2/9/07

PACO SUTIL, ARTE PICTÓRICA


Quen deu por esvaída a fermosura? Quen se afana en murchar o arco da vella, o abrente, o solpor, o setestrelo? Quen enxerga apazugar o ánimo crebado no esgrevio xergón da fútema? Malpocados. A beldade aínda campa, aínda reina nos recantos intocados, nos secretos paraísos dos poetas, na lenturosa ensoñación dos pintores, pegureiros da natureza indómita.

Só o artista, caste senlleira, sabe das vereas, dos peares, dos pasadoiros acochados, roteiros iniciáticos que conducen o espírito perante o espello das esencias; quizais unha folla en branco, quizais un branco lenzo, quizais unha lene saba de neve encol dos picoutos da soidade...

E acordamos os ollos esgotados de mundo ao verde das ribeiras que recenden a troita e á fariña das moendas de outrora. Tanxe o vento na folla de bridos e ameneiros. Bea unha ovella, brada un boi. Regalamos a vista cansa ao azul dos cantís e mar aberto –o salitre presentido axota o pestanexo–. Espeta o carrán coma lóstrego. Larga o pano unha dorna.

Rebumbio de xente. Pendello a pendello, a vida é romaxe. Rabúñanos arestora a miraxe da augardente, leite pagán da alquitara; do caldo albariño, do caíño que risca a súa negra pouta no luar da cunca. Goréntanos o molete, froito da seara triga, acabadiño de enfornar, amosando impúdico o miolo, aínda quente. Que mellor leito para unha onza de polbo á feira? Que mellor cameiro para unha sardiña de San Xoán?

De socate, o rubir fricativo da foguetaría asolaga os sentidos, cobra fatua, bulleiro de pólvora, cadoiro de estouros abouxantes. Irrompen as gaitas no torreiro, andoriñas de fol. Torna o gaiteiro da música, gado rebuldeiro, e acortíñao en pasarrúas, muiñeiras, alboradas... Gaiteiriños da Galiza, rexos mariscais do sentimento, rubio sangue e acibeche nas galas. Emerxe dos piagos da alma un aturuxo, pois cadora, cómpre tirarlle o testo á emoción que ferve. Céibanse as pernas ao antollo do redobrante e, daquela, as pólas do corazón estalícanse de corvos e amargura. Oxalá fose eterno este intre.

Eis o universo do mestre Sutil. Os seus corpos celestes ordénanse coma mazás maduras na herbeira, á roda da mazanceira abaloirada pola airexa do agosto. Arte pura, límpida, reconfortante. Pintura exenta dos adobíos da falsa modernidade. Pintura intemporal, eterna, á contrafío das modas. Testemuño dunha beleza pretérita ou ameazada. Valioso documento etnográfico. Cando a nosa identidade se sublime no fumeiro da lembranza, a pintura de Sutil, frauta engaioladora, deitará no chan un fío de faragullas, chamaranos docemente, convidándonos a atravesar a tea por ver de achar no outro lado os vestixios de quen vimos sendo.

2-9-2007
.
.

No hay comentarios: