Raposeiras (séc. XVI) ameaza con virse abaixo, así o
dispoña o ventimperio.
.
En 2002, co gallo da presentación dos meus
libros en Cerdedo, entendín oportuno deseñar un itinerario cultural co que, ao
tempo que se honraba a memoria de Martiño Sarmento, se dese a coñecer, tomándoo
como guieiro, o patrimonio do concello. Así o referín na prensa local (Faro de Vigo, 13-12-2009): “Naquelas
mesmas datas, enxeñei o “Roteiro Sarmento” –e mais o tríptico informativo–,
baseándome nos itinerarios seguidos polo noso frade nas dúas visitas –aquelas das
que deixou constancia escrita– realizadas ás Raposeiras de Meilide, berce da
estirpe dos Gosende, os seus devanceiros (viaxes de 1710 e 1745)”. Co apoio da
asociación cultural Verbo Xido, en maio de 2002, celebrouse a primeira edición
do “Roteiro Sarmento”.
.
Na viaxe a Madrid de 1710, co gallo do seu
ingreso en San Martín e por se despedir dos seus parentes de Meilide, Sarmento
abandona Pontevedra e acada a aldea de Pedre percorrendo o camiño real (hoxe,
N-541). Dende Pedre, cruza a Limeres pola verea do monte. Dende Limeres,
diríxese á Revolta, vadeando o río das Cervas na súa embocadura. Da Revolta a
Cavenca, polo camiño das Lameiras, e de Cavenca até as Raposeiras, descendendo
pola corredoira do Rapenlo, cruzando o río do Seixo por uns antigos peares e,
finalmente, subindo a congostra dos Portamuíños:
.
.
Desde
Pedre, siguiendo Lérez arriba, a una legua está la feligresía de San Juan de
Cerdedo [...] Cuando pasé a tomar el hábito, no fui de
Pedre a Cerdedo ni pasé su puente. Caminé derecho a Limeres, su aldea, después
pasé a otra su aldea Cavenca; después vadeé el río do Seixo, que no tiene
puente, y luego me metí en la casa del lugar das Raposeiras.
.
Sempre consonte o seu diario de viaxe, de
retorno a Madrid tras o periplo galego de 1745, o Padre Sarmento achégase de
novo á casa familiar dos Gosende. O 2 de decembro chega a Pedre, avanza pola
ourela esquerda dos ríos Lérez e Castro (o seu afluente) e sobe a Cerdedo,
cruzando a ponte de Santo Antonio. A seguir, baixa a Piñoa, pasa a súa ponte e
ascende, por camiños de servidume (expeditos naquela altura do ano), até As
Raposeiras:
.
.
El
río, sólo en este espacio, va llano por praderías. A media legua río arriba le
entra a la derecha el río das Cervas, que pasé. A poco arriba, sobre el río
grande, está la capilla de San Antonio. Después hace ángulo y confluencia el
río Lérez, que baja hacia el norte, con otros dos ríos, en uno ya, que viene de
hacia Cerdedo [ ] Después está el puente de
Cerdedo de piedra buena, por el cual pasan unidos los dos dichos ríos antes de
unirse al río Lérez. Pasé por Cerdedo; después pasé el río y puente Piñoa y
llegué a la aldea das Raposeiras y hay una legua de Pedre [...] en este viaje de ahora, rodeé al puente
Piñoa, porque non se podía vadear el río do Seixo.
.
O día 5 de decembro de 1745, despois de
pernoctar tres xornadas no pazo das Raposeiras, o frade reemprende viaxe cara a
Madrid, arrodeando polo alto do monte do Seixo. Ascende, daquela, pola costa da
Ghalghareta, a costa do monte de Meilide, acadando o cume do Outeiro do Coto
(1.015 m), co desexo insatisfeito de albiscar o mar dende a altura:
.
.
Dista
Sotelo una legua de Raposeiras pero yo anduve dos leguas, rodeando y subiendo
al monte do Seixo, de camino, con el fin de registrar de lo más alto las rías
de Pontevedra, Vigo, Padrón, Noya, etc., si lo permitiese el sol. No lo
permitió a causa de nieblas y borrascas alternadas. El camino, que hice es el
siguiente: [ ] De Raposeiras a Meillide.
Ermita de Loreto [ ] Principio de la
subida al Seixo. Porto de Cobaladrós, arroyo. Portela da Moreira. Peña
Cavaleirada, una sobre otra. Porto da Mô. Y a la izquierda La Gayosa.
Rebordelo. Outeiro Branco. {También hay en el Seixo el Outeiro Salumbreiro}. As
Laceiras. A Laxe Longa. Porto Gestido Pequeño. Campo dos Teixugos. Coto do
Toucedo. Outeiro da Cama. A Laxe do Mosqueiro. {Es muy alto, se junta el ganado
cara al poniente a recibir el aire del mar}. Outeiro Salumbreiro. O Chao do
Tendal [ ] A la derecha quedan: As
Pozas do Gestido Grande, en donde nace el río do Seixo, que baja a Raposeiras.
La falda do Outeiro do Coto, que es el más alto.
.
O “Roteiro Sarmento” de Cerdedo, composto por
quen escribe, pretende conciliar estes dous itinerarios. Xa que logo, situados
os paseantes na praza da igrexa de Cerdedo –comezo do roteiro–, convídaselles a
descender pola Torrente e cruzar o río do Castro pola ponte de Santo Antonio,
até a ermida do santo portugués (en sentido contrario ao camiño descrito por
Sarmento en 1745). Após, a aldea da Revolta e, pola senda das Lameiras, deica
Cavenca. De Cavenca até As Raposeiras (en base a rota seguida polo frade en
1710). Das Raposeiras, pola costa do Ladrillo arriba, até a capela do Loreto
(patroa de Meilide) e, dende o Loreto, pola costa do monte, até o cimo do Seixo
(outra vez, conforme a rota de 1745). Eis, o “Roteiro Sarmento” en Cerdedo,
confeccionado en base aos apuntamentos do freire, fidel á tradición e co
obxectivo de espremer todo o potencial do privilexiado escenario.
.
O “Roteiro Sarmento” callou, abofé, entre os
andaríns. Tempo despois, sen consulta nin gratitude, o Concello de Cerdedo
apropiouse da iniciativa e redeseñou arbitrariamente o itinerario,
desencarreirando os viaxeiros e guiándoos por vereas nunca transitadas por
Sarmento. Non contentos con isto, en 2008, asfaltaron groseiramente a
antiquísima corripa das Lameiras que une as aldeas da Revolta e Cavenca. Como non podía ser doutro xeito, na Internet, innúmeros excursionistas ofrecen testemuño do lamentábel
estado de conservación do PR-G 69.
.
O denominado “Sendeiro Frei Martín Sarmiento”
ou PR-G 69 (circular, de 11 km aprox. de
lonxitude e dificultade media/baixa), instituído ás toutiñas polo Concello de
Cerdedo, obriga o camiñante a ascender até a aldea de Lourido pola costa do
Salgheiral para acadar despois o rueiro da Revolta. Obriga, así mesmo, a
atravesar a aldea de Meilide e ascender á de Carballás pola costa do monte,
para, despois, descender até o lugar de Barro de Arén e, pola beira do río do
Castro, rematar en Cerdedo. Non discuto a beleza do itinerario, porén, en base
aos minuciosos escritos do monxe, pode ser nomeado de calquera xeito agás “de
Fr. M. Sarmiento”.
.
Eu sigo, paciente, na miña. O “Roteiro
Sarmento” permite que o visitante admire, de primeiras, a igrexa parroquial de
San Xoán Bautista, de feitura neoclásica e portada barroca (século XVIII).
Despois, A Torrente, carreiro enlousado; a ponte medieval de Santo Antonio, a
ermida homónima (século XVIII), o rueiro da Revolta, o carballón centenario das
Lameiras, a aldea de Cavenca, a capela de San Salvador (séculos XVI-XVIII), o
pazo de Cavenca (século XVI), segundo o pobo, casa natal de Rosalía de Castro;
a ponte dos Portamuíños, o pazo das Raposeiras (século XVI), casa natal do noso
protagonista; o lugar de Meilide, a capela do Loreto (século XVIII), a costa da
Ghalghareta, enlousada até a fonte de Sanabarrighas, na chaira de Rebordelo, e,
xa no alto, toda a potencia lendaria do monte do Seixo.
.
Deste xeito, procurei sumar os atractivos do
tránsito polo fondo do val (rota dos poboados) coa prodixiosa beleza da montaña
do Seixo (rota montesía), alicerzando o denominado “Proxecto Montaña Máxica”: a
valorización integral dos recursos turísticos da parroquia de Cerdedo.
.
Dende a primeira excursión guiada polas lombas
do Seixo, alá no ano 2005, acompañei máis de 2.000 persoas a través dos oito itinerarios
míticos elaborados para a montaña (que integra a Rede Natura), porfiando en
descubrirlles o que aqueles predios atesouran, alén do misérrimo e asoballador
parque eólico. Amais doutros chopes, é “vox populi” a condición de sinecura da
instalación industrial.
.
Quizais non dean creto, mais, nestes sete anos,
ningún dos responsábeis de Cultura dos concellos que estreman nos cumes do
Seixo (Cerdedo, Forcarei, A Lama) amosaron o mínimo interese polo que a maioría
considera unha iniciativa reactivadora da precaria economía da bisbarra. Poucas
as grazas, os Concellos de Cotobade e Beariz ofrecéronme, xacando, a
posibilidade de presentar no seu territorio o libro Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas, editado en 2008,
oportunidades que non desaproveitei.
.
Esta é, desculpen a inmodestia, a miña verdade.
O tendencioso ostracismo decretado polos que, no lugar, din rexer os intereses
de todos non me vai facer recuar, posto que, lonxe de Cerdedo, a gozosa
angueira obtivo o recoñecemento de ilustres persoeiros da nosa cultura, a
agarimosa atención dos medios de comunicación e, así mesmo, deparoume centos de
novas e boas amizades: os caros confrades da Montaña Máxica. Prométolles,
mentres haxa saúde, teimar na loita.
.
.
Artigo publicado no semanario Sermos
Galiza nº 12 (24-8-2012).
.
.
.
No hay comentarios:
Publicar un comentario